O IES Ferro Couselo e a súa mellor versión

Todos somos xenios. Pero se xulgas un peixe pola súa habilidade de subir ás árbores, vivirá toda a súa vida pensando que é un inútil. (Albert Einstein) O profesorado ten unha misión moi importante, a de sacar de cada alumno e de cada alumna o mellor de si, a súa mellor versión, de maneira que a súa personalidade se forme cunha boa autoestima e sexa quen de relacionarse cos demais con ese mesmo respecto que necesita para si. É por iso que precisamos sempre, pero hoxe máis ca nunca, formación, formación de calidade para acadar ese compromiso.

Ana María Gómez Mesejo
ana.maria.gomez@edu.xunta.es
 IES Xesús Ferro Couselo (Ourense)

 

O noso centro está situado nos arrabaldes de Ourense e conta no curso 2017-18 con 262 alumnos de ESO e bacharelato. O alumnado da ESO procede na súa maior parte dos dous centros de primaria que temos adscritos: CEIP Ruxidoiro e CEIP Filomena Dato, no concello de Barbadás; aínda que algúns alumnos pertencen aos concellos de Ourense ou Taboadela. O de bacharelato é normalmente alumnado do centro na ESO ou vén do CPR Luis Vives, agás algunha excepción puntual.

Cada vez que se inicia un proxecto, este non xorde sen máis, é unha resposta a unha situación real que se intenta mellorar ou cambiar. O noso centro parte dun compromiso para que o alumnado acade unha formación complementaria ás materias curriculares, xa que entendemos educar como un proceso amplo, integral e integrador, que debe incluír unha aprendizaxe para o desenvolvemento persoal, afectivo e social. Desde ese compromiso, reflexionamos sobre convivencia, habilidades sociais e mediación e despois analizamos as nosas fortalezas e debilidades como centro e organización.

Á fin, concluímos que:

1. É preciso que, ante a realidade social de acoso escolar e ciberacoso existente non só dentro do ámbito escolar senón tamén fóra del, o noso centro se encamiñe cara a unha formación que permita acadar e afondar nun obxectivo fundamental: formar en valores. Con isto o que se pretende é que a realidade existente na que está mergullado o noso alumnado poida ser revertida. Por iso comezamos iniciando e afondando en habilidades sociais, xa que estas son modificables e, polo tanto, poden ser melloradas desde experiencias de aprendizaxe axeitadas que terminarán por ser un hábito. Ensinar a resolver pacífica e colaborativamente os conflitos, poñendo a mediación como estratexia fundamental ao servizo do alumnado para a mellora da convivencia dentro e fóra do centro, agora e no futuro.

2. Desexamos darlle ao alumnado novas ferramentas para crecer a todos os niveis, empezando por tratar de que identifique os talentos e capacidades naturais que posúe e que non sempre coñece. O obxectivo é que o centro intente imbuírse nun proxecto educativo e formativo que complemente a educación regrada, creando unha formación adaptada ás características do alumnado, que dea resposta ás necesidades actuais da nosa sociedade. A curto prazo, esperamos que o alumnado vexa os beneficios sociais que lle pode achegar e na comunidade esperamos crear unha sensación de equipo. A máis longo prazo, servirá de punto de inicio para unha «canteira» de programas formativos futuros.

Iniciando o camiño

Comezamos este curso un PFPP para a instauración no centro dun servizo de mediación estable e perdurable no tempo, tendo como eixe central deste servizo o alumnado. Este alumnado, inicialmente de terceiro ou cuarto da ESO, será seleccionado de acordo cunhas determinadas características e a súa formación prepararao para o seu labor de mediación.

Xunto cos responsables da mediación e apoiando en todo momento este alumnado, estará un conxunto de profesores que serán os alicerces que lle permitirán desenvolver este labor a este alumnado e a este servizo.

A segunda acción é un programa en colaboración coa ANPA e o Concello de Barbadás con dúas vertentes: A túa mellor versión en terceiro e cuarto da ESO, que ten como misión reforzar, desenvolver e mellorar as diferentes habilidades sociais do noso alumnado; a este obradoiro engadímoslle outro, que lle permitirá ao alumnado coñecerse mellor, aprender mellor, comunicarse mellor e que levará por título Queres saber en que e por que es xenial?

Con esta asociación de obradoiros o que pretendemos é potenciar e desenvolver non só as habilidades sociais senón tamén as intelixencias múltiples, intentando con iso que o noso alumnado descubra as súas motivacións e capacidades para permitirlle tomar decisións meditadas e reflexivas que tendan a obter os mellores resultados posibles. Perséguese que sexan conscientes do seu potencial e con iso o aumento da confianza e autoestima persoal.

A idea inicial é a de usar as titorías como tempo para desenvolver os obradoiros, algo que nos vai permitir potenciar a participación non só de profesorado e alumnado senón tamén dos seus pais e nais. No caso do bacharelato, ao ter menor dispoñibilidade horaria por non ter hora presencial de titoría, farase unha mestura dos obradoiros priorizando as intelixencias múltiples. As horas de primeiro de bacharelato téñense pola colaboración voluntaria de varios profesores e en segundo traballarase só cun pequeno grupo como experiencia piloto.

Para continuar, no segundo trimestre, a través da Cruz Vermella Xuventude traballaremos nun programa de prevención de condutas violentas para primeiro e segundo da ESO que consta de varios obradoiros: Condutas violentas, Violencia de xénero e Bullying e solicitarémoslle á Consellería de Educación, dentro do PROA, no punto 3, Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, a aprobación dun programa para primeiro da ESO coa finalidade de ofrecerlles unha formación en habilidades sociais e de conduta. O programa de primeiro da ESO está dalgunha maneira ligado ao proxecto que na mesma liña ten solicitado o centro adscrito de primaria CEIP O Ruxidoiro e preténdese que sexa un a continuación do outro.

As habilidades que se pretenden desenvolver garanten o camiño cara a unha convivencia sa e respectuosa e deséxase que nun futuro próximo este alumnado de primeiro e segundo teña condicións para ser seleccionado e formado como mediador do centro.

Conclusión

O obxectivo final de todas as actuacións será desenvolver, dentro do posible, o potencial dos nosos rapaces e rapazas facilitándolles un conxunto de ferramentas e habilidades de gran valor para á súa vida.

É importante subliñar que a viabilidade do proxecto é posible desde o momento que existe unha coordinación e colaboración entre diferentes servizos, tanto educativos coma non educativos, que apoian o noso centro. Estes son o Concello de Barbadás, especialmente as concellerías de Mocidade e Igualdade e de Educación, a ANPA do centro, a Consellería de Educación e o Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Ourense.

 

Sección: