No Ourense da recentemente instaurada Segunda República española, a figura de Carlos Taboada Tundidor supuxo un pulo para a reorganización política das forzas conservadoras católicas fronte ao poderío inicial dos partidos republicanos e calvosotelistas. O seu papel de líder da CEDA de José María Gil Robles na provincia galega provocou disensións noutros partidos dereitistas, mais permitiu coñecer o mecanismo de funcionamento e control das elites locais dun xeito máis próximo. A través da súa correspondencia, observamos e analizamos as diversas formas de facer política dos antigos próceres conservadores do lugar e o seu enfrontamento cos novos métodos da política de masas, pero o xogo de influxo e a política caciquil da Restauración mantivéronse durante todo o período republicano, xa que numerosas familias e notábeis continuaron a manter practicamente intacto o seu poder tras a chegada do novo réxime. Grazas ao testemuño das abundantes cartas cruzadas con diversos actores políticos de relevancia da Galiza na España do momento, chegamos a coñecer unha nova visión da situación política do Ourense da época e dar luz ao papel que tivo este avogado e militar ourensán nos procesos políticos acaecidos durante o breve, mais intenso, réxime republicano.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados