Vigo, España
Tanto Luísa Villalta coma Xela Arias ocupan unha posición marxinal no panorama literario do seu tempo. Se para Xela é a súa reflexión sobre o corpo e a súa subversiva sintaxe a que a condena a posicións minorizadas no campo cultural daquel tempo, para Villalta é a faceta reflexiva, a compoñente abstracta e de fondo substrato filosófico, a que é, veladamente, rexeitada. Fronte á dimensión que desestabiliza a identidade en Xela, no caso de Luísa hai unha posición metapoética, reflexiva, que leva a unha mirada racional. Esa autoconciencia extrema opón ao que podería definirse como o “mírome e non son eu” de Xela Arias, o “Eu mesma me vin mirarme a min que me miraba” de Luísa Villalta.
Con todo, será a súa obra póstuma Papagaio a que supoña un salto, un cambio de rumbo, de voz, o que a fará quizais a máis contemporánea das súas obras, a que máis resoa e golpea no presente. Esa viraxe anuncia por fin a asunción de que as marcas de xénero existen, malia o seu empeño anterior, desde o feminismo da igualdade, en obvialo. Agora a conciencia plena do corpo aparece, o corpo como material de construción, como creador dunha identidade subalterna. Diríase que Villalta pasa de “ver mirarse a ela que se miraba”, ao “Mírome e son ti”, unha maneira de fundirse que ao tempo que denuncia a violencia estrutural ensina o camiño da esperanza as lectoras do porvir.
© 2001-2026 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados