Desde o anuncio da descuberta do sartego cos restos do Apóstolo Santiago polo bispo Teodomiro a principios do século IX, a cidade de Compostela, xurdida pola iniciativa do rei Alfonso II o Casto no lugar onde apareceu o sepulcro, converteuse nun foco de atracción para o mundo cristián chegando a ser un dos principais centros de peregrinación xunto con Roma e Terra Santa. Ao longo dos séculos seguintes creouse unha densa rede de camiños que levaron a Santiago unha riola de peregrinos procedentes dos máis afastados recunchos da vella Europa, converténdose o Camiño de Santiago nunha das pezas de formación do continente europeo, o que lle deu a Galicia unha especial relevancia.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados