Este volume recolle os relatorios da xornada Galicia e a Segunda Guerra Mundial que o Consello da Cultura Galega acolleu o 13 e o 14 de abril de 2021. Aquel conflito é un dos momentos centrais da historia da
humanidade e Galicia non foi allea ao enfrontamento. A obra consta de tres seccións. A primeira versa sobre a Galicia do Eixe, é dicir, aqueles aspectos que foron unha contribución ao esforzo bélico do III Reich. Desfilan os traballadores e traballadoras forzadas e voluntarias que alimentaron a máquina de guerra nazi; o papel desempeñado na conflagración pola destacada colonia alemá en Vigo; os galegos da División Azul coas súas experiencias de combatentes, as súas motivacións e a súa extracción social e ideolóxica, así como a febre do volframio, nunha Galicia que concentrou o 29 % da produción hispana.
A segunda sección, Galicia e os aliados, analiza as facetas que contribuíron a favorecer os intereses aliados. Estúdase a conivencia das redes norteamericanas e vaticanas para impedir a influencia nazi na Península; o labor dos servizos de información británicos en Galicia, como posible escenario dun desembarco aliado antes da invasión de Normandía, e finalmente faise unha aproximación á figura de Augusto Assía, rara avis de correspondente anglófilo.
A terceira sección repara na pegada cultural da Segunda Guerra Mundial en Galicia, tanto de maneira directa, a través do seu eco na literatura, como de maneira indirecta, a través da súa ausencia na tentativa de crear a Unión Cultural dos países da Europa Occidental, no exilio londiniense de 1942.
A Segunda Guerra Mundial é un lugar de memoria privilexiado que segue convocando tanto a memoria cambiante e acomodaticia como a historia evolutiva e atenta a cada presente. Un lugar de memoria no
que Galicia, as súas xentes e a súa cultura deixan sinal.

[Data da nota de prensa: xaneiro 2023]

Título Entre o Terceiro Reich e os aliados.
Galicia e a Segunda Guerra Mundial
Edición Luis Domínguez Castro
Autoría Luis Domínguez Castro
Antonio Giráldez Lomba
Emilio Grandío
Antonio Muñoz Sánchez
Xosé M. Núñez Seixas
José Ramón Rodríguez Lago
Joan-Maria Thomàs
Dolores Vilavedra
Ramón Villares
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2022
Edición 1ª edición
Descrición física 253 p; 24 cm
Notas Imaxe da cuberta: O sarxento estradense Lino Nogueira con varios soldados da súa sección e un labrego ruso,
fronte de Leningrado, verán de 1942 . (Arquivo privado de Mª Xesús Nogueira, Santiago de Compostela)
ISBN 978-84-17802-46-2
Depósito Legal C 1713-2022
DOI 10.17075/etragsgm.2022
Url externa Catálogo RBG
Colección Actas
Evento Xornada.
Galicia e a Segunda Guerra Mundial.
13/4/2021. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela
Materias
Áreas
Código QR
qr code
Gabinete de comunicación

Un libro aborda o papel de Galicia na Segunda Guerra Mundial [Data da nota: 5/1/2023].