Nos seus primeiros corenta anos, a sociolingüística galega centrouse de forma prioritaria no proceso de estandarización da lingua e no seguimento demolingüístico dos galegofalantes como parte das urxencias derivadas da institucionalización da Lingua Galega e do proceso de "normalización lingüística". Pola contra, o "cambio de lingua" do Castelán ao Galego foi escasamente atendido. Esta investigación insírese na tradición do estudo dos "neofalantes", e forma parte dun proxecto intercomunitario que analiza este proceso en diversas rexións do Estado español.
A nosa aproximación parte dunha análise crítica do concepto "neofalante", destacando como a súa reificación pode limitar a observación de prácticas lingüísticas máis heteroxéneas. Nesta liña, propón unha aproximación procesual ao "cambio de lingua" baseada na noción de desprazamento lingüístico que permite explorar casos liminares e tensións nas categorías sociolingüísticas como a de "neofalante".
Deste xeito, analízase o desprazamento lingüístico do Castelán polo Galego en Galicia desde a perspectiva da sociolingüística crítica, integrando o coñecemento socioantropolóxico e as teorías da acción para a análise da práctica lingüística. O obxectivo principal é describir e comprender os procesos de transformacións do repertorio lingüístico en uso atendendo á intersección entre as prácticas e traxectorias lingüísticas individuais e o contexto sociopolítico.
O traballo de campo realizouse na Universidade de Vigo. O contexto universitario é entendido como un espazo de socialización secundaria onde os falantes reconfiguran as súas prácticas lingüísticas en interacción con novas comunidades de práctica e en relación cun reposicionamento subxectivo froito da entrada nun novo contexto de sociabilidade. A produción de material empírico combina a observación participante, as entrevistas semiestruturadas e a documentación, entre outras técnicas.
O estudo destaca que a participación en comunidades de práctica favorables ao Galego facilita o desprazamento lingüístico, especialmente cando este se vincula con procesos identitarios e investimentos sociais ou profesionais. Ademais, sublíñase o papel da axencia na transformación da lingua habitual, analizando a xestión metalingüística, a autovixilancia e a intersección entre ideoloxía e práctica. Así, o traballo propón unha superación da dicotomía entre axencia e estrutura para interpretar o desprazamento lingüístico como un proceso situado, dinámico, non lineal e gradual.
En definitiva, esta investigación busca contribuír ao fortalecemento da sociolingüística crítica en Galicia, proporcionando novas ferramentas para a análise do desprazamento da lingua dominante en contextos de contacto lingüístico asimétrico.
© 2001-2025 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados