Coordinar unha biblioteca escolar: entre o terror inicial e o gozo absoluto

Top 10: estratexias para conseguilo…e non morrer no intento!
Reflexión sobre a evolución da biblioteca, con manual de autoaxuda para futuros coordinadores e coordinadoras. Múltiples e diverxentes saberes converxen nun traballo enriquecedor, que necesita de moita formación, para así atender as demandas dun alumnado licitamente esixente co espazo físico e os recursos humanos dunha biblioteca.

Áurea María Penas Roibás
Lingua e Literatura galegas
IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo)
penasroibas@edu.xunta.es

0. Introdución

8.45, luns. Un día hai catro anos. O director reclama a túa presenza para transmitirche que vas ser a nova encargada da biblioteca:
—Trátase de facer principalmente actividades que, por outra banda, xa facías dirixindo o equipo de dinamización e normalización lingüística— argumenta.

Primeiro día: Terror, que terror!
Ordenadores, programa Meiga, catalogar, blog, empréstitos, actividades, expurgar, decorar, bibliotecas de aula, hora de ler, guías, proxecto de biblioteca, memoria da biblioteca, plan anual de lectura, proxecto lector de centro, alfabetización informacional, formación de usuarios… xestionar, coordinar profesores de garda de biblioteca que saben máis ca min…
Por onde empezo… a aprender e, asemade, a facer?

Segundo día: Que é isto?

  • Foro PLAMBE ou correo: plambe@googlegroups.com
    O traballo que se vai realizando en cada unha das bibliotecas escolares de toda Galicia é compartido con absoluta xenerosidade. As dúbidas son resoltas, a través do foro, entre todos e sempre guiados por Pilar Sampedro Martínez e Cristina Novoa Fernández, no momento axeitado e coas palabras e/ou materiais axeitados.
  • Páxina da asesoría: Bibliotecas Escolares de Galicia
    O blog das bibliotecas escolares reúne un, amplo e actualizado, repertorio de recursos e proxectos ao alcance de todos, ligazóns aos blogs de todas as bibliotecas dos centros, aos documentos necesarios, como as convocatorias, aos recursos dos diferentes centros... Unha axuda imprescindible para todo aquel que se introduza no mundo das bibliotecas.
  • Encontros e xornadas
    O que menos importa é o diploma. Cada ano temos a oportunidade de nos reunir en Santiago de Compostela para escoitar os mellores expertos e compartirmos o noso traballo. Deste xeito, aprendizaxe e motivación van da man .

A seguir reflexionamos sobre o traballo feito (nun top 10 particular), sobre como adaptamos a biblioteca ao centro, ao alumnado e remataremos coas conclusións ás que chegamos para seguir evolucionando.

1. Reflexión sobre o traballo feito

Top 10

1- Sempre aprendes algo moi útil para o teu traballo diario de profesor. Actividades (debates, videoforo, reflexións compartidas no blog da biblioteca) que se organizan arredor de exposicións coma Os nenos e nenas soldado axudan, non só aos alumnos, a comprender como funciona o mundo e que podemos facer para melloralo. Cando menos, estas iniciativas de información e educación en valores fannos máis comprensivos e tolerantes.

2- Cada compañeiro é un mundo repleto de sabedorías (e non só da súa especialidade!)
Unha profesora de Matemáticas, apaixonada dos libros, encaderna El Camino de Delibes derramado, unha de Lingua Galega mellora as fotos deste artigo, o persoal de conserxería achega ideas para as nosas actividades e… non só ideas.

3- Somos tan distintos nos nosos intereses e temos tantas tarefas que realizar que resulta moi doado distribuír o traballo. Comprobar a colocación dos libros nos andeis, expurgar, revisar a conta de correo do grupo PLAMBE, atender o alumnado, manter o blog, reparar hardware, software, deseñar, o que sabe catalogar ensina os seus compañeiros… retroalimentación e traballo cooperativo.

4- Unha primeira idea, por moi simple que pareza, pode chegar a ser grande coa achega de todos. Un caderno serve para que cada un anote o seu gran de area, faga suxestións ou remate algunha tarefa xa comezada, así non temos que reunirnos continuamente e o traballo avanza.

5- Perspectivas: todo o mundo é especial na biblioteca. Ata deixamos… soñar. Nas nosas actividades colaboran profesorado, alumnado e persoal non docente. Préstanse física e mentalmente para promover a lectura, a escrita, os valores… Sirva de exemplo unha das guías de lectura que publicamos:  Se non sabes que facer… ponte a ler.

6- Visibilidade: se abres a porta, entran… pero tamén hai que saír.

Polo grosor do po dos libros dunha biblioteca pública, pode medirse a cultura dun pobo. (Steinbeck, John Ernest )

Procuramos que os nosos libros non acumulen po. Movémolos, sacámolos para fóra, ata facemos árbores que reciben premios. Se se perde algún ou desaparece, é un risco pequeno comparado co alumnado que vén logo pedir os volumes ou material que viu exposto

 

Árbore de libros

Unha muralla de libros. Exposición

7- Se dás, recibes aínda máis. Se o alumnado foi o primeiro en sentirse a gusto na biblioteca, o resto da comunidade non quedou atrás. O esforzo en facer visible a biblioteca foi en aumento e agora vese como ese espazo acolledor ao que calquera pode acceder para presentar o seu traballo á comunidade.

Profesorado e alumnado enriquece coas súas achegas o traballo que se fai na biblioteca.

Ofertas de voluntariado, por parte da comunidade, compensan o espazo reducido (e sen rematar de deseñar) que é a nosa biblioteca.

8- É imposible ser negativo: as nosas actividades non chegan, apenas veu xente ver o noso traballo: falso. No curso seguinte: chegou!

Os Dereitos Humanos como proxecto da biblioteca do pasado curso (inquedanzas do noso alumnado) parecía pasar desapercibido, ata que no curso actual o tema libre elixido polo alumnado era reiterativamente sobre tolerancia, racismo, dereitos dos nenos…

9- Xenerosidade absoluta: ofertas de colaboración de toda a comunidade educativa e non educativa. O Museo Provincial de Lugo ou a Biblioteca Nodal están entre as nosas institucións máis colaboradoras, merecedoras dos Premios Entidade Amiga que o noso centro outorga.

10-  E sempre queda por facer, aprender e mellorar…: o gozo é inacabable!

2. A maneira en que adaptamos a biblioteca ao centro para dar resposta ás necesidades do alumnado e dos tempos

O noso abundante alumnado é moi diverso. Altas e baixas expectativas mestúranse. Cada vez agardan máis. Non só ir estudar á biblioteca en silencio ou pedir emprestados libros de lectura obrigatoria, tamén wifi e un ambiente menos ríxido ca na aula, poder estudar comentando en grupo, cos libros e o móbil. Participar nas actividades ou vérense sorprendidos con elas. Os e-books que emprestamos ou o uso de ordenadores axudan a superar a brecha dixital.

Os clubs de lectura aglutinan ese alumnado que ten necesidade de expresarse e de aprender dos compañeiros e dos escritores que nos visitan; aglutinan tamén o profesorado que tira tempo para se reunir e comentar as obras elixidas.

Escritores na biblioteca escolar

Os obradoiros de formación de usuarios ou sobre a igualdade, impartidos polo profesorado de biblioteca —moi implicado con independencia da súa especialidade— calan profundamente no noso alumnado ano tras ano.

 

Obradoiro contra a violencia escolar

Obradoiro Paz

A hora de ler, estendida a toda a ESO, é asumida e gozada por toda a comunidade. Certos rexeitamentos iniciais, moi comprensibles pola forte presión dun currículo por veces demasiado amplo, vanse esvaecendo xa que, parafraseando a Agustín Fernández Paz nos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2012/13, imos comprendendo que “un neno ten dereito a se converter en lector para o que necesita espazos e tempo de encontro”.

Unha actividade solidaria, normalmente polo Nadal, tenta incluír a toda a comunidade educativa e procuramos, asemade, promover a lectura. Convertemos as enciclopedias en árbores de Nadal ou mesmo doamos libros mesturados con xoguetes e alimentos achegados pola comunidade educativa.

3. As conclusións que imos extraendo para poder seguir evolucionando

Planificación e improvisación necesítanse para poder abranguer toda a diversidade de saberes á que hoxe unha biblioteca debe dar resposta. Planificación evidente, pero improvisación imprescindible para que os recursos (humanos e materiais), que varían curso a curso, poidan ser aproveitados. A avaliación da biblioteca por parte dos usuarios a través de enquisas permítenos saber o que agardan e tentar achegárllelo.

Por outra banda, a participación dos departamentos na biblioteca enriquece a todos. Unha implicación moi activa nas distintas tarefas como catalogación supón o coñecemento, clasificación e expurgo dos propios fondos. Actividades para as que os departamentos solicitan colaboración da biblioteca ou actividades para as que a biblioteca lle solicita asesoramento a un departamento específico. O lema deste ano “Biblioteca escolar: matemático!” foi materializado polo Departamento de Matemáticas ao longo de todo o curso. Dos proxectos e actividades dos distintos departamentos damos conta no blog da biblioteca. A clave: colaboracións fixas e tamén puntuais da comunidade educativa e non educativa.

Se funciona a base, vanse cubrindo obxectivos, pero se ademais o fai cara arriba, o éxito é seguro. E o éxito é: alumnado competente non só en contidos senón humanamente. A biblioteca pretende apoiar o currículo, pero ademais humanizar, sensibilizar… algo que na impartición diaria das clases non sempre se pode conseguir.

Como Manuel Torres Vizcaya indica no seu artigo “Tecnocracia versus humanismo: o inspector de educación como hermeneuta”: “O traballo dun inspector de educación é un traballo técnico, pero simultaneamente moi especial... Trátase de resolver, alén dos problemas de corte técnico, cuestións que xorden nos centros e que adoitan ter unha face humana, demasiado humana, como diría Nietzsche”.

E, como conclusión final, para poder seguir evolucionando e poder responder a todas as demandas que esixe coordinar unha biblioteca escolar hoxe en día, apliquemos o que Susana Freire nos aconsella no seu artigo “Profesores: activemos a tecla relax”.

Bibliografía: 
Sección: