Nas últimas décadas, xurdiron no ámbito académico investigacións realizadas desde a psicoloxía, socioloxía, antropoloxía, historia ou lingüística que comezaron a contemplar a creación das identidades como o resultado dunha elaboración contextualmente dependente e lingüisticamente mediada que pode ser levada a cabo de maneira máis ou menos consciente por parte dos individuos. No presente traballo centraremos a atención neste proceso de (re)construción das identidades de xénero, afastándonos do esencialismo e á luz das transformacións históricas da argumentación feminista no seu estado actual. Empregaremos un corpus de dúas horas de gravación realizadas a tres matrimonios heterosexuais, primeiro distribuídos en dous grupos homoxenéricos e posteriormente nun mesmo grupo mixto no que participaron as seis persoas. Os temas marco que lles propuxemos �falar de �cuestións importantes para vós� e de �mocear�� buscan promover as construcións de xénero e mostrar como a conformación das identidades pode realizarse a través da estruturación e o desenvolvemento temático durante as conversas coloquiais. Tomando como punto de partida as teorías Queer e os estudos de lingua e xénero máis recentes, asumiremos a necesidade de non aplicar categorías de xénero estábeis sobre as nocións de feminidade ou masculinidade e por ese motivo prestaremos atención ás flutuacións e posicións intermedias que aparecen nas conversas que gravamos. Defenderemos que a lingua debe contemplarse non só como un medio para reflectir as identidades senón tamén para crealas. Este traballo mostra que as persoas constrúen identidades de xénero durante as conversacións a través das súas negociacións temáticas e non sempre se adaptan aos roles sociais estabelecidos.
© 2001-2025 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados