A Ruta da Pedra e da Auga transcorre polas marxes do río Armenteira, afluente do Umia, no treito comprendido entre o lugar de Barrantes, no concello de Ribadumia, e o Mosteiro de Armenteira, no concello de Meis. En total son 6,5 quilómetros ás beiras do río nos que podemos observar a vexetación propia de ribeira, con árbores autóctonas (salgueiros, carballos, ameneiros, sobreiras...) e unha grande variedade de elementos etnográficos como muíños, pontes, petróglifos, fontes, lavadoiros. Sen dúbida, destaca nestas marxes a ringleira de 53 muíños, en distintas fases de conservación, que acompañan as augas río abaixo. Non é estraño, pois, que este percorrido reciba o nome da "Ruta da Pedra e da Auga": a "Pedra" polas ducias de construcións etnográficas que acompañan o efluente e a "Auga" que procede dunha grande cantidade de ríos e regatos que atravesan a comarca do Salnés.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados