Analizarase o tratamento da prensa levado a cabo polo Centro de Documentación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, é dicir, xornais, revistas e publicacións especializadas principalmente nas artes escénicas en Galicia, e de forma secundaria, prensa especializada en artes escénicas de España e de todo o mundo. Explicaremos as características formais e as cifras básicas deste fondo, as distintas formas de adquisición, o proceso técnico aplicado e a súa catalogación informatizada mediante a base de datos deseñada a medida para as necesidades de dito centro. Falaremos sobre a súa clasificación temática, sobre o baleirado de contidos e a elección de palabras clave, e sobre a súa conservación, facendo referencia ao último proxecto de dixitalización de informes de prensa. Trataremos da difusión ao exterior das informacións albergadas en dito centro e na prensa. Veremos como as noticias de prensa serven en primeiro lugar para a confección de produtos culturais -revistas e libros de teatro, catálogos, guías, DVD, vídeos, páxina web- editados polo IGAEM. En segundo lugar, para a elaboración de proxectos como a Guía de Recursos das Artes Escénicas de Galicia. E por último, para investigar a historia das distintas unidades escénicas e musicais (compañías de teatro e danza, orquestras, etc.), dos festivais, dos centros de formación, das editoriais, das asociacións, das normativas específicas, etc. e de toda aquela persoa, organismo ou institución que nalgún momento existiu ou existe en Galicia relacionado coas artes escénicas e musicais galegas. O fin último é o de manter o máis completa posible e actualizada a base de datos antes citada, base que pretende recompilar e catalogar toda esta documentación para poñela a disposición dos investigadores. Acabaremos facendo un balance xeral sobre o estado da cuestión, e finalmente aportaremos algunhas propostas de cara ao futuro.
© 2001-2025 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados