Proxecto Ríos

Experiencia de innovación educativa
Nos últimos anos, o CEIP Illas Cíes de Vigo relaciona o eixe vertebrador do curso escolar cun dos programas propostos no  Plan Proxecta da Xunta de Galicia. No curso 2016/17, grazas ao Proxecto Ríos, acadou un premio de innovación educativa que supuxo o recoñecemento á súa traxectoria.

Isis Alonso González, mestra de Música no CEIP Seis do Nadal (Vigo - Pontevedra)
isisalonsogonzalez@edu.xunta.es
Marina Amo Lacorzana, mestra de educación infantil no CEIP Illas Cíes (Vigo - Pontevedra)
amolacorzana@edu.xunta.es
Cristina Chousa Cortés, mestra de educación primaria no CEIP Illas Cíes (Vigo - Pontevedra)
cristinachousacortes@edu.xunta.es

 

 

Contextualización

O CEIP Illas Cíes aséntase no barrio de Coia, un dos máis poboados da cidade de Vigo. Este centro conta con nove unidades, tres de educación infantil e seis de educación primaria. Leva participando no Plan Proxecta desde o curso 2012/13, realizando diferentes actividades que implican as familias, o profesorado e outros axentes sociais como asociacións ou servizos públicos.

 

Obxectivos

O obxectivo xeral do Proxecto Ríos foi involucrar a comunidade educativa no coidado dos ecosistemas naturais, así como formar en valores fundamentais como o coidado e o respecto do medio. Na seguinte táboa amósanse os distintos obxectivos específicos e a súa relación coas diferentes competencias.

 

Obxectivos específicos

Competencia

1. Diferenciar e recoñecer as partes do río

CSC, CAA

2. Descubrir a utilidade da auga dos ríos para os distintos usos

CSC,CAA

3. Recoñecer as distintas formas de representación dos ríos

CAA,CMCCT

4. Saber interpretar os paneis informativos e os mapas das andainas

CSIEE,CMCCT, CCL,CAA

5. Fomentar unha conciencia ecolóxica e responsable

CSC

6. Sensibilizar e concienciar sobre a conservación e coidado dos ríos

CSC

7. Potenciar hábitos de respecto polo medio ambiente

CSC

8. Recoñecer a importancia da auga do río para a flora e a fauna que viven nel

CAA,CCL

9. Fomentar o interese e curiosidade polas cuestións que afectan á protección do medio ambiente e desenvolver actitudes de respecto cara a este

CSIEE / CSC

10. Saber incorporar a información que procede da propia experiencia

CAA,CCL

11. Utilizar e ler as distintas linguaxes textuais e gráficas

CCL

12. Expresarse de forma oral, escrita e gráfica sobre os temas expostos

CCL

13. Iniciarse na utilización das tecnoloxías da información e da comunicación, e no desenvolvemento do espírito crítico ante as mensaxes que reciben e elaboran

CCL

CD

14. Favorecer interese, a iniciativa persoal e creatividade e espírito emprendedor

CSIEE

15. Desenvolver hábitos de traballo individual e en equipo, de esforzo e responsabilidade no estudo

CSC,CD

16. Favorecer o intercambio de experiencias e opinións

CSC,CCL, CSIEE

17. Fomentar o compañeirismo e o respecto mutuo

CSC

 

Recursos empregados

En canto a recursos persoais, para desenvolver este proxecto, involucrouse toda a comunidade educativa para realizar as distintas actividades. Ademais, foi precisa a colaboración con diferentes entidades externas ao centro: ADEGA (na saída á inspección e limpeza do río Lagares que fixeron os alumnos de sexto de educación primaria), o Concello de Vigo con talleres como Vigo recicla e o Servizo de Normalización Lingüística con actividades para coñecer a fauna e flora que se atopa nos ríos.

En canto aos recursos materiais, destacamos principalmente o material audiovisual (para a visualización de  documentais, busca de información, fotos achegadas polas familias etc.), o blog do colexio, follas das árbores e pedras que podemos atopar na ribeira dos ríos (achegadas polas familias e o alumnado), libros, teas, material reciclado e material funxible.

 

Descrición da actividade

Ao longo do curso, fixéronse moitas actividades diferentes que contribuíron ao desenvolvemento integral do alumnado, como por exemplo:

1. Elaboración do mural relativo aos ríos colocado na taboleiro da entrada.

2. Elaboración do título do proxecto colocado no Corredor do Atlántico.

3. Decoración das portas das aulas relacionada co tema dos ríos.

4. Elaboración do río de palabras preferidas de cada curso.

 

5. Andaina polo río Lagares para o estudo das súas partes, fauna e vexetación.

6. Limpeza dun tramo do río Lagares coa colaboración de ADEGA.

7. Elaboración e exposición do mural de fotografías “Mira en que río estou”.

8. Localizar nos libros de arte da biblioteca pinturas onde aparezan ríos.

9. Recompilación de fotos e cadros de ríos na biblioteca do centro.

10. Reprodución sobre cartolina con acuarela de cadros famosos que teñen a auga como protagonista.

11. Decoración de croios na aula de plástica.

12. Creación dun mural das herbas e follas da beira do río, coa colaboración das familias.

13.Elaboración no Entroido dos disfraces de peixes no río ou de ras a carón do río.

14.Concurso literario Vermiño, relacionado co tema dos ríos.

15.Creación do cómic Non sabían como atravesar o río desde a biblioteca.

16.Poñer un nome a cada grupo da aula, relacionada cos ríos.

17. Proxección de documentais sobre os ríos.

18.Creación dun xogo-mural sobre as partes do río.

19.Realización de experimentos coa auga en educación infantil.

20.Estudo sobre o río Támese.

21.Estudo sobre os ríos máis longos de Reino Unido.

 

Metodoloxía

O Proxecto Ríos foi o resultado dun traballo interdisciplinar e cooperativo, pois realizáronse actividades desde as áreas de Lingua, Matemáticas, Educación Artística, Ciencias Sociais e Naturais e Relixión. Partiuse dos coñecementos previos do alumnado e da súa experiencia próxima, potenciando o traballo en equipo e a iniciativa persoal. Tamén se integrou a participación das familias.

Utilizáronse as TIC como fonte de información, tanto para a visualización dos documentais sobre os ríos coma para a busca de información. A metodoloxía baseouse en dinámicas activas, cooperativas e centradas na experiencia próxima do alumnado:

  • Contouse coa colaboración da comunidade educativa e de diferentes profesionais (biólogos, expertos en medio ambiente...).
  • Empregáronse diferentes fontes de información e recursos como as TIC (páxinas web, DVD e aplicacións), dicionarios, folletos, carteis e paneis informativos...
  • Partiuse do coñecemento directo que tiña o alumnado sobre o río e o emprego da auga.
  • Aplicouse o método científico, mediante o uso dos sentidos, a observación directa e o uso das novas tecnoloxías da información, para explorar, investigar e obter datos necesarios para posteriormente plasmar en carteis, textos informativos, dramatizacións...
  • Favoreceuse a participación activa do alumnado na clase planificando tarefas, intercambiando ideas e organizando materiais.
  • Involucramos as familias nalgunhas das actividades propostas, como a exposición dos herbarios e nas fotos dos diferentes ríos da contorna.
  • As propias actividades axudaron ademais a desenvolver a relación cos demais, o respecto, a atención especial á igualdade de xénero, a colaboración, o traballo en equipo, a resolución de conflitos, o recoñecemento do esforzo e o desenvolvemento da iniciativa individual.
  • Utilizamos os corredores do colexio, a web e os blogs do centro para expoñer as actividades realizadas.

Avaliación

Á hora de avaliar, realizáronse diferentes enquisas entre o profesorado e o alumnado. Aínda que foi difícil valorar o grao de cumprimento e de consecución dos obxectivos propostos e a implicación da comunidade educativa, cos datos obtidos, e a través da observación directa e diaria, puidemos constatar que as actividades realizadas foron significativas, motivadoras e integradoras para o noso alumnado.

Os maiores logros foron potenciar hábitos de limpeza da auga e dos ríos, fomentar a curiosidade polas cuestións que afectan á protección do medio ambiente e desenvolver actitudes de respecto cara a este.

 

Conclusións

Os programas do Plan Proxecta permitíronnos a participación de toda a comunidade educativa, traballando desde todas as áreas do currículo e desenvolvendo os valores e competencias clave na etapa de infantil e primaria. Así mesmo, conseguiuse dar resposta á diversidade do noso centro grazas a actividades adaptadas, integradoras e motivadoras para o noso alumnado. No ámbito docente serviu para lograr unha actualización na súa formación nas TIC e, igualmente, acadouse unha maior coordinación e implicación en todas as actividades propostas creando un ambiente favorable de traballo.

 

Sección: