Este traballo ten por obxectivo abordar a análise etimolóxica da toponimia maior da freguesía de San Salvador de Taragoña (Rianxo, O Barbanza). Para esta fin, pártese dos nomes de lugar adscritos á parroquia que figuran no Nomenclátor de Galicia. Ademais, incorpóranse os topónimos que, sen se recolleren no Nomenclátor, nomean igualmente núcleos habitados de Taragoña. A pretensión deste artigo é que sexan tidos en consideración en revisións vindeiras.
Para a análise do corpus, bótase man de fontes autorizadas, discutindo, se as houbese, as distintas propostas etimolóxicas en base ás características orográficas e históricas de cada localidade. Para aqueles topónimos que non están estudados lanzaranse hipóteses etimolóxicas propias. O traballo tamén se presenta como un labor de pescuda a través da documentación antiga dos nomes de lugar, con especial atención ás atestacións medievais, pero engadindo, cando interese, información tirada de rexistros posteriores, coma o catastro de Ensenada e o dicionario de Madoz.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados