Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Resumen de A representación dos espazos suburbanos no cinema ficcional europeo tras a caída do muro de Berlín

Martín Paradelo Núñez

  • Trátase de trazar unha panorámica sobre as diferentes formas de representación que o cinema europeo desenvolveu para se enfrontar á filmación dos espazos suburbais das cidades europeas. Partirase dunha definición destas estratexias de representación fílmica desde a definición dos diferentes modos de representación cinematográficos e farase fincapé na importancia do realismo e da capacidade de transmisión dunha visión crítica sobre a cidade como colector social e as dinámicas socio-económicas que poden definirse nos espazos surburbiais. Trátase de inserir a práctica fílmica e a representación cinematográfica dentro dun complexo entramado económico e ideolóxico, e de inserir os distintos modelos que analizaremos, as súas escollas éticas e estéticas, dentro deste marco. Analizarase de que maneira o cinema contribúe ao coñecemento histórico e estabeleceranse as formas de relación entre a imaxe cinematográfica e a sociedade que a produce, trantando de descubrir as orixes históricas e culturais da obra e o seu cruce coas formas de pensamento do seu propio momento histórico, de interrogar os filmes como formas pensantes e indagar nas ideas que se esconden no interior dos textos fílmicos e procurar as orixes e as implicacións ulteriores destas ideas. Tómase como momento de corte a caída do muro de Berlín, en canto que este acontecemento límite inicia o periodo de expansión do sistema capitalista en toda Europa e acelera a súa reconversión cara a unha economía postindustrial na que se redefine a totalidade das relacións socio-económicas, así como as estratexias de dominación e de reproducción do capital tanto como as estratexias de resistencia e adaptación das clases subalternas. Tómase tamén este momento de corte como o momento a partir do que se pode definir, como tendencia ben asentada, un interese no cinema europeo pola representación das marxes urbanas, sexa desde a análise destas como espazo das novas formas de burguesía ou dos estratos altos da clase media, sexa como espazo da nova marxinalidade. Neste sentido, farase fincapé neste segundo espazo, no que se insertarán a importancia da representación de diversas problemáticas fundamentais. Por un lado, a representación dos espazos onde se desenvolve a cotidianidade vivencial. Por outro, a representación das categorías de raza e xénero. Tamén se lle dará importancia á representación dos espazos de traballo, así como a distintos espazos institucionais que se reservan para estes marxes urbanas e sociais, dependentes dos aparatos de control do sistema. Asimesmo, trazarase unha visión da transformación histórica sufrida por estes espazos, da súa cambiante relación co centro urbano e con outras zonas periféricas dedicadas e usos contrapostos, da conversión do rural e a súa inmersión no urbano como zona periférica, así como a súa función de social como colector de diferentes colectivos relegados á marxe social, como a inmigración, as persoas drogodependentes, as personas marxinadas etnicamente, a pequena delincuencia ou os estratos máis baixos e inestabeis da clase obreira. Tratarase abarcar unha análise da representación suburbana no conxunto do continente para un periodo de vintecinco anos, para o que se recorrerá a exemplos sobranceiros de diferentes cinematografías, sempre que sexa posíbel introducíndoas en tendencias colectivas ou grupais en canto aos seus parámetros estéticos. Cada un dos diversos modelos e autores fílmicos será analizado esteticamente, en canto ao desenvolvemento das súas particulares formas cinematográficas, historicamente en canto aos modelos fílmicos do pasado cos que se pode relacionar, e en termos do sentido desenvolvido en canto á lectura do espazo social que efectúan nas súas obras. Trazaranse, finalmente, liñas comúns e diverxencias entre os diferentes modelos analizados.


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus