Santiago de Compostela, España
As mulleres tiveron unha presenza permanente e relevante alén do fogar ao longo da historia. Esta comunicación ten por obxecto reflexionar sobre as funcións asumidas no espazo público por aquelas mulleres que se mobilizaron na España dos anos trinta e valorar ata que punto estas supuñan un desafío aosconvencionalismos de xénero. Conxugando os estudos de xénero cos estudos sartoriais —referidos á moda e a vestimenta—, esta comunicación busca ademais distinguir os estilos sartoriais (contra)modélicos mediante os cales puideron (re)significar politicamente os seus corpos. Entendemos que o vestir é un campo de loita política e unha vía de teatralización do espazo público. A idea é amosar a capacidade performativa da vestimenta á hora de concretar, expresar e facer visibles distintos ideais de feminidade, pero tamén o compromiso dunhas mulleres para con causas políticas enfrontadas. Por unha banda, atendemos o caso das falanxistas, é dicir, as mulleres de Sección Feminina da Falanxe que co seu uniforme de camisa azul encarnaron a súa adhesión á causa. Por outra, contrapomos a imaxe mítica daquelas milicianas que enfundaron a funda obreira e empuñaron armas para defender a II República.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados