As desigualdades entre homes e mulleres son unha realidade no noso contexto social. Así, malia que houbo un adianto na igualdade formal (creación de leis para a igualdade e a non discriminación e para a eliminación das formas de violencia para a muller) na consecución da igualdade real queda moito camiño por percorrer. De acordo co artigo 4 do Estatuto de Autonomía para Galicia, as institucións públicas teñen a obriga constitucional de «promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social».
O Plan de equidade que actualmente presentamos a continuación é un instrumento que ten como finalidade orientar as políticas locais do Concello dende unha perspectiva feminista co obxectivo de promover as condicións que nos acheguen, de xeito gradual, a unha igualdade real e plena.
Este informe foi posible grazas á colaboración do persoal municipal, dos grupos políticos e do tecido asociativo que participaron no seu desenvolvemento. As estratexias e accións deseñadas pretenden dar resposta ao recoñecemento de moitas melloras necesarias para acadar o benestar social vinculado á equidade de xénero que se persegue.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados