A presente investigación ten como obxectivo a análise do mercado medieval na cidade auriense dende o punto de vista da súa regulamentación, tanto no ámbito local e comarcal, como no contexto xeral dunha especie de réxime xurídico de dereito público. Móvese, en consecuencia, este traballo, por un lado, dentro da realidade concreta da comunidade auriense, manifestada nas diversas actividades económicas de intercambio, e, por outro, nun plano xurídico teórico de carácter xeral ou territorial.
No marco social e urbana, aparece a civitas asentada e sucada por un tramado de camiños, e sen máis murallas que as da auga dos seus ríos, Miño, Loña e Barbaña e a do viño. Xorde así, a finais do século XI, xunguida á restauración da sede episcopal e suxeita á autoridade xurisdicional do seu prelado (1071), baixo os condicionantes substanciais da contención árabe e da repoboación territorial. Sobre esta base de poderío absoluto do bispo, en pugna e modulado paulatinamente durante o medievo pola influencia natural do concello, foise conformando un núcleo de poboación dedicado substancialmente ás labores agrícolas e vinícolas, nun espazo urbano folgado e en rápida construción de casas e tendais en rúas e prazas, mesturado de hortas, chousas e soares, arbores froiteiros e oliveiras, no que irán aparecendo mercadores e artesáns.
Nun primeiro bloque de normas de ordenación local relacionadas co mercado, realizamos o estudo das substanciais concesións da raíña dona Tareixa de Portugal (1122) e do bispo Diego Velasco (1122), dos outorgamentos de Afonso VII (1131) e de Fernando II, sobre a doazón do dominio íntegro e exclusivo da cidade á sé auriense e o establecemento da feira mensual, e da sentenza de Afonso X (1259), que constitúe un extenso estatuto xurídico da cidade, á parte das disposicións relacionadas coa real feira do san Martiño.
No ámbito xeral, examinamos os factores máis importantes que afectan á actividade comercial ‒á parte da intervención de comerciantes e mercadores nos eventos feirais, mercadorías e medios de pago, vías e medios de comunicación‒ nos textos xurídicos do medievo, tanto no ámbito territorial de León e Castela e local, en especial os derivados da obra lexislativa de Afonso X –propulsor dun novo dereito rexio sobre a base integradora do ius commune–, así como os producidos a través dos ordenamentos de Cortes; como no ámbito local, centrado substancialmente nas ordenanzas, cuxa estrutura e contido resultan obxecto de análise, á parte doutros actos e mandados de carácter administrativo, que constitúen unha minuciosa regulamentación da vida local e das actividades relacionadas co mercado e, en particular, as manifestacións da fiscalidade na civitas medieval auriense, condicionante tanto da economía do concello, como da vida dos seus veciños e moradores e das súas actividades comerciais.
Complétase a estrutura temática do traballo co exame dunha serie de factores que traban, tanto as actividades produtivas ordinarias, como á circulación de persoas e mercadorías cara ás sedes mercantís e feirais de mercado. Trátase dos agravios e abusos de poder, baixo o amparo institucional, e os conflitos bélicos entre os señoríos territoriais do redor, problemas defensivos da cidade e desprotección dos camiños, abusos tributarios, e doutros factores ocasionais, como a explosión antixudía e a peste.
Inclúese ao final do texto un Anexo, no que se recolle un glosario de termos e expresións xurídicas relacionados co mercado, elaborado sobre a obra de X. Ferro Couselo, A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, entendido como punto de partida para ulteriores incorporacións. Péchase o estudio cunhas conclusións básicas para destacar o que, ao noso entender, poden constituír os aspectos máis significativos da ordenación xurídica do mercado medieval na cidade auriense.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados