Femmes dans l’histoire. Mulleres imprescindibles da lingua francesa

Unicamente incorporando as mulleres á historia podemos comprender o presente. Carme Alvariño Alejandro, na Introdución aos escritos políticos e literarios de Olympe de Gouges.
Recurso dixital para a práctica da comprensión e da expresión orais e escritas da lingua francesa a partir de catro unidades didácticas elaboradas arredor da vida e a obra de catro mulleres referenciais na cultura francófona contemporánea.

María Lopo
IES de Sar (Santiago de Compostela)

 

Motivación e contextualización

Os materiais didácticos utilizados nas nosas aulas aínda non integraron dun xeito natural e profundo os principios coeducativos que rexen o noso sistema educativo. Esta constatación, evidente no día a día da nosa práctica docente na área da lingua francesa, levounos a deseñar un recurso que se situase na confluencia de varios aspectos de interese na realidade educativa do francés nas nosas aulas: unha gran maioría de alumnas e alumnos inícianse na lingua francesa en primeiro da ESO como segundo idioma, nunha aprendizaxe lingüística extraterritorial e cunha distancia cultural grande con respecto ao mundo francófono.

Traballar as catro competencias lingüísticas básicas a partir do lugar central da vida e da obra de mulleres referenciais da cultura en francés enriquece a aprendizaxe coa transversalidade do protagonismo feminino, habitualmente esquecido nos manuais tradicionais, e da sensibilización do alumnado con novas e diversas manifestacións artísticas e culturais, así como cos valores de superación persoal, solidariedade, liberdade e pacifismo que estas mulleres encarnan. Esta perspectiva anima a reflexionarmos xuntos, docentes e aprendentes, sobre a nosa práctica pedagóxica e os nosos materiais educativos. Podemos crear e aprender a partir do feminino, podemos entrar nunha nova lingua a través dun nome de muller.

Descrición do recurso

Femmes dans l’histoire é unha ferramenta web concibida para a súa utilización en segundo da ESO na materia de Segunda Lingua Estranxeira: Francés. De todos os xeitos, o material pode ser, evidentemente, utilizado noutros niveis superiores da ESO como actividade de revisión.

As catro secuencias didácticas están organizadas en seis seccións. Os exercicios de comprensión oral e escrita, así como os de expresión escrita, permiten a súa realización e avaliación autónoma por parte do alumnado. Os exercicios de produción oral, guiados polo docente na aula, constrúense a partir do vocabulario, imaxes e estruturas discursivas propostas na unidade. As audicións están adaptadas, da mesma maneira ca os textos escritos, aos contidos idiomáticos correspondentes ao nivel de segundo da ESO. Cada unidade desenvolve un tema gramatical en conexión cos contidos culturais, incluíndo os exercicios de aplicación gramatical autocorrixibles correspondentes.

As catro mulleres que vertebran o recurso foron elixidas en función dos mundos que lles achegan aos aprendentes, nun intento de tecer fíos e de mostrar conexións que fagan da aula un espazo intercultural:

María Casares, galega exiliada que se converteu nunha das grandes actrices francesas do século XX. As súas interpretacións teatrais e cinematográficas forman parte dos grandes momentos da historia da representación europea contemporánea.

Germaine Tillion, etnóloga e resistente francesa. Prisioneira en Ravensbrück, estudou cientificamente os mecanismos de exterminio do campo de concentración para sabotalos mellor e salvar así as súas compañeiras de detención.

Marguerite Yourcenar, escritora e intelectual nacida en Bélxica e que se nacionalizaría estadounidense. Foi a primeira muller que ingresou na Academia Francesa, en 1980. A súa obra literaria é unha das máis importantes na literatura do século XX.

Niki de Saint Phalle, artista plástica francesa, viviu unha boa parte da súa vida nos Estados Unidos. Cultivou a pintura, a escultura, o cine e as performances multiartísticas. As súas esculturas monumentais de mulleres, as «nanas», modificaron o espazo urbano contemporáneo inscribindo nel unha presenza feminina colorista, vitalista e liberada.

Obxectivos

- Valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre eles. Rexeitar a discriminación das persoas por razón de sexo ou por calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres, así como calquera manifestación de violencia contra a muller.

- Comprender e expresarse de maneira axeitada en lingua francesa.

- Contribuír á adquisición dun manexo básico no campo das tecnoloxías.

- Coñecer mulleres que realizasen achegas importantes á cultura e á sociedade contemporáneas.

- Apreciar a creatividade intelectual e artística e comprender as súas linguaxes.

Contidos

- Comprensión de textos orais (uso de estratexias de comprensión e perseveranza no seu logro, especialmente a través da reescoita).

- Produción de textos orais (uso de estratexias de produción: identificación do contexto, do destinatario e da finalidade da produción ou da interacción, expresión da mensaxe con claridade e coherencia básica, actitude de respecto no intercambio).

- Comprensión de textos escritos (incidindo na mobilización de información previa).

- Produción de textos escritos (a través do uso de modelos coñecidos e moi sinxelos de textos escritos, para elaborar os propios textos).

- Coñecemento da lingua, e consciencia intercultural e plurilingüe (a través de patróns sonoros, acentuais, rítmicos e de entoación básicos, de contidos sintáctico-discursivos específicos de segundo da ESO, así como dunha actitude receptiva e respectuosa no intercambio sinxelo con persoas doutras comunidades lingüísticas: informacións e indicacións, opinións, advertencias...).

Competencias

Traballaranse moi especialmente as seguintes:

- Comunicación lingüística.

- Competencia dixital.

- Aprender a aprender.

- Competencias sociais e cívicas.

- Conciencia e expresións culturais.

Metodoloxía aplicada

Enfoque comunicativo, con aplicación de metodoloxía activa, favorecedora do intercambio cultural e da inmersión lingüística. As unidades foron pensadas desde unha perspectiva de aprendizaxe integrada, que posibilitase traballar varias competencias a un tempo. A diferente tipoloxía dos materiais da práctica lingüística orientouse cara  a unha autonomía progresiva da aprendizaxe. A mobilización de valores de non discriminación e o traballo da lingua a partir de contidos culturais foi unha preocupación constante na elaboración do recurso.

Atención á diversidade e á convivencia

A propia configuración do recurso, que fomenta a autoaprendizaxe, favorece a coexistencia de diferentes ritmos e niveis de aprendizaxe na aula. Existe unha sección de axuda e, por suposto, na realidade da práctica educativa estableceranse as adaptacións e medidas alternativas necesarias ante a diversidade do alumnado, tal e como contempla a LOMCE.

As aulas de linguas estranxeiras son de por si laboratorios de transversalidade, de convivencia intercultural e de reflexión lingüística. Partindo, simplemente, do adxectivo estranxeiras, entran no noso campo de acción a valoración do diferente, o rexeitamento de estereotipos de xénero, a prevención de calquera forma de violencia, racismo ou xenofobia, o fomento da igualdade de trato e a transmisión de valores que sustenten a liberdade, a xustiza, a igualdade e a paz.

Avaliación

Cómpre subliñar que o deseño do recurso fomenta a autoavaliación do alumnado e a progresiva autonomía da súa aprendizaxe grazas á interactividade de rúbricas e tarefas. A decisión de ter adquirida unha competencia ou de ter que seguir traballándoa para lograr o obxectivo proposto recae en moitos casos nos propios aprendentes.

Soporte e ferramentas dixitais

eXeLearning

Audacity (para as audicións)

Tender pontes. O exemplo de María Casares

A preocupación fundamental á hora de traballar o recurso na aula é como tender a ponte entre o alumnado dunha aula de francés na Galicia do século XXI e as mulleres imprescindibles da lingua francesa presentes na unidade. Por iso propoñemos comezar a aplicación práctica coa figura de María Casares, ponte intercultural imprescindible. Damos aquí algunhas posibles pistas de activación deste interese a través dos contidos que aparecen nas actividades, así como tamén algunhas propostas sinxelas de actividades complementarias que proxecten o saber aprendido nunha apertura lingüística e sociocultural.

Pista biográfica: María Victoria Casares Pérez, a futura María Casares, naceu na Coruña e marchou ao exilio francés á idade aproximada que ten o alumnado de segundo da ESO. Estudaba, coma eles, dúas horas de francés á semana. Nunca antes saíra de España. Pequena reflexión sobre os cambios ortográficos do seu nome.

Pista artística: O gravado que introduce a unidade e que reproduce o seu rostro está realizado por Sara Lamas, unha artista lucense contemporánea. A cerámica de Sargadelos reproduce o seu retrato nunha xerra, segunda imaxe da unidade. Importancia da figura de María Casares. Posible busca complementaria de imaxes en Internet.

Entre nós: Exilio, emigración. De onde vimos os integrantes do grupo, de onde viñeron ou a onde marcharon amigos, familiares e coñecidos nosos. Que linguas falamos na casa e que linguas se falaron na casa.

Sobre nós: A nena María Casares marchou ao exilio cunhas fotos nas que aparece retratada cos seus amigos na súa praia preferida. Que levarías contigo se tiveses que marchar vivir a outro país?

O contexto histórico: Por que ela e tantas nenas e nenos se viron obrigados a abandonar o seu país a partir de 1936? A Guerra Civil española, o exilio republicano, Francia e a ocupación durante a Segunda Guerra Mundial.

A actriz: A nena coruñesa exiliada debuta como actriz de teatro en francés tan só cinco anos despois de chegar a París, con 19 anos. Pódese vivir e crear noutro idioma que comezas a aprender con 12 anos? Pódese ser ao mesmo tempo unha exiliada galega e unha actriz francesa? Pódese vivir e crear en varias linguas?

Unha cidade: Avignon. Cidade do sur de Francia onde se realiza un importante festival de teatro. María Casares foi unha das actrices máis importantes deste festival. Aprender a orientarse nesta cidade supón descubrir o nome da exiliada galega nas rúas, nos edificios, no instituto de formación profesional e na memoria cultural e afectiva do lugar. Hai en Galicia lugares dedicados á memoria de María Casares?

Aperturas: Personaxes creados por María Casares (mitos, mulleres imprescindibles da historia universal...); traxes de escena (descrición: materiais, cores, deseños...); títulos das obras e dos filmes nos que interveu (pequeno obradoiro de tradución, reflexión sobre esta: por que hai títulos equivalentes e non traducións exactas); proxección de fragmentos de entrevistas coa actriz (en francés e tamén en español, as trazas do galego no seu español); proxección de escenas cinematográficas protagonizadas por ela e que forman parte da historia do cine europeo do século XX; saída cultural: visita da Casa-Museo Casares Quiroga na Coruña, lugar de nacemento da actriz.