Este volume estuda e analiza dúas facetas do grande polígrafo que foi Ramón Otero Pedrayo: a dramática e a cinematográfica. O seu convencemento de que sen unha grande cidade o teatro galego non podería ser convenientemente actualizado levouno a non lle dedicar demasiados esforzos antes de 1936, mais nos anos de reclusión en Ourense, durante a ditadura do Xeneral Franco, ademais de chegar á conclusión de que se equivocara, descubriu a potencia do cinema como instrumento ideolóxico. O presente traballo contextualiza a súa obra dramática dentro do programa de renovación do sistema literario planificado pola xeración das Irmandades e o grupo Nós e, a partir da nova documentación achegada, analiza a relación de Ramón Otero Pedrayo, na década dos anos 50, co cinema en xeral e coa produtora Suevia Films en particular. Por último, coméntanse os seus textos dramáticos e guións.
© 2001-2024 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados