Como cada mañá antes de marchar ao traballo Xan achegouse ata o río. Coñecía o Sar desde neno, pois cos amigos da aldea tiña que pasar a carón del cada vez que ía á escola. Alí onde as augas paraban, entre xuncos, centos de troitas mortas mostraban o bandullo ao sol. Non era a primeira vez, nin a segunda. E xa non era nin a primeira, nin a segunda vez, que o tiñan comentado na taberna de Arturo. O río era parte deles mesmos e sentían a desfeita en carne propia. Sen máis voltas, Xan pensou en falar con xente doutras aldeas e en crear una asociación. Así o fixo con amigos de Brión, da Gandariña ou de Padrón, e tamén coa Asociación de veciños de Conxo Doutor Maceira, co Club de sendeirismo Vía Láctea, co Colectivo Remonte, coa Sociedade de Caza e Pesca padronesas e co Club de pesca deportiva Londra de Rois. ADEGA tamén estivo apoiando desde o primeiro momento. A nova asociación recibiu o nome de Plataforma pola Recuperación do Sar.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados