La creatividad literaria

José Antonio Marina e Álvaro Pombo (Ariel, 2013, 202 páx.)

O libro que nos presentan José Antonio Marina e Álvaro Pombo xira, como o seu título indica, arredor da reflexión sobre a creatividade no eido literario e a análise dos seus mecanismos.

Esta reflexión exprésase a través dun diálogo sostido entre ambos os autores ao longo de nove capítulos, aos que serve de pórtico unha introdución e de coda final, a carta a un escritor novo. A presentación é de por si significativa: os participantes neste intercambio de perspectivas defínense como “un poeta metido a novelista” (Álvaro Pombo), e un “filósofo metido a pedagogo” (José Antonio Marina), e buscan, como complemento imprescindible, o recurso narrativo do narrador omnisciente, que recibe o nome de Ismael, como homenaxe á novela Moby Dick, e que está pensando, seguramente reverenciando a Grecia antiga, en organizar un “Gymnasium literario”. A descrición deste edificio adianta o contido dos capítulos vindeiros: no primeiro piso ensinaríanse as técnicas de corrección lingüística e creatividade básica; no segundo, cada candidato a escritor tería que articular o seu propio mundo literario; no terceiro interviría xa a memoria creadora (concepto imprescindible estudado por filósofos contemporáneos coma Henri Bergson e reclamado como principio creador e estético desde os escritores simbolistas).

En efecto, ao longo dos nove capítulos que compoñen o corpo do texto (“O natural e o aprendido”, “A expresión e a escritura”, “O desexo de escribir”, “Interludio bi-biográfico”, “De onde veñen as ocorrencias?”, “Sedimentación e construción da memoria”, “Eloxio do adestramento”, “Anatomía da creación: o proxecto”, “Anatomía da creatividade: as actividades de busca”, “A avaliación do proxecto”), Marina e Pombo, que comparten a idea de que a expresión literaria é unha dimensión fascinante, desenvolven estas ideas, sostendo perspectivas distintas, en aparencia opostas, mais complementarias. Así, mentres Álvaro Pombo parece preferir quedar coa idea da dimensión misteriosa da creación literaria, Marina intenta buscar os aspectos racionais do proceso, isto é, os mecanismos creadores e a posibilidade de aprender a escribir literatura. Ao longo das páxinas que compoñen o libro, o lector vese obrigado a reflexionar sobre as mesmas cuestións que debaten os autores: o procedemento para aprender a excelencia creativa, a necesidade ou non dunha experiencia previa, a relación entre refinamento ético e estético, cal é o transfondo previo do escritor, e cuestións máis xerais como a vocación, a inspiración, a perseveranza, as horas de dedicación…

En conclusión, o lector contempla a creatividade literaria desde dous puntos de vista diferentes, pero que se complementan e unifican na ponderación da dimensión máxica da literatura e da creación a través da palabra.

 

Sandra Domínguez Carreiro

sandracarreiro@edu.xunta.es

Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)

 

 

Sección: