Pilar Buela Piedra, Juan Carlos Montejano Sanz
Trouleando é un proxecto realizado durante unha licenza por formación ao longo do curso 2017/18, en concreto no período que vai de marzo a xuño do ano 2018. Consta de tres ODE (obxecto dixital educativo), cada un deles centrado nun dos tres bloques dialectais da lingua galega: occidental, central e oriental. Evidentemente, a pesar de aparecer presentado en tres ODE diferentes, concíbese como un proxecto único que presenta partes comúns e estruturas internas moi similares. O feito de dedicirmos esta partición débese a unha cuestión de tipo técnico: o peso máximo recomendado para este tipo de materiais elaborados con eXeLearning e que teñen como finalidade entrar a formar parte do repositorio Abalar é de 100 megas por ODE. Sempre pensamos que un material desta natureza, pensado para alumnado da ESO e bacharelato, debería ter unha importante compoñente audiovisual, para procurar deste xeito facelo o máis atractivo posible a ollos da rapazada desas idades. Por este motivo, son moitos os arquivos de audio e vídeo que hai en cada un deles, o cal provoca que facilmente se poida chegar ao peso máximo dos 100 megas. Velaí a razón principal de por que se decidiu a súa repartición en tres, aproveitando ademais que a natureza dos contidos tratados (bloques dialectais) así o recomendaba.
Por que entón Trouleando? Sen dúbida, o nome remítenos á festa e á xolda. Ben, os autores pretendemos dar unha visión transversal dunha realidade onde a lingua sexa o eixe vertebrador. Deste xeito, decidimos elixir unha festa de interese turístico que se celebrase no territorio de cada un dos bloques e tratar, ademais da súa variante dialectal, os principais contidos relacionados coa temática festiva elixida. A estrutura xeral resultante desta decisión é a que aparece na táboa adxunta.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados