A través da realidade cultural galega en conxunción co patrimonio cultural inmaterial e material, encádrase un apartado moi interesante para traballar coas diferentes materias educativas. Propiciado dende unha ensinanza atractiva e lúdica para o/a alumno/a, favorecerá a consecución dunha aprendizaxe que lle permitirá coñecer e relacionarse co contexto socio-cultural que o envolve. Fomentando en todo momento a interculturalidade e o respecto por outras culturas, prestando por tanto unha atención á diversidade presente na aula e mostrando, en consecuencia, como a cultura galega serve de ponte entre a escola e a educación social. Con esta proposta propíciase que o alumnado adquira novas aprendizaxes distanciadas da memorización de textos; que traballe aspectos como a creatividade, a aprendizaxe significativa e a imaxinación; así como a comprensión e a expresión oral e escrita. Promóvese tamén o hábito lector e o manexo das tecnoloxías da información e da comunicación entre outros aspectos; animando ó emprego da investigación mediante o carácter indagador dos/as alumnos/as e recuperando elementos culturais a punto de ser perdidos no tempo e mesmo recreándoos na clase dende unha visión interdisciplinar: transcorrendo dende a recreación de contos, lendas, mitos ou calquera tipo de tradición oral á recreación plástica das diferentes manifestacións culturais físicas, pasando pola interpretación musical de diversas pezas, entre outras formas de traballar e introducir a cultura galega na aula
© 2001-2025 Fundación Dialnet · Todos los derechos reservados