A pesares de que os seres vivos que rodean ao ser humano teñen sido estudados en profundidade ao redor de todo o mundo, non acontece o mesmo cos fungos macromicetos exceptuando nunhas poucas rexións como América do Sur, a India ou Siberia. O mesmo acontece na Península Ibérica onde, exceptuando o País Vasco e Cataluña se considera que o resto do territorio non aproveita practicamente os cogomelos, cousa que desmenten traballos actuais sobre as especies consumidas en diferentes comunidades autónomas españolas.
Semellante é o caso tanto en Galicia coma para o norte de Portugal (Minho e Trás-os-Montes) onde non hai estudos científicos sistematizados que recollan a relación dos cogomelos co ser humano, ao contrario do que acontece con plantas e animais. E, ademais, tradicionalmente se arrastra a idea de que é un territorio totalmente micófobo que non quere ter nada que ver con eses organismos.
Os saberes tradicionais están a perderse a gran velocidade, o que leva a que sexa necesario recompilalos para evitar a súa desaparición. O mesmo acontece con aqueles relacionados cos cogomelos que, ademais, presentan unha dificultade adicional á hora de recollelos posto que se trata dun tema críptico do que as xentes, sobre todo as de máis idade, non se atreven a falar libremente.
O patrimonio inmaterial relacionado co ámbito da etnobioloxía e en particular co da etnomicoloxía, parece ser inmenso e estar relacionado con tradicións máis antigas do que se puidese pensar. Por iso, se trata dun campo de moito interese para levar a cabo este tipo de traballos.
Mediante a análise das escasas referencias publicadas sobre o tema (artigos científicos, traballos etnográficos, libros de divulgación, artigos de xornais e revistas divulgativas,...) e mediante o traballo de campo, levado a cabo nas catro provincias galegas e nas dúas portuguesas, contactando con distintos informantes, realizouse unha recompilación xeral de toda a información sobre cogomelos no territorio.
E en base a todo isto, tratouse de determinar a existencia ou non no noroeste da Península Ibérica (Galicia e norte de Portugal) dun sentimento xeral de micofobia así como as súas posibles causas.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados