Marcial del Adalid (A Coruña, 1826-Pazo de Lóngora, Oleiros, 1881) é unha das grandes figuras da música galega do século XIX. Formado en Londres e partícipe da actividade artística de París, admirador de Mendelssohn, Schubert e Chopin, relacionado coas elites da creación musical do seu tempo, podemos consideralo como un dos alicerces musicais do Rexurdimento. A prolífica produción compositiva de Marcial del Adalid, especialmente para piano, enmárcase dentro do Romanticismo centroeuropeo, actualizado coas tendencias imperantes da época. A súa obra, certamente ambiciosa, atinxe rexistros académicos e, ao mesmo tempo, procura raíces identitarias na tradición, o que lle confire unha forte personalidade, na procura dunha linguaxe propiamente galega. Con todo, malia a popularidade que acadou na súa época, en moitos aspectos segue sendo un gran descoñecido.
Hai case cen anos que a súa biblioteca, de innegable valor, constituída por centos de partituras dos máis destacados compositores españois e estranxeiros, xunto coa case totalidade do seu legado compositivo, foi doada á Real Academia Galega, converténdose esta institución na depositaria do maior fondo documental atesourado sobre o autor, referente de consulta obrigada para o seu estudo.
A musicóloga Laura Touriñán investigou a súa obra e preparou para a Real Academia Galega este valioso traballo. Contribuír á recuperación do noso patrimonio musical e ao enaltecemento do eximio mestre Adalid é a motivación principal que vertebra o presente traballo.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados