Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Algunhas claves para comprender a escolla dos estudos universitarios polo alumnado galego

  • Autores: Esther Vila Couñago
  • Directores de la Tesis: Esther Martínez Piñeiro (dir. tes.)
  • Lectura: En la Universidade de Santiago de Compostela ( España ) en 2017
  • Idioma: español
  • Tribunal Calificador de la Tesis: María-Luisa Rodicio-García (presid.), Elena Fernández Rey (secret.), Pedro Ricardo Álvarez Pérez (voc.)
  • Programa de doctorado: Programa de Doctorado en Educación por la Universidad de Santiago de Compostela
  • Materias:
  • Enlaces
    • Tesis en acceso abierto en: MINERVA
  • Resumen
    • A presente tese pretende ofrecer un marco explicativo e comprensivo da escolla dos estudos universitarios que realiza o alumnado galego ao remate do bacharelato. Tras unha revisión dos principais modelos teóricos existentes e dos factores asociados ás eleccións académico-profesionais, adoptamos unha concepción integradora que abarca a análise de diversas variables de tipo persoal, familiar, escolar e social para indagar nas claves que subxacen ás preferencias e ás escollas efectuadas respecto á carreira universitaria.

      A investigación toma como marco xeográfico de referencia a provincia de Pontevedra, abordando o fenómeno obxecto de estudo dende unha visión prospectiva proporcionada por estudantes de 2º de bacharelato e un enfoque retrospectivo achegado por alumnado universitario de 1º curso. Centrámonos fundamentalmente en cinco carreiras universitarias: Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Industrial, Medicina, Psicoloxía e Dereito. Emprégase unha metodoloxía mixta de investigación levada a cabo de forma secuencial: primeiramente realízase un estudo extensivo, de tipo cuantitativo (descritivo-correlacional), utilizando o cuestionario como instrumento de recollida de datos, e posteriormente un estudo intensivo, de tipo cualitativo, a partir de entrevistas semiestruturadas.

      Entre os resultados obtidos, evidenciamos que variables como o sexo, a cualificación académica e a clase social teñen un gran peso sobre as escollas académicoprofesionais.

      A grandes trazos, dende a perspectiva do propio alumnado, os aspectos concretos que resultan máis relevantes á hora de escoller unha carreira universitaria son: o interese polo posible traballo a desempeñar, a satisfacción persoal que produce a profesión, a crenza de ter capacidade para desenvolver ben esa profesión, o interese polas cuestións tratadas nos estudos, a crenza de ter capacidade para realizar os estudos e as boas perspectivas de emprego que brindan. Así mesmo, advertimos unha importante influencia por parte dos proxenitores e doutros parentes próximos a través das recomendacións e opinións que lles proporcionan e/ou os modelos e referentes que estes familiares conforman coa súa traxectoria académica e profesional. Por outra banda, constatamos que os recursos electrónicos, seguidos dos familiares e amigos/as, son as fontes de información máis consultadas polo alumnado sobre as posibles carreiras e/ou estudos a cursar despois do bacharelato. No seu conxunto, o alumnado considera que se preocupou bastante por buscar información, aínda que se pon de manifesto a falta dunha información académico-profesional completa e precisa para afrontar eficazmente a escolla da carreira. Ademais, polo xeral, os estudantes atribúenlle pouca utilidade para clarificar as súas ideas á orientación que recibiron por parte do centro de secundaria.

      Para finalizar, o traballo recolle liñas xerais de actuación orientadora axeitadas ás necesidades dos destinatarios/as, avogando por unha intervención global que implique activamente aos diversos sectores da comunidade educativa e que logre a incardinación plena da orientación académico-profesional no currículo escolar ao longo das diversas etapas educativas.


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus

Opciones de compartir

Opciones de entorno