Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Resumen de O estatus servil na Alta Idade Media. Escravitude e servidume na sociedade galego-portuguesa (séculos IX-XII)

Marcos Fernández Ferreiro

  • Os estudos sobre a estratificación social altomedieval recollen, en esencia, a aparición da servidume rural campesiña, como a forma de ausencia de liberdade propia do medievo. Porén, ao mesmo tempo, esta conviviu coa escravitude, converxendo ambas no estatus servil. Unha categoría tanto xurídica, pois a carencia de dereitos das persoas estaba sancionada de iure, como socioeconómica, xa que moitos campesiños libres carecían, de facto, dos mesmos dereitos vedados aos non-libres e iso tendía a asimilalos na perspectiva dos poderosos. Con esta análise do status servil no NW peninsular preténdese aportar unha renovación, nun territorio para o que a maioría das investigacións monográficas sobre este tema se realizaron hai máis de medio século. Así, a través das fontes lexislativas, da documentación de arquivo e de variada información cronística verifícase a converxencia entre a escravitude e a servidume autóctonas durante os séculos IX-XII, a través da adscrición á terra e da instalación familiar: na servidume acabaron por reunirse case todos os campesiños e por sufrir a explotación, a dominación e ás veces tamén o desprezo dos poderosos. Os libres foron caendo nas redes da dependencia señorial ao perder as súas propiedades e converterse en rendeiros; os non-libres, en troques, acadaron a integración comunitaria por medio do seu aveciñamento e da relixión cristiá compartida. Simultaneamente, paseniño, a escravitude foránea, fundamentalmente andalusí e norteafricana, pasou a ocupar o espazo da exclusión e da alteridade plenas. Con todo, cara os séculos baixomedievais, na sociedade do NW estes escravos e escravas alóctonos, aínda que existentes, semellan ser xa moi minoritarios


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus