A presente tese fai unha revisión historiográfica das prácticas de mediación que inflúen na difusión da música popular a través de radio e televisión. Faino usando como marco principal os Popular Music Studies e botando man dunha perspectiva transdisciplinar para completar a análise.
O estudo propón unha visión crítica de dúas prácticas fundamentais: a payola (o suborno de gatekeepers para promover certos artistas) e o playback (a substitución de interpretacións en directo por gravacións). A tese explora como estas prácticas, impulsadas por razóns comerciais, inflúen na industria musical e nos medios de comunicación. Desde o seu inicio nos Estados Unidos, as práctica da payola e o playback, xuntos ou por separado, converteuse nun modus operandi común en televisións públicas e privadas, determinando a forma na que a música é representada e consumida.
Un dos eixos centrais da investigación é a análise do papel das institucións mediadoras, nomeadamente discográficas e medios de comunicación, en especial a televisión, que exercen un control significativo sobre a relación entre músicos e audiencias. A tese suxire que estas institucións impoñen a simulación (playback) como a principal forma de representación da música popular en televisión, motivadas por intereses extramusicais, como a maximización de beneficios e o aumento de audiencias. A industria discográfica busca promocionar os seus produtos a través de acordos aparentemente simbióticos cos medios, creando unha alianza onde ambas as partes se benefician: os medios conseguen contidos e os selos discográficos aseguran a promoción das súas obras.
Non obstante, o equilibrio de poderes entre as dúas institucións negóciase puntualmente ao longo das décadas e este quid pro quo inclúe, con frecuencia, prácticas pouco éticas. A payola, en particular, representa unha interferencia nociva para a libre competencia, xa que promove a publicidade encuberta e favorece o dominio dun oligopolio discográfico que limita as oportunidades dos selos máis pequenos e innovadores. A payola está presente tanto en radios e televisións como nas novas plataformas dixitais, perpetuando un sistema no que os intereses comerciais prevalecen sobre a integridade editorial.
No marco histórico, a tese destaca espazos como American Bandstand nos Estados Unidos e Top of the Pops no Reino Unido. Os dous son exemplos paradigmáticos da evolución destas prácticas e precursores da cadea MTV, que, nos anos 80, institucionalizou o uso do playback a través dos videoclips e contribuíu á legalización da payola en complicidade cos selos discográficos. Estes fenómenos non só condicionaron as audiencias, que chegaron a asimilar música popular e disco como sinónimos, senón que limitaron as posibilidades dos músicos para acceder a certas plataformas promocionais, obrigados a aceptaren as regras impostas polas televisións.
A nivel local, a tese examina a programación musical da Televisión de Galicia para comprobar a presenza dos diferentes métodos de representación da música popular. A través desta análise, o autor suxire a necesidade de repensar a relación entre as televisións públicas e privadas e os seus vínculos coas discográficas, apostando por unha maior transparencia, regulación das prácticas corruptas e alfabetización mediática para desenvolver unha audiencia máis crítica.
A investigación conclúe a conveniencia de mudar o paradigma na forma en que a música é mediada nos medios audiovisuais. O autor defende que os medios públicos deberían deixar de funcionar como meros transmisores dos intereses comerciais das discográficas e promover, en troques, un discurso máis auténtico que dea prioridade ás necesidades de músicos e audiencia. A proposta final é unha chamada, nomeadamente aos medios públicos, á creación de espazos musicais que respecten a integridade artística e editorial para ofrecer unha representación máis espontánea e menos condicionada polas tácticas de maximización de beneficios e audiencia que hoxe predominan.
© 2001-2025 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados