O monte arborado en Galicia experimentou un auxe significativo nas últimas décadas tanto en superficie coma en valor económico. Este desenvolvemento forestal foi obxecto de importantes publicacións centradas, principalmente, en inventarios ou en censos relativos á produción e subministración da madeira. Porén, as condicións nas que se asenta este éxito non están tan amplamente documentadas, isto é, a estrutura da propiedade forestal e o perfil do seu xestor son practicamente tópicos descoñecidos. Partindo desta premisa, coñecer os factores que determinan o comportamento forestal é a base para comprender este auxe e, deste modo, proxectar a súa futura tendencia e planificar medidas públicas de apoio. Este traballo forma parte dunha liña de investigación máis ampla para o desenvolvemento dun modelo metodolóxico de análise e estudo dos propietarios forestais galegos. Preséntanse os resultados obtidos dun cuestionario persoal a 103 propietarios titulares catastrais con máis de 1 hectárea de superficie forestal produtora no municipio de Barreiros, no nordeste da provincia de Lugo, nun intento por caracterizar a propiedade individual e por comprender a conduta forestal do xestor. A análise expón que esta actividade pode ser unha ocupación económica interesante, aínda que actualmente non se practica como tal. Considerando o éxito parcial de medidas públicas exclusivamente agrarias ou forestais, asegurar o futuro da pequena propiedade requirirá ferramentas ou programas públicos orientados a integrar o conxunto de producións tradicionais da explotación familiar. Dese modo, poderase incentivar a continuidade xeracional da explotación mediante a práctica forestal e agrogandeira.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados