Este xornal, editado na cidade de Vigo pero con vocación de alcanzar todo o territorio galego, significa un intento de facer a nivel local (podemos considerar este termo axeitado para un país de menos de 3 millóns de habitantes) un medio capaz de competir tanto coa prensa galega do momento como cos diarios de distribución estatal. Empregáronse criterios de xornalismo informativo-interpretativo, e realizouse unha aposta moi forte por un deseño innovador, caracterizado polo emprego da cor a grande escala e o formato de cadernos. A liña editorial pode definirse como progresista e galeguista. O estudo do Diario de Galicia contén unha revisión bibliográfica de todo o escrito sobre o medio, unha análise de contido centrada no emprego de xéneros xornalísticos interpretativos e de opinión, e un estudo desde varias perspectivas sobre a súa liña editorial. Para este último empregáronse cuestionarios a xornalistas participantes no proxecto, así como unha análise de contido cualitativa dunha mostra dos editoriais publicados polo medio. Por último, intentáronse explicar algunhas das causas que conduciron ao fracaso do Diario de Galicia. Cabe destacar que esta experiencia só durou once meses, sufrindo ao sexto unha dimisión colectiva de boa parte dos cadros altos e medios da redacción, incluídos o director e o subdirector do diario.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados