Aprendo con Olloboi

Guía didáctica para aprender cine a partir do audiovisual galego
Este é o material didáctico que elaboramos con base na experiencia adquirida organizando o Festival Audiovisual Escolar Olloboi. Trátase dun espazo web con nove unidades didácticas nas que pretendemos repasar o proceso de creación audiovisual desde a preprodución á distribución. Para isto, partimos dunhas charlas gravadas a profesionais do audiovisual galego e completamos cada unidade con exercicios interactivos e prácticas.

Ana Fernández Moreiras, profesora de Tecnoloxía no IESP A Cachada, Boiro
moreiras@edu.xunta.es
Manuel Garrido Pérez, profesor de Plástica no IES de Becerreá (Lugo)
lologarrido@edu.xunta.es
Manuel Álvarez Fernández, profesor de Plástica no CPIP Eusebio Lorenzo Baleirón, Dodro (A Coruña)
petro@edu.xunta.es

 

Contextualización

Aprendo con Olloboi é un espazo web chamado así en referencia ao Festival Audiovisual Escolar Olloboi, un evento que se vén celebrando en Boiro desde o 2009 e que fai visibles e premia algunhas das mellores videocreacións realizadas en todos os centros de Galicia.

Trátase dun repertorio de recursos didácticos cos que pretendemos resumir o proceso audiovisual en todas as súas fases, da preprodución á distribución. As unidades están centradas en charlas que nos deron diferentes profesionais do cine galego: as olloclases. A nosa intención é que, logo de ver os vídeos e facer as actividades que propoñemos, o alumnado teña unha idea aproximada de como se fai unha película e mesmo sexa capaz de facer a súa propia obra.

Todo o material está elaborado desde unha dobre perspectiva: a de xénero e a de formato.

No relativo ao xénero, queremos con este proxecto reivindicar maior presenza da muller no audiovisual. É hora de que as mulleres acheguen a súa mirada como creadoras de proxectos e deseñadoras de contidos.

En canto ao formato, gustaríanos dar testemuño coas nosas olloclases da dualidade que sempre existiu en Galicia sobre o audiovisual: un cine de corte máis experimental e maiormente situado na órbita da non-ficción, por unha banda, e un cine de industria, por outra. Porén, non somos proclives ás clasificacións e daremos fe ao longo dos capítulos da existencia de moitos produtos “híbridos”, ou sexa, narrativos e autoriais a un tempo.

Polas razóns anteriores, en cada olloclase fala un home e unha muller, e procuramos que haxa presenza de profesionais de diferentes ámbitos.

Finalmente, para nós é un obxectivo fundamental difundir as creacións da xente da canteira e contribuír a crear audiovisual en galego. Por isto propoñemos en cada tema unha análise fílmica baseada en produtos escolares audiovisuais galegos.

Obxectivos educativos

Aspiramos a que o noso material sexa transversal, dinámico e integral, e así lograr:

  • Que o alumnado consiga unha alfabetización audiovisual básica que lle permita comprender e valorar criticamente as mensaxes audiovisuais que recibe e elaborar as súas propias, de acordo cos conceptos básicos da linguaxe audiovisual.
  • Resolver problemas e realizar actividades propias de diversas materias ou proxectos interdisciplinares utilizando a linguaxe audiovisual.
  • Reivindicar a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres.
  • Contribuír á adquisición dos obxectivos xerais da ESO, adaptados ao eido audiovisual como segue:
    • Utilizar a potencialidade da comunicación audiovisual para coñecer e comprender outras culturas e narrar aspectos da propia, para practicar o diálogo e converterse en cidadáns críticos.
    • Utilizar a linguaxe audiovisual para reivindicar o respecto dos dereitos humanos e do medio ambiente.
    • Gozar co traballo cooperativo e creativo, gañando confianza en si mesmo e iniciativa persoal.
    • Desenvolver destrezas básicas no ámbito das TIC.
    • Coñecer os artistas e producións históricas imprescindibles do audiovisual galego. Valorar a importancia desta industria como elemento fundamental para o mantemento da identidade de Galicia.

Para a gravación das olloclases escollemos o parque de Bonaval, como símbolo da riqueza da produción literaria e cultural galega.

Descrición da actividade e recursos empregados

A web que propoñemos ofrece nove capítulos que destripan o proceso de facer unha película: o primeiro é unha introdución xeral (A vida dunha película), e logo temos Guión, Composición, Arte e estética, Interpretación, BSO, Planos, Montaxe e, como apéndice, unha reflexión sobre o estado do sector audiovisual en Galicia.

En cada capítulo existen catro apartados:

  • Profe: esta parte está destinada ao uso do profesorado e contén unha introdución teórica dos contidos que se ven en cada capítulo, unha xustificación da elección dos docentes para o vídeo (olloclase), unha explicación das características das curtas escollidas para videoanálise, os obxectivos e estándares do tema, e unha rúbrica (folla de cálculo interactiva) para avaliar as prácticas propostas.
  • Olloclase: este é o primeiro apartado ao que debe acceder o alumnado. Nel atoparán, en primeiro lugar, unha charla (a olloclase) onde profesionais da área que se trata nese capítulo falan da súa experiencia no audiovisual. Logo de ver este vídeo, o alumnado pode optar por pasar ao apartado seguinte (Actividades) ou profundar nos contidos do tema, que expoñemos en texto logo da olloclase.
  • Actividades: en cada unidade hai dous paquetes de actividades interactivas (nivel básico e avanzado, para atender á diversidade), realizados cun software interactivo e multimedia (contido h5p). É o profesorado quen debe decidir que paquete lle corresponde ao alumnado. A nosa opinión é que o nivel básico pode estar ben ata terceiro da ESO e o avanzado de aí en diante.
  • Práctica: logo de facer as actividades, suxerimos dous procesos:
  • Videoanálise: propoñémoslle ao alumando que escolla un entre dous traballos escolares e que o analice á luz do aprendido nese tema. Para isto incluímos unhas cuestións de referencia que poden servir de guía e axuda. Todas as curtas escollidas participaron e gañaron algunha edición do Festival Audiovisual Escolar Olloboi
  • Práctica: é o momento de que o alumnado cree por si mesmo un produto audiovisual. En cada capítulo irase completando unha fase, ata rematar tendo a curta. Para lle dar coherencia ao material, mantemos ao longo das nove unidades un marco estilístico: os mercados das nosas vilas, tan ricos en cores e sons.

Metodoloxía e orientacións didácticas

A idea do noso Aprendo con Olloboi é que o profesorado poida aplicar os coñecementos básicos da linguaxe audiovisual á elaboración de produtos de aula, sobre todo de produtos relacionados con proxectos de equipo: plans Proxecta, propostas de Contrato-Programa, proxectos de Bibliotecas Escolares, seccións bilingües, proxectos lingüísticos etc.

O profesorado poderá utilizar o Aprendo con Olloboi en calquera momento do curso (en horario lectivo ou extraescolar) en que vaia emprender un traballo que precise de ferramentas audiovisuais. Os nove capítulos poden entenderse por separado, de xeito que poden abordarse unha, varias ou todas as unidades.
Consideramos que cada capítulo require entre dúas e seis sesións, dependendo da autonomía do alumnado e da vontade de realizar todas as actividades e propostas na aula ou non. Así pois, nunha materia dunha hora á semana como as de libre configuración do centro, a nosa proposta Aprendo con Olloboi podería desenvolverse ao longo de todo o curso. En proxectos extraescolares a organización dependería de cantos departamentos queiran traballar o tema, de xeito que é imposible anticipar unha temporización, pero hai que contar con esas 2-6 sesións por capítulo que se vai tratar.

No caso da materia de Plástica e Audiovisual este proxecto pode desenvolverse ao longo dun trimestre enteiro ou dividirse en tres fragmentos.

Na primeira unidade ofrécese unha visión xeral do que é facer unha película, tanto desde o punto de vista dunha produción de grande equipo coma desde o dunha máis experimental (este tipo de pequenas producións é máis adaptable á natureza da maioría das obras escolares). Recomendamos comezar por esa olloclase (charla de Alfonso Zarauza e Jaione Camborda) porque fan unha síntese marabillosa de todo o proceso audiovisual.

A partir desta primeira unidade vanse analizando o resto das fases da produción: a escritura do guión (por Araceli Gonda, Andrés Mahía e Xosé Castro), a elección do tipo de composición (con Lucía C. Pan e Alberte Branco), o aspecto artístico e estético (da man de Ángel Amaro e Fany Bello), a selección de actores e as interpretacións (segundo a directora Sandra Montes e o actor e guionista Miguel de Lira), a sonorización (na que falan David Machado e Enrique Otero), a planificación da gravación (cos realizadores Giselle Llanio e Luís Avilés) e finalmente a montaxe (contada por Sandra Sánchez e Jorge Coira).

Todas as prácticas están relacionadas entre si de xeito que ao final do proceso se chegue á elaboración dun único produto: a nosa película.

A última unidade é un repaso á historia do audiovisual galego vista desde dúas ópticas ben diferentes: a dun produtor e guionista de TV (Carlos Ares, actualmente presidente da Academia Galega do Audiovisual) e a dunha profesora e produtora situada no ámbito do novo cinema galego (Beli Martínez).

Temporización de cada capítulo

A duración das olloclases é de 30 minutos aproximadamente, así que nunha clase dá tempo a ver o vídeo e logo facer as actividades. Noutra sesión pode realizarse a análise fílmica (no apartado Prácticas). Suxerimos que o profesorado proxecte as dúas curtas que incluímos en cada capítulo e que logo o alumnado realice a análise de forma individual (inclúense unhas cuestións para axudar a levar a cabo esta parte). Parécenos educativo realizar unha reflexión conxunta final.

Finalmente, a realización das prácticas depende da dispoñibilidade do centro e do tipo de proxectos que se estean realizando, así como das ganas de crear do alumnado. Entendemos que cada centro terá o seu proxecto particular, pero en previsión de que isto non suceda e para darlle homoxeneidade ao proxecto en Aprendo con Olloboi baseámonos na creación dunha historia sobre os mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos humanos e materiais para ser gravados, unha variada paleta cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de historia e xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), economía e matemáticas (as formas de comercio), linguas (vocabulario relativo aos diferentes produtos en venda e os oficios), ciencias e tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…) etc.

Estratexias de atención á diversidade

O audiovisual é unha xenerosa ferramenta para tratar a atención á diversidade, pois trátase dun traballo que pode facerse individualmente ou en equipo e onde a creatividade é o eixe principal de acción. Non hai déficit cognitivo nin motriz que impidan, hoxe en día, realizar unha videoprodución, polo que entendemos que Aprendo con Olloboi é unha proposta enormemente integradora.

Tras cada olloclase propoñemos realizar un conxunto de actividades interactivas que polo seu atractivo visual cremos que serán motivadoras para o alumnado. Nun mundo onde os rapaces e rapazas pasan gran parte do seu tempo navegando na web, non podemos limitarnos a actividades estándar, escritas, lineais. Por isto, propoñemos unha ferramenta innovadora e educativa (h5p).

Porén, e entendendo que o nivel de comprensión dos contidos teóricos pode ser moi diferente, ofrecemos dous paquetes de actividades diferentes, un de nivel básico e outro avanzado. Todas as actividades son interactivas e autoavaliables e incluímos comentarios para reforzar a aprendizaxe.

En canto á exposición escrita dos contidos, para subliñar os aspectos máis relevantes deseñamos imaxes que axuden o alumnado a comprender os conceptos.

En última instancia, corresponderíalle ao profesorado responsable do proxecto de aula que as últimas actividades propostas (traballo individual de análise e proposta creativa de equipo) se axeitasen á variedade de necesidades do alumnado implicado. As prácticas propostas son moi variadas e aptas para todo tipo de actitudes e capacidades.

Avaliación

A avaliación do alumnado en cada capítulo realizarase dun dobre xeito:

  • A ferramenta h5p que empregamos para as actividades proporciona unha cualificación numérica en función do número de acertos. Incluímos comentarios nas respostas equivocadas para proporcionar retroalimentación ás aprendizaxes no proceso autoavaliativo.
  • As actividades de traballo individual e de equipo terán que ser avaliadas polo profesorado de acordo cos estándares de aprendizaxe respectivos. En cada unidade proporcionamos unha rúbrica.

En conclusión

Este é un proxecto feito con moita ilusión e respecto, intentando contribuír ao uso do audiovisual nas aulas, á difusión da cultura cinematográfica e televisiva galega e á reivindicación da igualdade de xénero.

O sector audiovisual en Galicia foi e é moi potente, cun potencial creativo e humano que moitas produtoras nacionais e internacionais valoraron á hora de realizar os seus proxectos e que hoxe volve estar en alza grazas a produtoras como Bambú.

É unha opción laboral moi fermosa e unha área que, mesmo desde a óptica afeccionada, convén coñecer. Con Aprendo con Olloboi pretendemos que o alumnado adquira maior sensibilidade con respecto ao fenómeno artístico e que coñeza unha poderosa ferramenta que, sen dúbida, lle vai axudar en futuros proxectos.

Aplicación na aula

Os tres profesores que desenvolvemos a licenza probamos o material na aula; Manuel Álvarez e Manuel Garrido fixérono nas sesións de Plástica de terceiro da ESO, no terceiro trimestre, e Ana Moreiras ao longo do segundo e terceiro trimestre, no obradoiro audiovisual Club do Antifás que se organiza os martes a mediodía no IESP A Cachada para alumnado de segundo a cuarto da ESO.

O grao de interese que suscitaron as olloclases foi desigual, pero resultou evidente que os rapaces e rapazas comezan a comprender ben os conceptos a partir de terceiro da ESO. Realizar as actividades resultoulles estimulante e, como exemplo de práctica, podemos achegar a curta Máis che vale non ser ti, que gravaron parcialmente no mercado de Padrón. Ligazón

O Festival Olloboi

O día 8 de xuño presentamos o material Aprendo con Olloboi no festival, en Boiro, e moitos dos profesionais que nos axudaron nas videocharlas viñeron para responder as preguntas dos asistentes. Entregámoslles aos gañadores unha versión impresa do proxecto (da que vai saír unha segunda tirada) e percibimos interese e unha boa aceptación por parte do profesorado que estaba no acto. Na imaxe, un dos momentos da entrega de premios, a cargo do recoñecido director e montador Jorge Coira.