Vitamina N

Guía esencial para unha vida rica en natureza

 

Título do libro: Vitamina N
Subtítulo: Guía esencial para unha vida rica en natureza
Autor: Richard Louv
Editorial: Kalandraka, Colección Vitamina N, Pontevedra, 2019
Autor da recensión: Javier Pintor
Enderezo electrónico: jjpinel@edu.xunta.es
CFR destino: A Coruña

 

A preocupación polos temas que afectan o medio ambiente está, por fortuna, cada vez máis presente na sociedade. Algunhas editoriais son conscientes disto e comezan a publicar coleccións de libros que atenden aspectos relacionados coa natureza desde distintos ámbitos. A editorial Kalandraka sumouse a esta iniciativa coa publicación da colección Vitamina N, dirixida con man sabia por Antonio Sandoval.

O autor do libro que imos comentar, Richard Louv, é un escritor e xornalista con ampla traxectoria no mundo literario e dos medios de comunicación, ademais de ser presidente emérito de Children & Nature Network, un movemento mundial que busca conectar as persoas e a comunidade coa natureza. En Vitamina N. Guía esencial para unha vida rica en natureza atoparemos múltiples ideas e recursos en forma de referencias a libros e páxinas web para que familias, grupos de amigos e alumnado co profesorado poidan achegarse á natureza por diferentes vías.

Este libro, co seu amplo catálogo de iniciativas, resulta moi inspirador para que incrementemos de xeito real o noso contacto co medio natural nunha era de trastorno por déficit de natureza. O obxectivo deste libro é amosar pautas, recursos e orientacións para superar os atrancos que nos impiden levar unha vida máis saudable en contacto coa contorna natural. Entre os beneficios da exposición á natureza cítanse a mellora da socialización, a diminución da violencia social, o estímulo da aprendizaxe e a creatividade e a mellora dos resultados académicos. Tamén se subliñan moitas outras vantaxes para a saúde física e psicolóxica xa que fornece os vínculos entre as persoas.

No ámbito educativo, resulta moi estimulante e revelador o capítulo titulado «A escola da natureza», no que se define o profesor natural como aquel que emprega o poder da natureza como ferramenta para a educación ou como medio para a aprendizaxe en calquera materia. De todos os xeitos, as referencias á escola aparecen espalladas por toda a obra. Nas máis de cincocentas actividades prácticas que se esmiuzan no libro, o lector descubrirá recomendacións e suxestións para aplicar no seu día a día.

A educación baseada na natureza está a estenderse e este libro é unha guía excelente e motivadora para iniciármonos no coidado e consciencia do medio natural que nos rodea e que, en moitas ocasións, nin vemos.

 

 

Sección: