A escola nunca puido situarse á marxe das cuestións sociais, ainda nos momentos de maior influencia de fórmulas tecnocráticas, que a pretenderon reducir a mero axente de transmisión de coñecementos. As denuncias polo seu papel na reprodución das desigualdades sociais nunca foron totalmente silenciadas e, en moitos casos, o profesorado tomou conciencia do seu papel diante desa cuestión. Eran moitos os que pretendían que aumentasen as oportunidades formativas e de promoción social dos sectores máis desfavorecidos; aqueles profesionais da educación que puñan os intereses da infancia por enriba dos ditados da sociedade e a administración de turno. A historia do asociacionismo do maxisterio ten un compoñente sindical de reivindicación de condicións laborais, pero en boa parte dos casos, completado coas demandas dunha mellora da realidade escolar e das condicións de vida da infancia.
© 2001-2025 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados