Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Natureza e política: da crise ecolóxica á política ambiental

  • Autores: Alexandre Cendón González
  • Directores de la Tesis: José María Hernández Losada (dir. tes.)
  • Lectura: En la UNED. Universidad Nacional de Educación a Distancia ( España ) en 2023
  • Idioma: gallego
  • Tribunal Calificador de la Tesis: María José Agra Romero (presid.), Joaquín Miguel Valdivielso Navarro (secret.), José Viriato Soromenho Marques (voc.)
  • Programa de doctorado: Programa de Doctorado en Filosofía por la Universidad Nacional de Educación a Distancia
  • Materias:
  • Enlaces
  • Resumen
    • Esta tese versa sobre a natureza e a súa vulnerabilidade. A partir do que entendemos e coñecemos por natureza ¿asunto da primeira parte da tese? iremos perfilando dende diferentes perspectivas ¿mais dende unha ollada epistemolóxica? o significado actual de natureza. Así realizaremos un breve percorrido histórico do mesmo e os fitos claves para entender a conformación deste significado, e como ¿unha vez consolidado? é partillado a grandes trazos dentro dunha cosmovisión contemporánea que aínda está en formación, revisión e configuración, mais que, aínda que non estea verbalizada ou asumida conscientemente, non obstante se impón de maneira sólida dende o ámbito da ecoloxía como ciencia, nunha nova forma de holismo onde tamén participan outros eidos do saber como a teoría de sistemas, a propia filosofía, a física ou a química.

      Do mesmo xeito e en íntima conexión co significado de natureza, abrangueremos a importancia do concepto de vulnerabilidade no asunto que nos ocupa. Ao longo das páxinas do presente escrito ollaremos como o concepto de vulnerabilidade está na cerna da cuestión actual sobre a natureza, pois a preocupación contemporánea pola mesma non é tanto de índole conceptual, teórica, epistemolóxica... como si arredor do dano infrinxido polo metabolismo social humano na mesma, a un nivel local e global, de xeito continuado ou puntual, pero cunhas características que fan que ese dano sexa suficientemente grave para que sexa causa de preocupación e de interese para guiar a nosa acción, individual e colectiva, dende ópticas éticas e políticas. A vulnerabilidade polo tanto é unha constatación das nosas accións no medio que nos circunscribe e que posibilita a nosa existencia. Partindo da afirmación do filósofo da bioloxía Richard C.

      Lewontin ¿tal e como non existe ningún organismo sen ambiente, tampouco existe ningún ambiente sen organismo?1, debemos entender que ambos son o resultado de interaccións que se alimentan mutuamente, polo tanto son inseparábeis, onde o dano nun repercute ou se traduce no dano no outro, como a parte dun todo.

      Na segunda parte da tese ollaremos a reacción política, entendida como a acción conxunta da sociedade, ante os problemas derivados do dano á natureza, nomeadamente fixarémonos no ecoloxismo como forza e ideoloxía política que centrou o seu discurso e acción neste feito, que para el é fundacional como nova ideoloxía política que é, tal e como o defendeu no seu momento Andrew Dobson, no seu célebre libro Pensamento político verde. Unha nova ideoloxía para o século XXI. Desta maneira ollaremos o seu nacemento e distanciamento doutras formas políticas, éticas e ideolóxicas previas como o conservacionismo, o preservacionismo... até a súa conformación actual e a súa pretensión de mudanza radical das sociedades humanas contemporáneas.

      O vencello directo e profundo entre a crise ecolóxica e o xurdimento do capitalismo é algo que se pon de manifesto no transcurso destas páxinas. Ese vencello porén, non se podería entender sen a característica da vulnerabilidade esquecida e velada da natureza, esa mesma vulnerabilidade que a despregadura do capitalismo agocha na sociedade e nas persoas que conforman a mesma. Esa vulnerabilidade que parte da comunidade de seres e das súas relacións de interdependencia que fan posíbel a mesma comunidade, como rede orgánica, como base de sustentación da vida, de calquera vida particular. É esa comunidade a que periga.


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus

Opciones de compartir

Opciones de entorno