Os medios de comunicación, e en especial os locais, son construtores da realidade social, polo que deben ter un papel activo na integración daquelas minorías ás que se debe prestar especial atención, como é o caso da xente con discapacidade. A nosa comunicación baséase nun estudo que levamos a cabo para tentar analizar e aclarar os parámetros que rexen o discurso sobre as persoas con discapacidade na prensa galega e o papel fundamental da prensa local. Entendemos que a problemática deste sector da poboación é abondo complexa como para ser merecente dun tratamento en profundidade, de marcado carácter interdisciplinar, que afonde na contextualización, no contacto con fontes especializadas e no tratamento dende as múltiples dimensións que puideran incidir no mesmo. Para a realización do estudo, levouse a cabo primeiro un baleirado dos trece xornais galegos de información xeral existentes durante un ano (de setembro do 2003 a setembro do 2004), mediante a escolla de calquera información que aparecese neles sobre os discapacitados, é dicir, o criterio de elección das informacións foi temático. Deseguido aplicámoslle unha análise cuantitativa e cualitativa. As conclusións ás que chegamos aclaran o pouco uso que se fai en Galicia dun xornalismo social e de integración, a importancia da información local para a integración das minorías e a falta de especialización en xeral das redaccións xornalísticas.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados