Ayuda
Ir al contenido

Dialnet


Desenvolvemento sostible nos espazos protexidos da Rede Natura 2000 de Galicia e as súas contornas

  • Autores: Pablo Somoza Fernández
  • Directores de la Tesis: Emilio Fernández Suárez (dir. tes.), Gonzalo Méndez Martínez (dir. tes.)
  • Lectura: En la Universidade de Vigo ( España ) en 2025
  • Idioma: gallego
  • Tribunal Calificador de la Tesis: Antonio Gallardo (presid.), Aida Ovejero Campos (secret.), Miguel Angel Nombela Castaño (voc.)
  • Programa de doctorado: Programa Oficial de Doctorado en Ecosistemas Terrestres, Uso Sostenible e Implicaciones Ambientales
  • Materias:
  • Enlaces
  • Resumen
    • O debate sobre a conservación da natureza enfróntase na actualidade a dous modelos principais. Por un lado, está o modelo de "illa de natureza", que se basea na creación de Espazos Naturais Protexidos (ENP) illados do resto da matriz territorial. Este modelo prevaleceu desde os inicios da conservación e segue as directrices da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), que define os ENP como áreas con protección legal estrita para a conservación da biodiversidade e os valores culturais. Non obstante, este enfoque foi criticado por non ter en conta os procesos ecolóxicos no resto do territorio e por promover unha conservación que non sempre integra as necesidades das poboacións residentes nos ENP.

      En contraposición, o segundo modelo aposta por un enfoque sistémico do territorio, no que os ENP son parte dunha matriz territorial (MT) interconectada, onde as áreas protexidas están integradas co resto do territorio. Este modelo considera que a conservación debe abranguer todo o territorio, non só áreas illadas, promovendo un desenvolvemento humano que teña en conta os procesos ecolóxicos e os servizos ecosistémicos.

      A tese comeza facendo unha aproximación aos cambios que se producen ao longo da historia na matriz territorial, entendida como un sistema complexo resultado das interaccións dos fenómenos biolóxicos, físicos e antrópicos que actúan a distintas escalas espazo-temporais. Nesta aproximación emerxe o sentido de protección dos recursos naturais, así como unha comprensión evolutiva das relacións entre natureza e ser humano.

      A Rede Natura 2000 enfróntase a varios riscos que comprometen a súa eficacia na conservación da biodiversidade. Entre os principais problemas destaca a presión humana nas contornas dos ENP, que pode intensificar a degradación ambiental a través da agricultura intensiva, procesos de urbanización e a introdución de especies alóctonas. En diversas partes do planeta obsérvase un patrón común onde plantacións intensivas agrícolas ou forestais intensivas, están a desprazar gradualmente os bosques naturais, representando unha ameaza significativa á biodiversidade a nivel global. A fragmentación do hábitat é outro desafío clave, xa que moitos ENP permanecen illados, o que dificulta a conectividade ecolóxica e impide o movemento das especies entre áreas protexidas. Ademais, a falta de integración dos ENP nunha matriz territorial máis ampla reduce a súa capacidade para protexer eficazmente a biodiversidade a longo prazo. Finalmente, os cambios nos usos do solo, impulsados por intereses económicos e industriais, contribúen á perda de hábitats naturais, á homoxeneización da paisaxe e á ruptura dos fluxos de materia e enerxía que conectan os ecosistemas de maior interese ecolóxico dentro da matriz territorial, poñendo en perigo a conservación da biodiversidade en diferentes rexións do planeta.

      A partir dos riscos identificados para a Rede Natura 2000 e a crecente presión sobre os ENP, esta tese propón avaliar a eficacia do modelo de conservación en Galicia entre 1987 e 2011, especialmente en relación coa súa capacidade para manter a sustentabilidade ambiental do territorio fronte aos impactos da sociedade post-industrial. Dado o contexto global de crise ambiental, provocado polos cambios socioeconómicos desde a Revolución Industrial, ponse en dúbida a validez do modelo de "illa de natureza" e dos corredores ecolóxicos, debido ás presións sobre as contornas dos ENP. Así, esta investigación explora se un modelo máis integrador, que valorice os servizos ecosistémicos e a conectividade ecolóxica, pode ser máis eficaz.

      As hipóteses que guían este estudo postulan que non se produciron cambios significativos nas variables socioeconómicas, nos patróns de cambio de coberturas do solo, nin nos procesos de transformación da conectividade ecolóxica entre os ENP e as súas contornas en Galicia. Para validar estas hipóteses, os obxectivos principais inclúen o estudo da variación temporal destas variables e procesos, co fin de analizar a viabilidade do modelo de conservación actual e o seu impacto sobre o desenvolvemento sostible.

      Para dar resposta a estas hipóteses, desenvolvemos unha metodoloxía centrada en contrastar o comportamento dos espazos da Rede Natura 2000 (RN2000) coas súas contornas entre 1987 e 2011. Utilizamos a unidade de parroquia, delimitando a superficie estrita dos espazos protexidos e establecendo áreas de transición arredor destas, denominadas ecotonos, que agrupamos en sectores territoriais. Isto permitiunos avaliar os cambios tanto socioeconómicos como nos usos do solo e na conectividade ecolóxica a diferentes escalas. Ademais, aplicamos unha metodoloxía baseada no estudo da matriz territorial, que xa foi aplicada con éxito noutros contextos socioecolóxicos.

      A metodoloxía analiza a matriz territorial como un sistema dinámico e interrelacionado, onde a conectividade ecolóxica é clave para comprender a influencia das intervencións humanas no territorio. Mediante a análise de mapas de usos do solo e infraestruturas, esta metodoloxía permite avaliar o impacto das transformacións na paisaxe o impacto das transformacións na paisaxe, amosando a necesidade de mellorar a planificación sostible, integrando as necesidades humanas cos procesos ecolóxicos.

      Os tres compoñentes clave desta metodoloxía inclúen: as áreas funcionais ecolóxicas (AEF), o Índice de Efecto Barreira (IAB) e o Índice de Conectividade Ecolóxica (ICE).

      Os resultados indican que os espazos da RN2000 de Galicia experimentaron unha maior despoboación, menores incrementos de renda, un maior envellecemento, perdas máis significativas de poboación ocupada e un menor incremento da poboación asociada ao sector terciario en comparación co ecotono de contacto e as zonas de transición. A artificialización do solo aumentou substancialmente nas áreas RN2000 en comparación coas súas contornas, reflectindo un modelo de explotación intensiva de recursos naturais, con incrementos na superficie destinada a parques eólicos, encoros e actividades mineiras. Observouse tamén un proceso de renaturalización en toda Galicia, impulsado polo abandono do sistema agrario tradicional, o que trouxo implicacións diversas na paisaxe e no grao de madurez dos ecosistemas, asociadas á proliferación de especies de crecemento rápido como os piñeiros e os eucaliptos. Estas especies, en situacións de abandono e sen a xestión forestal adecuada, expandíronse por parcelas abandonadas, alterando a sucesión ecolóxica cara a bosques autóctonos. A raíz deste abandono agrario, produciuse unha perda de espazos abertos, levando a unha maior homoxeneización da paisaxe, situación agravada por un aumento nos incendios que afectaron ecosistemas de frondosas autóctonas, tanto nos espazos da RN2000 como nas súas contornas, simplificando a paisaxe.

      A extensión de monocultivos intensivos e o incremento de grandes infraestruturas viarias entre 1987 e 2011 resultaron nunha significativa perda de conectividade ecolóxica nos sectores costeiros, con maior intensidade nas zonas do sector da Galicia central que lindan cos anteriores, afectando con forza os espazos costeiros da RN2000 e as súas contornas, aumentado o illamento ecolóxico destas áreas, mentres que nas zonas interiores e de montaña a conectividade ecolóxica mantívose ou mesmo mellorou nalgunhas áreas.

      Estes resultados subliñan a necesidade de reformular as estratexias adoptadas para aumentar as superficies protexidas no litoral, asegurando así a conexión entre os espazos da RN2000 costeiros e as súas contornas, así como os espazos interiores. Ademais, é crucial desenvolver novas estratexias económicas que potencien os servizos ecosistémicos nos espazos da RN2000, beneficiando ás comunidades locais, e reforzar a presenza de mosaicos agroforestais, debido á súa capacidade de resistencia contra incendios e para contrarrestar o abandono do sistema agrario, favorecendo a formación de masas boscosas autóctonas.


Fundación Dialnet

Dialnet Plus

  • Más información sobre Dialnet Plus

Opciones de compartir

Opciones de entorno