Vigo, España
O Paleolítico é unha das etapas que menos interese suscitou entre os investigadores galegos do s. xx. En termos xerais, unicamente se deron investigacións concretas e de escasa continuidade temporal, que redundaron nun coñecemento deficitario e incompleto deste extenso período de tempo. Entre os xacementos más relevantes estaba o sitio da Piteira (Toén, Ourense). Este enclave escavouse entre os anos 1976 e 1979 baixo a iniciativa de V. Rodríguez Gracia e deparou unha importante colección de ferramentas líticas. Entre estas identificábanse con claridade elementos característicos da tecnoloxía do Paleolítico medio (produtos Levallois e discoides, principalmente) e outros elementos de tradición máis «arcaica». Deste xeito, A Piteira convertíase na única referencia para o noroeste peninsular do Paleolítico medio (e, polo tanto, da presenza de grupos do home de Neandertal), aínda que a discusión sobre a súa adscrición cultural non estaba completamente resolta. A pesar do altísimo interese do sitio, a súa investigación estivo practicamente detida dende as primeiras escavacións.
Na actualidade, o noso coñecemento sobre as primeiras etapas da presenza humana no noroeste é máis completa, pero aínda existían importantes lagoas de coñecemento, como pode ser o caso do xacemento da Piteira. Entre as cuestións que había que resolver, destacaban as caracterizacións do conxunto completo da industria lítica, a interpretación sedimentaria do xacemento ou o establecemento dunha cronolóxica numérica precisa. No transcurso da execución deste proxecto INOU-Campus da Auga 2023 puidemos reactivar as investigación sobre o sitio e obter información valiosa para a súa interpretación, a pesar de constatar a completa destrución do xacemento en datas relativamente recentes
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados