Santiago de Compostela, España
A poesía de Antón Lopo supuxo unha proposta totalmente rompedora no panorama literario galego dos anos 80, grazas ás súas intencións de subverter as normas estabelecidas pola sociedade en canto a xénero, sexualidade ou identidade, así como sobre o que se pode ou non expresar na propia poesía. A crítica recibida até a actualidade tentou interpretar as súas palabras e dar explicación aos seus contidos, mais podemos recoñecer claras faltas de ferramentas de análise en canto a comprensión do feito queer debido á novidade que este tipo de obras significan no seu campo literario. Debido a isto, cremos conveniente abrir un novo camiño de posibilidades para a (re)interpretación da obra do monfortino. Ademais, recoñecemos de gran utilidade para este traballo acudir aos postulados da ecocrítica e máis á comparación coa poeta trans e canaria Roberta Marrero, pois ambos poden arroxar luz sobre algúns recursos de xogos identitarios que teremos en conta na nosa análise.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados