Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Resumen de Dúas perspectivas sobre a cartografía de coberturas e usos do solo en Galicia

José Marcial Díaz Manso, Dominique Aller González, Susana Pereira Paulo

  • A cuantificación anual de superficies agrícolas e forestais é un dato básico de partida á hora de estimar a renda agraria, unha vez que a aquelas se lles aplican rendementos, producións e prezos. As técnicas cartográficas están a converterse en ferramentas que ofrecen un soporte básico para a estimación destes datos superficiais. Neste traballo expóñense algúns dos resultados sobre a cobertura/uso do solo contidos no «Mapa de coberturas e usos do solo» (1998), iniciativa proposta desde a propia Comunidade Autónoma. Ademais, realízase unha análise dos indicadores de cambio obtidos a partir dos resultados que se xeraron no proxecto «CORINE Land Cover» no período 1990-2000, cartografía proposta desde a Unión Europea. Ponse de manifesto a capacidade local para describir puntualmente a situación das coberturas/usos do solo e a necesidade de recorrer a un proxecto de orixe europea para coñecer a evolución das coberturas. A primeira liña describe a complexidade da paisaxe galega facendo fincapé na coexistencia de usos e coberturas en pequenas áreas, que configuran unha paisaxe moi peculiar. A través de «CORINE Land Cover» apréciase que a superficie arborada medra á conta das zonas forestais desarboradas e tamén das zonas de gandería tradicional, clase claramente en retroceso. En canto á superficie ocupada polo viñedo, ponse de manifesto o seu alto grao de disgregación e un lixeiro crecemento neste intervalo de tempo. Tamén é notorio o crecemento das superficies artificiais debido fundamentalmente á construción de novas infraestruturas viarias. Como conclusión, cómpre dicir que apoiar as novas iniciativas de produción cartográfica que pretenden harmonizar as necesidades das comunidades autónomas, dos Estados e os intereses da Unión Europea parece o máis sensato, como pretende facer o proxecto SIOSE (Sistema de Información da Ocupación do Solo de España).


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus