Nesta tese abordamos o estudo da reparación no contexto da economía circular. A reparación consiste na corrección de erros específicos que devolven os bens a un estado funcional. A reparación constitúe un elemento crucial da lóxica da economía circular ao tratarse dunha actividade de reutilización que permite manter o valor atribuído aos materiais, prolongar a vida útil dos bens e ralentizar a demanda de materias primas. No contexto da actual crise ambiental, que está provocada por un sistema de produción-consumo de tipo linear e o sistema de acumulación que alimenta, tórnase imprescindíbel desenvolver coñecemento útil sobre potenciais alternativas máis sustentábeis. Existe unha carencia fundamental na investigación no ámbito da economía circular que ten a ver coas propiedades socioeconómicas e estruturais da reparación. Nesta tese afondamos nesta dimensión e abordamos a problemática económica da reparación desde unha perspectiva multidimensional que abrangue: o estudo empírico da obsolescencia, o estudo das propiedades socioeconómicas da reparación e da súa inserción territorial e tamén a pertinencia das políticas para a súa promoción en relación coas barreiras estruturais que enfrenta. En termos xerais a nosa investigación corrobora a existencia de obsolescencia na forma de declive das esperanzas de vida e na forma de múltiples vectores de obsolescencia que interaxen entre si creando sinerxías perversas. En materia de inserción económica, a reparación mostrou ser unha actividade cun peso significativo nas economías, especialmente rexionais, para alén de tratarse de actividades insertas no tecido económico local e rexional. A reparación demostrou ser, adicionalmente, intensiva en man de obra e creadora de emprego en proximidade, o que sumado ao elevado grao de dispersión territorial permítenos confirmar a reparación como unha actividade con potencial para contribuír a un desenvolvemento rexional máis harmónico e cohesionado espacialmente. As emerxentes regulacións sobre a reparación, con todo, renuncian a atallar as barreiras estruturais: aquelas que emerxen dun sistema produtivo e de consumo concebidos para a acumulación. A regulación emerxente renuncia a coordenar paquetes de políticas máis ambiciosos para a promoción da reparación, o que mingua o seu potencial transformador. A reparación é unha actividade crucial na emerxente lóxica da economía circular e é tamén unha práctica consolidada e inserta nas nosas identidades de consumo para alén de mostrar un grande potencial transformador, tanto en termos ambientais como en termos socioeconómicos. Estas propiedades fan da reparación un elemento crucial na transición cara a sistemas de produción e consumo máis sustentábeis.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados