Dez anos ao pé da letra

Historia do club de lectura do IES Cidade de Antioquía
Hai dez anos que no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia botou a andar un proxecto ao que lle puxemos por nome Ao pé da letra. O noso club de lectura naceu moi pequeniño e nun lugar afastado da cidade, onde non sempre é fácil chegar nin é sinxelo saír. Pero pouco a pouco, foi medrando, especialmente grazas a zume novo que ía chegando ao instituto. As reunións arredor das lecturas e as actividades sempre organizadas con ilusión fan que curso tras curso sexamos máis. Queres saber cal é a clave e cales son os nosos retos?

María Garrido Rodríguez,maria.garrido@edu.xunta.gal

María Xosé Fernández Casas, mariaxose.fernandez.casas@edu.xunta.gal

IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia-Ourense)

1. Introdución: mirada cara atrás. Unha actividade que foi medrando cos anos

Se hai 10 anos nos din que chegariamos ata aquí… 

Botamos a vista atrás cando queremos ter constancia da memoria. Redactar estas liñas lévanos dez anos atrás, que parece moito e pouco ao mesmo tempo. A etapa que abarca este artigo vai desde o curso 2011/12 ata este 2019/20 e nel non queremos só mirar cara atrás, senón ao que queda por vir.

Dez anos atrás, sen moita experiencia e, sen pensalo demasiado, recollemos o testemuño de Ao pé da letra. Comezamos sendo participantes dalgunha das actividades que a profesora Ana Fidalgo coordinaba para logo tomar as rendas. Un club de lectura que xa tiña un nome, pero que necesitaba unha continuidade ao marchar a súa fundadora. Nese primeiro ano contamos cun grupo de 18 alumnas/os e unha única profesora como dinamizadora desta actividade. Parecía unha pequena acción, pero foi a semente dun gran proxecto transversal que, agora mesmo, ocupa un lugar preferente no noso centro.

A continuidade dun club depende de varios factores e entre eles está a escolla de lecturas e o alumnado. Falaremos máis adiante do que lemos, pero queremos agora falar de con quen lemos.  Nestes anos a cantidade de alumnas e alumnos que pasaron por Ao pé da letra variou moito. No curso 2012/13 conservamos os participantes que deran comezo a esta aventura e conseguimos que se uniran 15 máis dos primeiros cursos da ESO. Este grupo de alumnado máis novo tivo o maior número de participantes no seguinte ano, no que chegaron a ser 42 persoas as que compartiron a lectura.

Estes números comezaban a ser pouco manexables para algunhas actividades e ademais perdiamos a posibilidade de proximidade pero era, desde a nosa humilde opinión, espectacular conseguir artellar a 42 mozas e mozos arredor dunha lectura e das actividades que organizamos… do origami á saída polo Pico Sacro demos moitas voltas arredor da lectura.

Para conseguir unha organización máis efectiva, as distintas colaboradoras do club (nesta altura eramos xa tres profesoras) decidimos agrupar por idades as lecturas e actividades. Esta iniciativa non tivo o resultado esperado e, de comezo, baixou o número de participantes no curso 2014/15. Mais demos conta desta aprendizaxe e vinculamos máis aínda a lectura á biblioteca e a un grupo de persoas con interese. Digamos que menos é máis. Aínda que os números non son tan avultados, as persoas que participaron no 2015, 2016, 2017 fixérono dun modo profundo, case militante.

É nese ano de 2017 onde damos un paso máis e ampliamos a nosa rede de lecturas a parte do profesorado do centro educativo. Aproveitamos un fito que nos viña moi ben, as Letras Galegas viñan a Xinzo da man de Carlos Casares e nós enganchamos o profesorado da man doutro escritor limiao, Antón Riveiro Coello. A partir de aquí conseguimos a participación de máis profesorado, incluso renovamos a coordinadora da man dunha das coautoras destas palabras, quen trouxo unha chea de novas ideas e iniciativas. Ampliamos o club de profesorado ata compartir lecturas con compañeiras e compañeiros do centro veciño, dos centros de primaria e de profesorado xa xubilado, pero que segue con nós desde a literatura.

Desde ese xermolo chegamos ao que temos hoxe… un club consolidado no que participan alumnado e profesorado e que ten agora mesmo como principal obxectivo aumentar a participación doutros membros da comunidade educativa.

2. As claves do éxito

Se Ao pé da letrafoi medrando ano tras ano é porque na súa estrutura hai elementos que non só resistiron ao tempo, senón que co paso dos cursos se fixeron máis fortes. Estes elementos constitúen a clave do éxito do noso club de lectura: en primeiro lugar, o noso alumnado, sempre activo e activista; en segundo lugar, a nosa biblioteca e o equipo de profesorado que a dinamiza; en terceiro lugar, a escolla de lecturas para gozar, reflexionar e medrar como lectores; en cuarto lugar, o deseño dun plan atractivo de actividades que enriquecen a lectura e nos unen como grupo.

Alumnado: este é o piar fundamental. Comezamos no ano 2011 cun único grupo de dezaoito mozas e mozos. Co tempo ese número foi medrando ata o punto de ter que organizar tres clubs de lectura: un de primeiro da ESO (cunha media de vinte e cinco alumnos e alumnas); un de segundo da ESO (cunha media de quince alumnos e alumnas) e un grupo de segundo ciclo da ESO e bacharelato (que conta habitualmente con quince alumnos e alumnas).

En relación co alumnado, temos que destacar que a súa implicación cada vez é maior, sobre todo nos cursos máis baixos. Esta entrega ao club vese reforzada tamén grazas ao programa de voluntariado dentro da biblioteca. Este aspecto lévanos á segunda pedra angular do noso proxecto: a biblioteca como espazo integrador e dinamizador dentro de centro.

A biblioteca e o seu equipo de traballo:a nosa biblioteca actúa como un motor de vida dentro do instituto. Todo o equipo que traballa para dinamizala pretende facer dela un «espazo amigo» que nos defina e nos una. Neste recuncho o estudantado non só consegue os recursos que necesita, senón que atopa tamén un lugar cómodo e agradable, divertido moitas veces, que estimula o seu coñecemento e o pracer da lectura.

Sabemos que o noso alumnado se sente cómodo na biblioteca por dous motivos principais, entre outros moitos: en primeiro lugar, porque cada curso que pasa notamos unha maior afluencia; en segundo lugar, porque o programa de voluntariado é todo un éxito. Desde que o curso pasado se implantou este programa, a demanda por participar excede todas as expectativas.

Sen lugar a dúbidas, biblioteca escolar e club de lectura viven nunha simbiose na que se reforzan mutuamente: canta máis fortaleza e dinamismo ten a nosa biblioteca, máis medra e se enriquece o club de lectura.

A escolla de lecturas: un dos aspectos clave que determinarán o éxito dun club de lectura é a selección das lecturas. Sempre é un proceso difícil que supón unha aposta que non sempre funciona. En ocasións é a persoa que coordina o club quen decide baseándose en criterios literarios e tamén pedagóxicos. Cremos que é fundamental que o alumnado que forma parte deste proxecto medre como lector, por iso hai que facer en ocasións apostas arriscadas. Por exemplo, en segundo da ESO decidiuse que as obras de lectura no primeiro trimestre serían do xénero lírico. O alumnado amosouse remiso, ás veces ata fixo a tentativa de abandonar. Nese momento a coordinadora é unha peza clave: ha de explicar o porqué desa escolla e ha de crear un horizonte de expectativas ilusionante que se cumprirá grazas a reunións ben preparadas, participativas, nas que o alumnado entenda e goce coa poesía.

Noutras ocasións buscamos lecturas cunha pedagoxía de fondo, que traten temáticas que queremos abordar porque son necesarias no contexto no que vivimos e porque queremos xerar un debate entre o noso alumnado. Así, por exemplo, nalgún curso cremos necesario tratar o tema da integración, do respecto e da solidariedade e entón propuxemos lecturas como La lección de August (R. J. Palacio) ou Viaje al país de los blancos (Ousmar Umar)Noutro grupo do club detectamos a necesidade de tratar o tema do acoso escolar, e entón optamos pola lectura O que sei do silencio (A. Maceiras).

Non obstante, sobre os criterios pedagóxico ou literario, está sempre a idea de que a lectura que se escolla ha de ser accesible para o alumnado. Por iso é fundamental que o profesorado, cando dá o paso de propoñérllela, teña en conta se os receptores serán capaces de comprendela, interiorizala e dialogar sobre ela.

En último lugar, cada vez é máis habitual que a escolla da lectura sexa un proceso compartido no que o alumnado, guiado polo profesorado, é quen toma a decisión. En ocasións, eles propoñen temas que espertan o seu interese. É o caso da lectura 22 segundos (Eva Mejuto), que foi obxecto do noso club porque existía inquietude por saber máis sobre o tema da transexualidade.

Por último, tamén se len obras por proposta dun alumno ou alumna que desexa compartir co resto unha das súas historias favoritas. É o caso de Greenwood (G. Moon), que tivo un enorme éxito pola súa fórmula na que mestura misterio, amor e amizade.

Deseño de actividades: cando o noso alumnado se apunta ao club, agarda compartir lecturas, pero tamén realizar actividades vinculadas a esas lecturas. Por iso é fundamental trazar a comezos de curso un plan de acción que, na medida do posible, se levará a cabo ao longo do curso: obradoiros de escrita creativa, rutas e faladoiros literarios, visitas de escritores, saídas ao teatro, contacontos ou visionado de películas relacionadas coas lecturas, entre moitas outras.

Pero, ao final, quizais a actividade máis sinxela e máis gratificante son as reunións que facemos cun bocadillo ou cunhas galletas ás que convida o centro para poñer en común as nosas impresións sobre a obra. É nesas xuntanzas cando xorde o espírito corporativo de pertenza a un club exclusivo, dentro do cal non só nos facemos mellores lectores, senón que maduramos como persoas e facemos novas amizades.

3. Actividades vinculadas ao club de lectura: grandes fitos

Poderiamos facer un elenco de actividades que se foron sucedendo ao longo destes anos… Altos e   baixos, ideas acertadas ou totalmente erróneas levaron o alumnado e profesorado do IES Cidade de Antioquía a pasear por unha chea de lecturas e, sobre todo, a non poñerlles límites ás posibilidades que achega un libro.

Queremos destacar algunhas que, aínda que pasasen os anos, quedaron gravadas na nosa memoria e na daquelas persoas que formaron parte de Ao pé da letra:

#actividadespermanentes

Baixo esta etiqueta deben estar os faladoiros literarioso encontro con autores. Desde o primeiro ano e ata o día de hoxe, é unha das actividades destacadas deste club. Vivir en Xinzo non sempre é idílico e os contactos cos creadores non sempre son fáciles, pero nós conseguímolo todos os anos a través dos faladoiros organizados en Ourense e Allariz e co achegamento de autores aos centros de Xinzo.

É evidente que a colaboración con outros centros e institucións é un dos elementos que permite sacar adiante as actividades, pero tamén a insistencia por achegar esta diáspora ao centro do universo.

Para nós son importantísimas as persoas que se achegan a Xinzo para compartir con nós o seu tempo e ademais o seu labor creativo. Algúns nomes: Fran Alonso, Lado Aldao, Eva Mejuto, Carlos Negro, Núñez Singala (os dous), Andrea Maceiras, Alberto Canal, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Cándido Paniagua, Fernando Lalana, Paula Carballeira ou, aínda neste ano, a poeta siria Maram Al-Masri.

Cada ano pretendemos que quede unha pegada para nós como coordinadoras-colaboradoras-actuantes e para a rapazada. Feita a reflexión, escollemos algún recordo de cada curso para compartir cos lectores. Se serve de inspiración este artigo para quen nos lea, xa sería redondo. Perdoade a analoxía pero daba xogo… Comezamos no ano I da nosa era…

RUTA DE A PRAIA DOS AFOGADOS (ANO 2011)

Un club que aínda non tiña organizado grandes saídas e se propón ler un libro que, de entrada, intimidou a rapazada pola súa extensión e que rematou como éxito rotundo. De feito, naquela altura, estaban tan ansiosos pola lectura seguinte de Domingo Villar que algún incluso lle quería mandar unha mensaxe dicíndolle que tardaba demasiado…

ENCONTRO CON XOSÉ NEIRA VILAS… A ISO CHAMÁMOSLLE ASPIRAR AO MÁIS ALTO (2012)

Grazas á colaboración con outros clubs, conseguimos a visita de X. Neira Vilas. Tamén hai que ler clásicos e, por sorte, naquela altura puidemos acompañalo do seu autor.

ASISTENCIA AO TEATRO E ORGANIZACIÓN DE MÚLTIPLES ACTIVIDADES NO EIDO DRAMÁTICO (curso 2012/13)

Como cada ano queremos dar unha perspectiva nova, foi o ano do teatro… e non podía ser doutro modo se as Letras Galegas se dedicaban ao gran Roberto Vidal Bolaño. A lectura de texto dramático non sempre atrae a rapazada, pero a algún sóubolle a mel esta iniciativa.

PARTICIPACIÓN NO PICO SACRO DAS ACTIVIDADES VINCULADAS A DRAGAL. (curso 2013/14)

Neste curso foi o gran salto ao alumnado máis novo. Conseguimos achegar a 42 mozas e mozos ata o Pico Sacro a través da lectura de Dragal. A iniciativa prometía e realmente foi unha experiencia única. Ese ano só catro centros de toda Galicia nos embarcamos nesa aventura, pero foi espectacular. Na seguinte edición, xa eran oito os centros implicados.

INTENSIFÍCASE A COLABORACIÓN CON OUTROS CENTROS (curso 2014/15)

Neste ano as lecturas chegaron ata a creación. Comezou a nosa participación en diferentes certames literarios con éxito entre a rapazada. Colaboramos co IES de Allariz na organización dos faladoiros que se realizan alí e pechamos o ano cun percorrido mítico-literario por Santa Mariña de Augas Santas.

CHEGOU A NÓS A POESÍA… (2015/16)

Outra volta… outra novidade, a estas profesoras do club ocorréuselles que tamén se pode ler en verso… E lemos versos, e coñecemos poetas, e creamos poesía.

O CLUB TRASPASA FRONTEIRAS E ORGANIZA A ACTIVIDADE DE LECTURAS PARA  A COMUNIDADE DURANTE O MES DE MARZO DE 2016

Decidimos só destacar unha actividade por curso para non aburrir os lectores e neste intre decidimos parar na lectura en común. O club minguara coa marcha dalgúns activos, pero decidimos que iso non nos ía parar. Durante todo o mes de marzo realizamos pequenas lecturas para outros membros da comunidade educativa e sobre todo lecturas cheas de solidariedade.

De xeito voluntario, algúns mozos e mozas do club escolleron entre as lecturas de autoría feminina que realizaran neste ou noutros cursos para ofrecérllelas ao resto da comunidade educativa.  Así tivo comezo a actividade Marzo-Mes de mulleres, que se desenvolveu durante os recreos de marzo coa lectura de diferentes textos e a posterior exposición e comentario do alumnado do club, pero tamén doutros usuarios da biblioteca do noso centro de ensino.

COMEZA AO PÉ DA LETRA PARA OS PROFES CON A FERIDA DO VENTO. ANO CARLOS CASARES (2017)

Por fin conseguimos achegarnos a máis profesorado co gallo da celebración das Letras Galegas en Xinzo. A rapazada traballou moito, leu moito, creou moito… e de todo iso quedou un gran recordo. Canto traballamos, aínda que na televisión só saísen os académicos...

RUTA LITERARIA DA OBRA O TRAPECISTA DA MALLA DE ROMBOS DE ALBERTO CANAL 2018

Foi unha das actividades máis emocionantes e intensas. Despois da lectura da novela do ourensán Alberto Canal, fixemos unha pequena viaxe a Benposta, lugar onde se ambienta a novela. Alí  agardábannos os últimos habitantes desta Cidade dos Muchachos, que con moito cariño nos contaron como se creou un proxecto tan novidoso no mundo e, tamén, como rematou. Finalmente, agardábanos a gran sorpresa: o mesmo Alberto Canal xantou con nós para relatarnos como xurdiu nel o interese pola Cidade dos Muchachos e como xestou a novela. O máis sorprendente para o profesorado que organizamos esta visita foi que o alumnado non coñecía a historia do proxecto de Benposta, incluso descoñecía a súa existencia. Iso si, volveu para a casa cunha historia preciosa, e triste á vez, para contar.

A POESÍA CHEGA PARA NON MARCHAR: OBRADOIRO DE CARLOS NEGRO 2019

Debemos confesar que lle temos medo á poesía; non obstante, a experiencia deste curso foi que ao alumnado lle gusta e goza con este xénero moito máis do que pensamos. A aposta pola lírica fixémola no club de lectura de segundo da ESO e o autor escollido foi Carlos Negro. Pero tras el, viñeron as lecturas de Antonio García Teijeiro ou de Elvira Sastre. O fin de festa do club de poesía correu a cargo de Carlos Negro cun dos seus obradoiros cheos de sensibilidade, tenrura e compromiso social.

ANO X: O CURSO DO CORONAVIRUS

Neste ano 2020 queriamos celebrar o noso aniversario. Ata aquel xoves 12 de marzo lemos Todo o tempo do mundo (D. Pérez Iglesias) e vimos a película coa que tanto se complementa a novela, El manzano azul. Acudimos aos faladoiros literarios de galego organizados polo Concello de Ourense sobre a novela O meu nome é ninguén (M. Esteban).Lemos MakinariaPenúltimas tendencias no club de poesía e a novela de Andrea Maceiras, O que sei do silencio. Pero chegou a pandemia e, como todo na nosa vida, houbo que darlles unha volta aos plans. Estabamos agardando a visita das escritoras Andrea Maceiras e Marisol Ortiz;quedaron en suspenso os faladoiros literarios con Manuel Jabois sobre a súa obra Mala herba; paráronse as reunións sobre a novela Greenwood, escollida polo alumnado de segundo da ESO; tampouco foi posible a xuntanza con Olga Novo dentro do club de lectura do profesorado e tampouco se fixo realidade o obradoiro literario con Carlos Negro.

Todo mudou. Agora estamos na casa, temos contactos coa rapazada de máis ou menos éxito, seguimos lendo e recomendando lecturas na distancia a través do blog da biblioteca e, claro está, estamos dándolle voltas ao que seguirá, porque volveremos, con forzas para darlle pulo ao club de lectura e á nosa biblioteca, sempre activa e activista, coma todos os que formamos parte dela.

4. Fortalezas e debilidades

Para avanzar, sempre hai que pararse a valorar que é o que funciona e adquire forza co tempo e, pola contra, que aspectos amosan máis debilidade e, polo tanto, deben ser revisados.

Fortalezas

A nosa materia prima: sen dúbida, a gran fortaleza é a entrega, a ilusión e o interese que amosa o noso alumnado, sobre todo nos cursos máis baixos. Chegan ao instituto cunhas ganas inmensas de coñecer a biblioteca e de participar en todos os proxectos que derivan dela. O noso alumnado é o activo máis potente de Ao pé da letra. Pero tamén o é o profesorado que coordina, que colabora de moitos xeitos e que participa no club de lectura de adultos. [AQUÍ FOTO 2]Todos formamos un grupo grande, heteroxéneo, pero cohesionado polo amor á lectura. Alumnado e profesorado conforman a materia prima dunha rede moi sólida que fai que, aínda que nos tiremos ao baleiro, nunca caiamos de todo.

A nosa biblioteca e o programa PLAMBE: Ao pé da letra non podería medrar se non fose porque canda el tamén medrou a biblioteca, sempre arroupada polo Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Formar parte deste grupo permitiunos mellorar as nosas instalacións e darlle vida cunha dinamización constante, multidisciplinar e integradora.

Colaboracións con outros centros e institucións: Sempre estivemos e estamos abertos a colaborar con quen se nos achegue cunha boa proposta. Traballamos man a man co outro instituto da vila, o IES Lagoa de Antela e cos dous centros de primaria, aos que o noso alumnado do club acode para levar a cabo contacontos ou recitais poéticos. Tamén co IES de Allariz, no marco dos seus faladoiros literarios e radiofónicos. Co Concello de Ourense, nos faladoiros literarios de galego e castelán, e co Concello de Xinzo de Limia, na organización de actividades na Semana das Letras, entre outras moitas ocasións. Co CEIP de Xunqueira de Ambía temos unha estreita e antiga colaboración no seu certame Falando de Solidariedade. Este ano, en colaboración con BenComún e a fundación Vicente Risco, puidemos gozar da poeta siria Maram Al-Masri. E grazas a editoriais como Xerais, Galaxia ou Casals podemos contar con autores e autoras que veñen ao noso centro para falarnos das súas obras.

Apoios no propio centro: Ao pé da letranon podería consolidarse e medrar se non fose porque sempre, de xeito incondicional, tivemos o apoio do profesorado e do equipo directivo. Todos e todas viron o potencial deste proxecto que fomenta a lectura e sempre houbo, e hai, disposición de apoiar as iniciativas que se enmarcan dentro del.

Debilidades

Recursos: os orzamentos cos que contamos son sempre moi limitados e ao final acabamos facendo auténticos malabarismos para chegar a todo con pouco gasto. Agudizamos o enxeño e buscamos alternativas aínda que, ás veces, acabamos desbotando algunhas actividades. A compra de libros é un gasto e non sempre podemos adquirir exemplares para todos os participantes. O alumnado medra en cantidade, e temos que facer quendas rotatorias para a repartición de exemplares. Iso lentifica a realización de faladoiros porque temos que agardar a que todos e todas o teñan lido. Por iso, cada curso temos que reutilizar unha ou dúas lecturas, porque non podemos permitirnos a compra de máis exemplares.

Por outra banda, ao vivir nunha vila afastada das grandes urbes, as saídas supoñen un desembolso importante. O transporte sempre é o gasto máis elevado de calquera das nosas actividades. Por iso, optamos por traer as actividades ao noso IES. Pola contra, sabemos que o que lle gusta ao noso alumnado precisamente son as saídas fóra do centro.

Mingua do interese pola lectura nos cursos máis altos: á parte das debilidades que mencionamos ata agora, cremos que o gran problema do noso club de lectura é que perdemos activos a medida que ascendemos de curso. Semella que o alumnado máis vello perde a ilusión por ler e por compartir a súa experiencia lectora. Polo que eles nos contan isto débese a que cada vez teñen máis presión nos estudos e menos tempo fóra do instituto para dedicarlle á lectura.

Paridade: desde sempre o alumnado feminino foi maioritario no club de lectura. Parece que este curso 2019/20 medrara a representación masculina, pero, aínda así, seguimos a notar un gran desequilibrio. Sen dúbida, é urxente o deseño de medidas que palíen esta falta de equidade.

Participación doutros membros da comunidade educativa:desde hai dous anos Ao pé da letra conta cun grupo moi numeroso formado por persoas adultas. Este club está aberto a toda a comunidade educativa. O gran problema é que está integrado só por profesorado dos dous centros de ensino secundaria de Xinzo de Limia ou por docentes xa xubilados. A nosa gran pretensión é conseguir que a nosa familia medre con persoal non docente e coas familias do noso alumnado. Ese é un dos grandes retos que perseguimos con forza, pero que aínda non logramos acadar.

5. Horizontes de futuro

Nesta situación de incerteza e soidade que estamos vivindo no remate do curso 2019/20, si hai certezas que se consolidaron con máis forza. Unha delas é que a lectura é unha medicina, unha gran compañía, unha táboa de salvación. Seguramente moitos que aínda non o sabían descubrírono nestas semanas de illamento social.

Por iso, cando por fin retomemos o pulso da vida e os centros volvan abrir as súas portas, afrontaremos o club de lectura cunha mirada nova. Con máis ilusión ca nunca, animaremos a toda a comunidade educativa a participar neste proxecto que é tan necesario para recolocarnos por dentro e para reestruturarnos como comunidade. De maneira especial, emprenderemos a loita para conseguir que o noso alumnado de cursos máis altos se implique nesta iniciativa, dándolle autonomía para a escolla de lecturas. Sen dúbida, na súa etapa vital demandan liberdade para decidir, tamén no eido literario. Así mesmo, procuraremos romper co desequilibrio por razóns de xénero, para lograr que as voces masculinas tamén se escoiten nas reunións do noso club. E por último, a gran meta será implicar as  familias neste proxecto, porque cremos firmemente que a lectura compartida ten que traspasar as paredes do centro e porque necesitamos do diálogo

Aínda nos quedan moitos retos, pero sempre as metas pendentes foron necesarias para mirar cara adiante sen perder o norte.

 

 

Sección: