Reformas nos alicerces de Librolandia. Construímos: un proxecto documental integrado para a transformación

«A ilusión debe ser o fío condutor en todo proceso de cambio».

María Elena Cagiao Manso, elenacagiao@edu.xunta.es

Ruth Álvarez Álvarez, ruth.alvarez@edu.xunta.es

CEIP Plurilingüe Graxal (Cambre-A Coruña)

 

No CEIP Plurilingüe Graxal estamos inmersos nunha transformación na que pretendemos converter a nosa biblioteca nun laboratorio creativo de aprendizaxe, aberto a toda a comunidade educativa e favorecendo a inclusión de todo o alumnado. Neste contexto levamos a cabo o PDI Construímos, que foi premiado no VI Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados coordinados desde a biblioteca escolar.

 

O noso cole

O CEIP P. GRAXAL é un cole de barrio: non temos transporte escolar, polo que todas as familias nun momento ou outro do día pasan polo centro. Está situado no Temple, que é a parroquia máis poboada do concello de Cambre, na Coruña. Nestes momentos temos escolarizados algo máis de 450 alumnos. A nosa comunidade educativa conta cunha gran diversidade en diferentes ámbitos: cultural, relixioso, familiar, social, de aprendizaxe... polo que pretendemos aproveitar este feito para inculcar valores, fomentar a participación de todos e todas e construír de maneira conxunta espazos inclusivos.

Tendo en conta todos estes aspectos, o profesorado non deixa de formarse, vai renovando e actualizando as súas metodoloxías co fin de poder atender a todo o alumnado, deixando de lado o uso do libro de texto como único referente para dar as clases. O coñecemento dalgunhas das chamadas metodoloxías activas e a súa análise permítelles aos mestres seleccionar as actuacións que poden axudarlle mellor ao alumnado. Entre as paredes do noso centro conviven o cooperativismo, a aprendizaxe baseada en proxectos de investigación, o movemento OAOA sobre a ensinanza e aprendizaxe das matemáticas, a metodoloxía Montessori, o emprego de tabletas e, desde este curso, a emisora de Radio na biblio. A combinación destes enfoques permite seleccionar os aspectos máis interesantes, sempre tendo en conta certa coherencia entre eles, para que cada un dos nosos alumnos e alumnas poida desenvolver as súas propias capacidades. 

Nesta ligazón podedes ver un vídeo dunha xornada de formación do profesorado.

Librolandia en reformas para converterse nun laboratorio creativo de aprendizaxe

A nosa biblioteca, Libronlandia, leva no PLAMBE desde o curso 2012/13, traballando desde o comezo polo fomento da lectura no noso alumnado. O curso pasado pensamos que isto non chegaba, que queriamos máis. Pretendiamos darlle un cambio á nosa biblioteca en todos os sentidos; pensabamos, tal e como di Rosa Piquín, que: «A biblioteca escolar non pode concibirse só como un equipamento máis dos centros escolares, ao servizo da promoción da lectura, senón tamén como núcleo activo no proxecto educativo e no proxecto curricular dos centros, como un núcleo que presta múltiples servizos necesarios e que, á vez, é capaz de xerar ideas e accións de cambio na escola» (1). Queriamos transformar LIBROLANDIA nun laboratorio creativo de aprendizaxes, aberto a toda a comunidade educativa e favorecendo a inclusión de todo o alumnado. 

Para levar a cabo este cambio, analizamos que era o que tiñamos que facer, observamos o traballo feito por outras bibliotecas a través das experiencias que comparten nas distintas xornadas e encontros organizados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, e incluso tivemos a sorte de poder ver in situ unha destas bibliotecas, que tomamos como referencia para a nosa transformación. Xunto coa asesora da zona norte, visitamos Leoteca, a biblioteca do CEIP Canosa Rus de Coristanco. Nela recibíronnos Verónica e Diego e amosáronnos un concepto de biblioteca renovada e a posta en marcha de proxectos que implican o uso extensivo de todos os recursos e posibilidades da biblioteca escolar. Esta visita axudounos a definir que liña queriamos seguir.

Así comezamos un proceso de construción no que abordamos novos retos: creación de novos espazos, adquisición de fondos e de materiais manipulables adaptados ás necesidades de todo o alumnado, construción dun espazo creativo, fomento de actividades de expresión oral e de lectura, impulso da mellora da competencia informacional e mediática (ALFIN/AMI) e maior emprego de metodoloxías activas, entre outros. Coa consecución destes retos xa tiñamos os espazos, os materiais, as ideas... pero precisabamos algo fundamental, os alicerces da construción: as persoas.

Elaboramos actividades de formación de usuarios tanto para mestres como para o alumnado, co fin de achegalos á nova biblioteca. Facendo obradoiros cos novos materiais, xogos para acercarlles o uso da CDU, ofrecendo actividades que se adaptan aos distintos currículos e falando e investigando co alumnado e o profesorado para saber que se precisa en cada aula. Nesta reforma, non queriamos esquecer a importancia de implicar as familias na formación dos rapaces como lectores e lectoras competentes, e o seu papel na adquisición dos hábitos de lectura.

Unha vez conseguidos os terreos, os planos, os materiais e procurando que os alicerces estean ben apoiados, era o momento de comezar a construír aprendizaxe.

Por que un proxecto documental integrado? 

Desde a nosa biblioteca queriamos ofrecerlle ao alumnado os medios para aprender, pero cun sentido de coherencia nos seus estudos, cun propósito de significado, de interconexión naquilo que se aprende. E iso levámolo a cabo coordinando o desenvolvemento dun proxecto documental integrado.

Moitas aulas do noso centro levan anos traballando coa metodoloxía da aprendizaxe baseada en proxectos de investigación e a biblioteca xa os coordinou en anos anteriores, pero realizando só actividades puntuais. Tendo en conta os resultados, no claustro considerabamos que sería unha forma diferente de aprender e unha forma máis dinámica, activa e participativa na transmisión de coñecementos. Ademais, consideramos que non podemos ser alleos ao que nos rodea, pois na actualidade a información atópase en multiplicidade de documentos e formatos. Nesta era dixital na que vivimos, o noso alumnado está inmerso nunha «explosión da información» onde as fake newsenchen as redes sociais e os medios de comunicación aos que tan facilmente poden acceder. Por este motivo, pensamos que temos a obriga de amosar o camiño para que se saiba facer un uso eficaz e crítico da información, e crearlle a necesidade de desenvolver habilidades e competencias no tratamento e comunicación da información, transformando esta en coñecemento.

A través das investigacións propostas no PDI, procúrase que o alumnado empregue todos os recursos documentais da biblioteca escolar e foméntase o acceso ás fontes documentais diversas que o rodean, promovendo e facilitando a lectura de diversos textos e formatos que son exemplo do acceso á información na actualidade e, sobre todo, ensínase a procesala e a comunicala, xa que o feito de ter que explicala ante os demais axuda a comprender mellor a información, permite apropiarse dela, transformándoa así en coñecemento.

O PDI Construímos. Primeiros pasos do cambi

O primeiro paso que tiñamos que dar era escoller un tema para o noso PDI. Nesta ocasión foi o claustro quen tomou esa decisión. Foron moitas as propostas, pero ao final todos estivemos de acordo en que o tema sería Construímos, xa que ofrece un valor simbólico de todo o proceso de cambio que estabamos a levar a cabo na nosa biblioteca e na nova forma de ensinar e de aprender.

Pareceunos interesante que o tema partise da Área das Ciencias Sociais co obxectivo, tal e como se indica na LOMCE, de contribuír ao desenvolvemento persoal e social do alumnado, achegándolle os recursos necesarios para integrarse e participar de forma activa na sociedade na que vive, partindo da comprensión da realidade física, social e histórica máis próxima ata poder comprender o mundo dun xeito máis global. O traballo a través do proxecto de investigación permitiría abordar estes obxectivos curriculares desde un enfoque metodolóxico práctico, integral, de uso social e con carácter funcional, e os contidos serían abordados dun xeito global e interdisciplinar. Polo tanto, non nos limitariamos a afondar no tema exclusivamente desde unha perspectiva arquitectónica, senón que queriamos abranguer un concepto de construír máis amplo, no que as construcións literarias, as construcións matemáticas, as construcións plásticas, a construción de lazos afectivos... tivesen unha especial presenza no noso proxecto.

Para comezar a organizar o traballo, contamos coa axuda de todos os equipos docentes, cunha especial implicación por parte do equipo de dinamización da lingua galega. En primeiro lugar, no mes de outubro, presentámoslle o proxecto a toda a comunidade educativa facendo uso do blog e das distintas redes sociais, para invitar as familias a participaren nel. Para comezar a traballar, fíxose unha listaxe con distintas construcións que teñen unha especial presenza en Galicia, para que cada titoría puidese escoller unha para facerse expertos nese tema. Todas as aulas, tanto de educación infantil como de educación primaria (en maior ou menor medida), participaron no PDI Construímos. No desenvolvemento do proxecto realizáronse diferentes tipos de actividades de busca, tratamento e comunicación da información. As conmemoracións de Samaín, o Mes da Ciencia, o Día da Paz e o Entroido, entre outras, tamén se relacionaron coa temática do PDI.

Desenvolvemento do proxecto

Actividades de busca de información:

  • Visita a distintas construcións co grupo clase: visitáronse numerosas construcións que estaban sendo traballadas na aula, para coñecelas e ampliar a información sobre elas. As visitas foron acompañadas das explicacións dos expertos que as ían amosando. Entre outras, visitáronse as seguintes: o dolmen de Dombate, o castro de Borneiro, a torre de Hércules, o castelo de San Antón, a casa de María Pita, os baños termais de Cambre, a ponte do Burgo, a igrexa románica de Cambre, o castro enterrado de Cambre, o pazo de Mella (onde puideron ver un pombal, unha lareira)...

  • Visitas a construcións por parte das familias: moitísimas familias do centro visitaron de xeito individual numerosas construcións de Galicia. Algunhas destas familias prepararon a información que obtiveron nas visitas e foron ás aulas explicar o que viron; outras participaron con fotografías na elaboración do libro Desde O Graxal en familia buscando construcións por Galicia
  • Presenza de expertos nas aulas e na biblioteca: o alumnado obtivo información a través de adultos que viñeron ás aulas para falar do PDI ou doutras temáticas que se estaban traballando nas aulas. Estes, en ocasións, eran profesionais, pero tamén contamos coa presenza de familias e alumnado doutras aulas.
  • Obradoiros de formación de usuarios: o equipo de biblioteca realizou diversos obradoiros para formar o alumnado nos materiais novos que se atopan en Librolandia, moitos deles relacionados co PDI e para o uso da nova CDU. Os obradoiros fixéronse na hora do recreo na biblioteca.
  • Selección de fondos: tanto documentais como material manipulable da biblioteca, para traballar distintas temáticas nas aulas. Estes materiais achegáronse a través das caixas de aula, das exposicións temáticas dos corredores ou directamente solicitándollos ao equipo de biblioteca.
  •  Elaboración dun panel con códigos QR sobre as construcións: na biblioteca elaborouse un panel coas construcións que tiñan que traballar en cada aula e asociouse a un código QR. Escaneando este código QR coa tableta, pódese acceder á información sobre as construcións.

  • Recursos TIC: no blog de Librolandia,facilítanse varios recursos dixitais, tanto para o traballo do PDI como para outras temáticas que se traballan ao longo do curso e que se poñen á disposición da comunidade educativa. Entre elas, un Symbaloo que se elaborou con enlaces a páxinas web con información sobre distintas construcións.
  • Escape room: realizáronse varias actividades nas que, por exemplo, os participantes tiñan que buscar as pistas no blog sobre construcións de Cambre. Tratábase de, a través do xogo, buscar información en distintos formatos.

Actividades de tratamento e transmisión da información:

Unha vez obtida a información, realizáronse actividades nas que se analizaron as fontes de información, se resumiron as ideas principais e se plasmaron en diferentes traballos, tanto de forma individual como en pequeno e gran grupo.

  • Libros de creación propia, onde se foi plasmando a información que cada familia investigou sobre distintas construcións de Cambre.
  • Creáronse slogans contra a violencia de xénero para situar nun mural do corredor.
  • Vídeos: realizouse unha decena deles sobre as distintas celebracións e exposicións da biblioteca. O alumnado de sexto participou en varios vídeos que foron subidos á canle de YouTube do Graxal e compartidos a través do blog.
  • Construción de maquetas.
  • Creación e representación por parte do alumnado dun kamishibaisobre Rosalía de Castro.
  • Elaboración de murais mediante distintas técnicas. 
  • Creación dun calendario coa participación de todas as aulas, no que cada páxina estaba dedicada a unha construción e ía acompañada dun refrán galego. O calendario distribuíse a todas as familias.
  • Construción de refuxios con material de psicomotricidade, despois de traballar os conflitos bélicos e os campos de refuxiados.
  • Deseño de disfraces, por aula, coa temática das construcións para o Entroido.
  • Realización de PowerPoints sobre o investigado e presentación destes para expoñer o aprendido.
  • Elaboración do libro Desde O Graxal en familia buscando construcións por Galicia. Nel inclúense fotos que as familias enviaron ao correo electrónico da biblioteca sobre construcións de Galicia e están acompañadas de poesías creadas polo alumnado de sexto de primaria.
  • Póster que leva por título «Construímos novos espazos». Nel aparecen os novos espazos creativos, inclusivos e familiares asociados a un código QR. Ao escanealo, pode verse un pequeno vídeo feito polo alumnado colaborador da biblioteca, explicando o funcionamento destas seccións. Este póster foi exposto nos Encontros PLAMBE do curso 2018/19.
  • Participación na OPEN SCIENCE de Cambre con dous postos sobre as construcións.
  • Representacións de pequenas obras de teatro e contacontos.
  • Exposición do PDI Construímos: o produto final do proxecto foi unha exposición con todas as investigacións e os materiais realizados durante o curso e que se estreou nunha xornada de portas abertas para as familias, coincidindo co festival das Letras Galegas no mes de maio. Na seguinte ligazón podedes ver un vídeo do día da exposición.

O proxecto rematou cunha avaliación, cuxo proceso se foi realizando desde os seus inicios.

O resultado da reforma nos alicerces da nosa biblioteca e do proxecto Construímos foi moi positivo,xa que conseguimos darlle continuidade ao traballo feito con anterioridade e ademais supuxo un curso cheo de cambios e novos retos que abordamos con moita ilusión. A nosa pretensión era transformar Librolandia nun laboratorio creativo de aprendizaxe, aberto a toda a comunidade educativa e favorecendo a inclusión de todo o alumnado, e podemos dicir que imos por bo camiño.

Non queremos esquecer que toda obra ten que pasar por un control de calidade no que se revisan e se deben ir renovando todos os procesos e materiais.

Sabemos que temos moito que facer, pero pretendemos seguir formándonos para poder conseguilo e atrevernos con retos novos.

 

 

Bibliografía: 

 

 

PIQUIN, R. (2006) Razón de ser dos proxectos documentais integrados na vida cotiá dun centro escolar, para desenvolver competencias lectoras e alfabetizar en información. Bibliotecas Escolares de Galicia. Dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/files/Proxectos_doc_integ_rosapiquin_2006.pdf

 

Sección: