Contiños para espertar versos

Audiocontos e cancións con xogos interactivos e actividades interdisciplinarias para segundo ciclo de educación infantil e primeiros cursos de primaria.
O recurso está composto por cinco unidades didácticas para traballar contidos interdisciplinarios no segundo ciclo de educación infantil e nos primeiros cursos de primaria a través de audiocontos, cancións, xogos interactivos e actividades didácticas participativas e innovadoras, centradas no territorio e na nosa cultura, e abertas á comunidade educativa. O recurso foi realizado con eXeLearning e Lumi. A unidade é de emprego sinxelo e non se precisa de coñecementos específicos destas ferramentas. Aínda tendo unha coherencia interna, poden elixirse as partes que interesan de xeito autónomo do resto da ODE. Os principais recursos poden descargarse.

Carmen Pérez Fernández
Doutora en Educación (UNED)
Catedrática de Lingua Castelá e Literatura
Profesora de LC e Artes Escénicas
IES María Soliño (Cangas-Pontevedra)
carmencobas@gmail.com

 

 

1. Introdución

A idea destas unidades didácticas (ODE) naceu do desexo de promover entre o alumnado máis pequeno o amor pola lingua galega e o coñecemento da cultura e dos espazos naturais da nosa terra. Dese xeito, a partir deses núcleos, favorecer o sentido de pertenza e a conciencia da necesidade de protexer eses espazos físicos e inmateriais. No contexto no que ensino (unha vila da costa galega), percibimos con preocupación que cada vez menos alumnado emprega o galego e mesmo se detectan actitudes negativas en contra do seu uso.

Dado que na miña faceta artística teño unha liña infantil con contos e cancións, pensei en unir esta paixón a outra das miñas paixóns: a didáctica. Quixen compartir de xeito ameno e de uso fácil para o profesorado e o alumnado contos, cancións, actividades interactivas e innovadoras.

 

2. Elementos de aprendizaxe: obxectivos, contidos, estrutura e avaliación

2.1. Obxectivos

En primeiro lugar, e como obxectivo principal, quería que os nenos e nenas se aproximasen á nosa lingua e á nosa cultura (en especial a rural), de forma estimulante e entretida; particularmente, á nosa lingua oral a través dos personaxes dos contos, que levan da man o alumnado ao hábitat destes animaliños protagonistas: a natureza.

E isto lévanos ao segundo obxectivo: sensibilizar sobre a necesidade imperiosa de protexer a natureza da nosa contorna e, por extensión, a natureza toda. O respecto nace do coñecemento práctico dos ecosistemas: árbores, montes, ríos e animais falan ao corazón de nenos e nenas desde os contos, as actividades e as cancións.

As cancións pretenden amenizar a ODE, pero son tamén un obxectivo en si mesmo: fomentar o amor pola poesía e a música e a arte en xeral como fonte de gozo e medio de expresión da nosa creatividade.

Precisamente a creatividade é o centro doutro obxectivo, xa que é sumamente importante fomentala no ensino: o pensamento diverxente e creativo alenta en moitas das actividades e tamén no comportamento dos personaxes dos contos, que de xeito imaxinativo e colaborativo inventan solucións para as situacións nas que se encontran. Asemade, a creatividade será tamén fundamental na metodoloxía mesma que se recomenda na ODE.

Chegamos así ao noso último obxectivo, pero quizais o máis importante de todos: fomentar en nenos e nenas a intelixencia emocional: unha serie de actitudes centradas nos valores de diálogo, solidariedade, igualdade, colaboración, empatía e aceptación da propia persoa e das demais coas súas diferenzas e particularidades. Todo isto, coa esperanza de que medren como persoas que contribúan a un mundo mellor, máis equitativo e xusto, e que xa desde a infancia axuden a crear un clima de aula positivo, inclusivo e afectuoso.

2.2. Contidos

Nos cinco contos hai tres núcleos de contidos centrais (ademais doutros menores que se detallarán máis abaixo):

- A ecoloxía e o coñecemento do noso medio natural.

- A intelixencia emocional intrapersoal e a interpersoal.

- A cultura e a lingua de Galicia. En particular, a cultura rural e tradicional.

No que se refire ao primeiro núcleo, quérese achegar a ecoloxía ao alumnado de educación infantil e dos primeiros cursos de primaria. As actividades e os xogos pretenden que coñezan o medio natural galego e a necesidade de protexelo. Cada conto, malia o contexto dos personaxes ser semellante (natureza, río, fraga...), céntrase nuns contidos específicos.

Ademais, en todos os contos están moi presentes contidos de intelixencia emocional intrapersoal e interpersoal (social), tanto no conto mesmo, por como resolven os personaxes os problemas mediante a colaboración e a empatía, como na proposta didáctica das actividades e na dinámica da aula, onde a colaboración e o traballo en grupo son a praxe elixida. Latexan tamén nos contos a igualdade, o respecto das persoas que son diferentes a nós e outros contidos que resultan fundamentais para estar no mundo dun xeito máis solidario e feliz.

Central en todas as ODE é a cultura galega, especialmente a tradicional e rural, que aparece con peso propio en varias actividades. Son contidos que van moi ligados á construción da propia identidade (individual e social). Resulta un xeito ameno para o alumnado urbano de coñecer o mundo rural e para o alumnado de procedencia rural de sentirse identificado e protagonista.

Detallarei agora os contidos presentes en cada conto, que emanan dos contos mesmos e están presentes explicitamente nos xogos interactivos e nas actividades que se suxiren. En todas as ODE aparecen pequenos vídeos e enlaces a páxinas que ofrecen materiais ou informacións atractivas e complementarias destes contidos para traballalos coa clase.

2.2.1. O pitiño que levaba medio ovo na cabeza

Este pitiño perdeuse da súa familia. Algúns animais da fraga fan burla del e chámanlle feo (é o pitiño realmente tan feo?), pero atopará quen o axude e todo volve ao seu sitio. A amizade entre seres moi diferentes e a autoaceptación serán moi importantes para o pitiño.

Contidos do conto: O noso medio e natureza: aves migratorias en Galicia. Outras aves da nosa contorna. Os alimentos e a nosa saúde. As cores. Que facer se nos perdemos. Con quen debo falar, onde ir. Que é o que nunca debo facer. A colaboración como medio para resolver problemas. A autoimaxe. Os estereotipos de imaxe física persoal.

Isto desenvólvese no conto mesmo e nos seguintes xogos interactivos: Identificar as cores. Os alimentos: cales son bos para nós. Letras viaxeiras: completar palabras ás que lles falta algunha vogal ou sílaba. O animal infiltrado: xogo de memoria auditiva para recoñecer os animais do conto e os infiltrados. Parellas de animais: memoria visual mediante tarxetas que deben ir emparellando (tipo memory).

 

Xogos de identificar as cores dos pitiños

 

2.2.2. A pedra Cricriticrí

Neste conto sucede algo moi grave na poza do río onde moitos animaliños dependen da auga para vivir. Non pasa case auga pola fervenza! Que será o que sucede? E quen é a pedra Cricriticrí? Son os nosos sentimentos e as nosas emocións sempre o que parecen? A colaboración e a empatía traerán a solución ao gran problema.

Contidos do conto: O ecosistema dos nosos ríos. A súa fauna. Estado actual. Como protexer os ríos. Nome e características dos ríos da comarca da escola. Como comportarse no río. Dolmens de Galicia. Seres máxicos e lendas galegas. As fórmulas de cortesía. Adecuación á situación comunicativa formal e informal. Aprendemos a tratar de vostede e cando usalo. A empatía e a colaboración como unha forma máis humana de estar no mundo. As nosas emocións: o enfado, a preocupación, a tristeza, a alegría.

Os xogos interactivos: Situar nun mapa os dolmens de Galicia. Parellas de animais: xogo de memoria visual. Excursión ao río: para tratar os comportamentos axeitados no río, clasificarán cousas necesarias e cousas innecesarias nunha excursión ao mesmo. Letras viaxeiras. Seres extraordinarios: identificar seres de lendas galegas (con debuxos orixinais).

Xogo de identificar os seres extraordinarios (ilustracións orixinais)

 

2.2.3.O peixe Salva, Peito de Lobo

O peixe Salva é moi particular e valente: nada contra a corrente e salva animaliños, pero el mesmo terá que enfrontarse a un gran perigo. Como rematará o conto? Quen salva a Salva? Por que lle chaman «peito de lobo»? A colaboración e a amizade serán claves para un final feliz.

Os contidos: Os bosques galegos. Árbores de Galicia. Árbores froiteiras. Árbores senlleiras. Fauna do río. Centros de recuperación da fauna silvestre. Peixes de Galicia. O salmón. As estacións do ano. A automotivación: nadar contra corrente, ter unha idea propia, un soño. A colaboración como medio de resolución de problemas.

Os xogos interactivos: Animais infiltrados, un xogo de memoria auditiva e de escoita no que deben recoñecer os animais alleos ao conto. Parellas de animais (memory). As estacións do ano. As nosas árbores: relacionar cada folla dunha árbore co seu froito. Letras viaxeiras.

A canción de Salva, Peito de Lobo

 

2.2.4. A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar

Neste conto, a ra Pipa vai aprender a cazar axudada por un paxaro (o picapeixe). Despois de sufrir as burlas dun animaliño da poza, por fin poderá comer tranquila e deixar de pasar fame. A imaxinación e a intelixencia diverxente da ra Pipa farán a súa vida máis bonita, pero sen a amizade e a colaboración o final non sería tan feliz.

Os contidos: O noso medio natural: a flora e fauna de pozas e ríos. Arácnidos e anfibios (anuros) de Galicia. O concepto de simbiose. Os alimentos e a nosa saúde. Os números. Pronunciación de vogais abertas e pechadas. Información non verbal: as expresións da cara. A expresividade da voz. A colaboración e a creatividade como medio para resolver problemas. O acoso. As artes tradicionais e os vellos oficios de muller: o tear. A aceptación das persoas diferentes a nós.

Todo isto mediante actividades, o conto mesmo e os xogos interactivos seguintes: As emocións (identificando caras con distintas emocións). Os números na natureza. Ciclo de vida das ras. Parellas de animais (memory). Vogal viaxeira. Vogais abertas e pechadas: exercicio de práctica auditiva para introducir o alumnado no coñecemento e a pronunciación dos fonemas vocálicos do galego e que o alumnado galegofalante fará con certa facilidade.

2.2.5. A vaquiña Petra

A vaquiña Petra non é unha vaca calquera. Na granxa onde vive fará algo incrible, unha verdadeira «artistada». Ela sabe facer cousas que ningún outro animal da granxa sabe... A arte e o encontro co elemento máxico cambiarán a nosa Petra, que non dubidará en seguir un soño que parece imposible, mellorando a vida de todos os animais que ten ao seu arredor.

Os contidos: Os animais próximos ao ser humano. A importancia do mundo rural. A ecoloxía. Concepto de ecosistema. Arte galega; algúns nomes de artistas relevantes; arte abstracta. As estacións do ano. A vocación profesional. A diversidade de talentos e habilidades e as formas de intelixencia. A automotivación. A capacidade de ilusionarse, gozar e xogar coa arte e a música, fonte de felicidade. A diversidade como riqueza persoal e social.

Os xogos interactivos que poden realizar nesta ODE: Adiviñar a fala dos animais: recoñecer o son do animal da imaxe entre varios audios. Os talentos de Petra: xogo de memoria auditiva e de escoita. Letras viaxeiras: completar palabras nas que faltan algunhas letras. Animais revoltos: xogo de memoria no que deben recoñecer que animais saen no conto. Como fai o animaliño?: nun vídeo con imaxe e o son de varios animais, deben saber como se nomea o son que fai cada animal (ouvear etc.).

2.3. Estrutura das ODE

As cinco ODE son totalmente independentes e poden traballarse na súa totalidade ou escoller só aquelas actividades que conveñan nese momento do curso. Aínda que a tipoloxía dalgúns xogos se repite, cada xogo está relacionado co conto ao que pertence e cos seus personaxes e contidos. Si recomendo que se teña en conta a estación do ano para realizar certas actividades no exterior e tamén porque  nalgunhas actividades se fala de certas celebracións, como, por exemplo, o Samaín.

O menú de cada unha destas cinco unidades didácticas está estruturado da seguinte maneira:

a) Audioconto (descargable). Con narración e efectos sonoros de ambiente.

b) Poesía e música. A canción está relacionada co conto (partes da canción están xa integradas nel para que se vaian familiarizando coa melodía). Contén o texto, unha sinxela partitura e un audio MP3 da melodía principal. A ODE permite lanzar o MP3 e ao mesmo tempo ler a letra ou a partitura.

c) Lendo o conto. Esta versión non está anotada, para que se poida compartir coas familias. É exactamente igual á versión do audioconto.

d) Xogos. Todos son interactivos e de moi variada tipoloxía.

e) Orientacións didácticas para o profesorado, nas cales atopará:

- conto para ensinantes: anotado con ideas preliminares.

- contidos que se desenvolven ou están presentes na unidade.

- dinámica de aula: unha serie de recomendacións de como abordar o traballo co audioconto e unhas actividades preliminares.

- actividades: de moi variada tipoloxía, con enlaces a vídeos e páxinas que poden axudar a desenvolver as actividades.

- indicacións para os xogos que deixan claro o propósito e funcionamento de cada un deles.

- guía didáctica que dará unha visión global de Contiños para espertar versos.

- avaliación mediante rúbricas.

f) Descargas. Nelas estará o audioconto e, nalgúns casos, material complementario como mapas, debuxos, fichas etc. O feito de poder descargar os materiais principais da ODE permite traballar sen que estea a clase conectada a Internet. Si imos precisar unha conexión boa para que toda a clase traballe os xogos interactivos.

2.4. Avaliación

Sabido é que aquilo que non se avalía perde forza no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Debido á curta idade do alumnado, non proporcionamos rúbricas de coavaliación, pero iso non impide que poidamos inicialos nela, valorando algún aspecto sinxelo das actuacións dos compañeiros e compañeiras. Pero máis que iso interésanos que o/a ensinante valore os progresos do alumnado na súa interacción social e a súa contribución ao clima da aula, xa que fomentar a intelixencia emocional é un dos obxectivos das ODE.

Proporciónanse rúbricas para valorar cada unidade didáctica e as actividades que nela se propoñen.

A avaliación divídese en tres apartados coas súas respectivas rúbricas:

- Avaliación das dinámicas sociais na aula.

- Avaliación das actividades dentro da aula.

- Avaliación das actividades fóra da aula.

- Avaliación da unidade didáctica.

Sería interesante, se se desenvolven varias destas cinco unidades, completar unha destas rúbricas antes da primeira unidade e a mesma rúbrica despois da última. Deste xeito poderemos apreciar mellor o progreso e aquilo que as unidades lle achegaron a cada neno e nena. Aínda que non hai unha rúbrica específica para as actividades nas que participa o resto da comunidade educativa, é recomendable que se fale coas familias para coñecer a súa opinión con respecto á súa participación nas actividades de cara a deseñar futuras colaboracións coa escola ou adaptar este tipo de participación na seguinte ODE de Contiños para espertar versos.

Rúbrica de avaliación das interaccións sociais xeradas pola ODE.

 

3. Metodoloxía empregada

3.1. Enfoque didáctico e dinámicas de aula

O enfoque didáctico quere favorecer a participación e a colaboración, e cederlle moito espazo e o protagonismo ao alumnado. O traballo coa ODE pode comezarse directamente escoitando coa clase o audioconto ou aproveitar para traballar estratexias de escoita anticipada, preguntando de que pensan que trata o conto polo título, que cren que sucederá… e logo escoitar o conto confirmando ou non as súas previsións.

Propomos realizar varias lecturas/escoitas do conto. En cada escoita ou lectura podemos ir variando as actividades, aprendendo o novo léxico e profundando nos significados do conto. Deste xeito, poden acceder a máis niveis de comprensión e aprender as palabras importantes, ampliando o seu léxico.

Intentemos manter presente a intención de divertir e entreter que teñen o audioconto e a canción, o cal non impide que abordemos diferentes aspectos da nosa programación mediante a unidade didáctica. A que segue é a dinámica recomendada.

O conto podemos escoitalo varias veces na súa totalidade ou parcialmente, segundo se precise ou se o desexan. De feito, se lles gusta, poden descargalo na casa e escoitalo cos seus familiares ou na hora de ir durmir.

En canto ás dinámicas de aula, son colaborativas e con diversos tipos de agrupamentos, salvo nos xogos interactivos de PC, que son individuais. O que se pretende con este tipo de dinámicas participativas (moitas delas en movemento), é levar á práctica o que ensinan os animais dos contos: colaborar, empatizar, dialogar nos conflitos, axudar a quen o precisa con afecto, para lograr a nosa meta.

Isto no que se refire ás dinámicas de aula, pero hai tamén propostas para saídas escolares na contorna e mesmo no patio ou xardín do colexio. Aprender facendo, movendo o corpo, observando o medio, espertando a curiosidade e favorecendo a comunicación cos seus iguais.

Un terceiro núcleo confórmano as actividades nas que participa o resto da escola e as familias. Neste caso, o que se quere é favorecer a participación de familiares e do resto da comunidade educativa en interaccións didácticas que son tamén unha festa final da ODE.

3.2. Descrición dos xogos interactivos

Os xogos son totalmente interactivos. Teñen todas as instrucións en audio, sinalados claramente cun botón de Play. Tamén a explicación dos resultados ou retroalimentación son en audio. Deste xeito acceden de forma autónoma aos xogos sen depender de que unha persoa adulta lles lea as instrucións.

Algúns formatos de xogo repítense nas cinco ODE, variando o seu contido, que se vai adaptando a cada conto e a cada ODE. Coñecer a dinámica do xogo vai axudar a que sintan máis seguridade e a aumentar a súa autonomía.

Un destes xogos cuxo formato se repite é o das tarxetas de imaxes que deben ir emparellando (memory), un xogo de memoria visual. Outros xogos só requiren premer no ítem que se solicita, identificando os elementos que sobran e que non corresponden dentro dun determinado conxunto.

Noutros casos, deben agrupar elementos en dúas categorías mediante a ferramenta «arrastrar e soltar» (drag and drop); é o caso do xogo dos alimentos que nos axudan e os que debemos evitar ou comer só ocasionalmente: arrastran a figura ao carriño da compra ou ao lixo.

Outro formato que se repite é o das letras viaxeiras. Son actividades de inicio á lectoescritura. Despois de traballar as palabras clave e telas visibles na clase durante uns días, deberán completar esa palabra coa letra ou sílaba que lle falta. Cada palabra leva a súa imaxe para axudar a lembrar o concepto e un audio que vai pronunciando a palabra ao premer no botón de Play.

Algúns dos xogos son máis complexos tecnicamente, pero de fácil uso como os anteriores: son vídeos interactivos. Por exemplo, os animais da granxa que aparecen no conto e os que non, deberán ir indicándoo. O vídeo párase automaticamente cando aparece cada animal coa súa pregunta de verdadeiro ou falso.

Tamén hai imaxes para ordenar nunha secuencia determinada (o ciclo da vida das ras ou as estacións do ano) ou para emparellar, como, por exemplo, a dos números na natureza, na que se pide que unan a imaxe do animal coa tarxeta co número de patas que ten ese animal.

O momento no que o ou a ensinante o crea oportuno farán os xogos interactivos, aínda que convén que a clase estea familiarizada cos contidos.

Vídeo interactivo Como fai o animaliño da ODE A vaquiña Petra

 

3.3. Descrición dalgunhas actividades didácticas

Ao apartado das actividades démoslle o nome de Escola aberta: aberta á contorna e aberta a toda a comunidade educativa. Unha escola permeable e dinámica, que aproveita os recursos da zona e aprende das persoas que a rodean.

É posible escoller algunhas actividades e outras non, aínda que están deseñadas como un todo coherente que remata nunha grande actividade final na que se integran os contidos e aprendizaxes adquiridas durante a ODE. De feito, algunhas das actividades previas acabarán formando parte desta gran proposta final. Á hora de deseñar as actividades, procurouse escoller de moi diversa tipoloxía, para non favorecer un estilo de aprendizaxe concreto nin un certo tipo de intelixencia.

En todas as ODE, a estrutura das actividades é a que segue. Despois da primeira escoita:

- Teatriño: posta en escena sinxela de partes do conto.

- Bailamos e cantamos: coa canción e a música da ODE.

- Segunda escoita: é un momento máis reflexivo para falar coa clase sobre o acontecido no conto, as actitudes dos personaxes, as decisións tomadas e a forma de tomalas etc. Aquí cada ODE difire do resto na proposta concreta. Nalgunhas ODE hai para isto materiais complementarios que se poden descargar.

- Aprendo coas mans: en cada ODE proponse construír algún obxecto, animal etc. relacionado coa temática do conto. Pode haber vídeos de exemplo de como construílo.

- Investigamos: é a parte centrada no coñecemento máis tradicional. Mediante enlaces da ODE, pode irse buscando información (aves ou ríos etc.). A idea é que sempre que sexa posible isto leve logo a unha observación práctica na natureza.

- Actividade final: cambia moito dunha ODE a outra. Por exemplo, pode ser simplemente un gran mural sensorial: con gravacións dos cantos dos paxaros, vídeos das actividades de clase realizadas, plumas e follas recollidas na saída exploratoria… O alumnado elabora un convite para que as familias veñan coñecer o seu mural. Tamén noutra ODE haberá unha exposición dobre: por un lado, dos traballos do alumnado e, por outra, de obxectos tradicionais e de colchas ou sabas antigas que as familias conserven. A máis rica, sen chegar a ser complexa, é a da fraga sensorial, presente no conto O peixe Salva, Peito de Lobo, unha inmersión nos sons e cores das nosas fragas.

As actividades poden adaptarse facilmente, intercambiar algunhas dunha ODE con outras e escoller puntualmente unha que nos interese, aínda que non teñamos a intención de poñer en práctica o resto da ODE.

Actividade final de O peixe Salva, Peito de Lobo

 

4. Conclusións

O noso ecosistema social, lingüístico e natural precisa de protección e amor. A socialidade das aulas precisa de empatía, colaboración e diálogo. E o noso espírito precisa o alimento da música, da poesía e da arte. Por que non poñer en xogo todo isto con estas cinco ODE? Podemos, ademais, tocar moitos contidos fundamentais de varias disciplinas e estas ODE son moldeables e facilmente adaptables a distintos contextos escolares e individuais, xa que a mestra ou o mestre escollerán o xogo, contido ou actividade que lle pareza axeitado en cada momento. Quizais, traballando do xeito proposto, nun futuro estes meniños e meniñas poidan irradiar outra forma de estar e de ser, e converterse en focos de empatía e positividade para a sociedade e en protectores do medio natural e cultural no que medraron.