O conxunto das case duascentas postais circuladas que integran este álbum, pertencentes todas elas á colección particular de Carlos Díaz Martínez, corresponden aos anos 1900 a 1930 e permiten un achegamento introspectivo a realidade urbana de Compostela neses tempos: dende a reticulación urbana e o estado dos seus conxuntos monumentais ata detalles estéticos e particulares da vida social e cultural do momento. Nos anos do noso percorrido a vida social (ilustrada no traballo de Baldomero Cores Trasmonte, Minerva de Occidente) da cidade xira, esencialmente, entorno a dúas realidades sociais contradictorias: relixión e cultura. As actividades sociais e de feito económico da relixión parten da realidade das pelerinaxes e Festas do Apóstolo (Catedral) ou da formación (fábrica) de curas, monxes e frades (seminarios e conventos).
Noutro extremo o feito cultural (ilustrado polo traballo de Miguel Anxo Seixas Seoane, A capital do Santo Iago) organízase entorno aos aspectos formativos relacionados coas Facultades e Centros de Ensino. Mesmo se nos tempos do noso estudio a Universidade oficial non é un exemplo de evolución e progreso o feito da presencia de miles de estudiantes vai configurar gran parte da vida social e cultural. A maiores, a cidade, xa considerada como capital de Galicia, vai vivir grandes momentos creativos fundamentados entorno ao galeguismo nos aspecto culturais e políticos: dende a creación das Irmandades da Fala, o Partido Galeguista ou a Asemblea de Municipios ata o Seminario de Estudios Galegos, a Imprenta Nós ou a Biblioteca das Américas.
A definición da cidade, a maiores do aspectos urbanísticos, relixiosos, culturais, políticos..., chama a capítulo ao máximo expoñente e autor da súa creación, o morteiro e animador (etimoloxicamente «dar alma, dar vida»), o traballador individual recoñecido no ser colectivo de pobo. Dende os fundamentos canteiros, ferreiros, carpinteiros... deron vida á materia: moldearon a pedra, os metais, a madeira.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados