Con relación a Ferrol

 

Se Inglaterra tivese na súa costa un porto coma o de Ferrol, o seu goberno ocultaríao cunha rexa muralla de prata" (William Pitt)

 

A cordial entrevista que nos concedeu o escritor e historiador Guillermo Llorca para este número 69 da Revista Galega do Ensino. EDUGA permitiunos recordar a expansión económica, demográfica e cultural que experimentou a cidade departamental no século XVIII, cando a coroa a elixiu para establecer aquel extraordinario arsenal que sería “asombro de Europa”.

Corría o ano 1747, no real sitio de Aranjuez un ministro, permanentemente preocupado, apremaba o monarca Fernando VI con centos de avisos políticos e representacións a fin de endereitar as cousas do reino. Era don Zenón de Somodevilla, marqués de la Ensenada, un pantófilo listo e benintencionado que reunía en si todas as boas virtudes da primeira Ilustración. Esta vez, don Zenón reparara no desacougante abandono en que vivía a mariña do rei, xa daquela practicamente inexistente: "es menester confesar que la marina que ha habido hasta aquí, ha sido de apariencia, pues no ha tenido arsenales, que es el fundamento", non obstante, dicía: "No hay potencia en el mundo que necesite más las fuerzas marítimas que la de España, pues es península, y tiene que guardar los vastísimos dominios de América que le pertenecen; y mientras la España no tiene una marina competente, no será considerada de Francia e Inglaterra, sus émulas más inmediatas”. Ao final, o taciturno rei acabou por ceder e permitiu a construción de novos arsenais en Cartaxena, Cádiz e Ferrol.

Ferrol era entón un núcleo máis de pescadores de baixura, felices moradores dunha ría con inmellorables condicións para albergar unha base naval pola súa profundidade, doada defensa e seguros agarradoiros. Foi a partir deste momento cando se comezou a construír o grande arsenal e estaleiro do noroeste peninsular, a tal ritmo que xa no 1751, Ensenada podía escribir fachendoso ao seu rei: “En la marina no se ha adelantado tanto como V.M. desea, pero no obstante se ha continuado el arsenal de La Carraca y se está trabaxando con la actividad possible en los nuevos de Ferrol y Cartaxena que V. M. ha aprobado y mandado se construyan, no dudando los inteligentes que serán perfectos, porque se ha copiado lo mexor de los de Europa y excluido lo malo de ellos”. Dende entón, e ata a caída en desgraza do ministro, Ferrol non parou de fabricar navíos de liña por ducias, seguindo os atinados despezamentos de Jorge Juan, converténdose á vez na vila máis populosa e cosmopolita de Galicia, con máis habitantes que Santiago de Compostela, a principal do Reino. Erguéronse barrios enteiros co elegante sentido ortogonal e neoclásico cuxas trazas aínda hoxe se poden observar en Esteiro e, sobre todo, na Magdalena. Aquel formidable monocultivo industrial impulsado pola monarquía creou unha vila próspera, de demografía case californiana que, un mal día, viu malogrado o seu desenvolvemento por unha nova decisión institucional.

Sabido é que cando Ricardo Wall pasou a encargarse dos negocios da mariña, deixaron de fabricarse buques en Ferrol, quizabes nun esforzo inútil e máis ben estúpido de contentar os amigos ingleses do ministro. Como efecto máis visible daquela decisión, a vila empezou a languidecer inexorablemente, ata o punto de que á vista dos seus contemporáneos Ferrol se estaba convertendo en fume, en nada: A partir de 1789, en que se botó al agua el último navío de línea, desapareció el bullicio y la actividad. El Ferrol deja de ser el emporio de un departamento magnífico, asombroso y pasmo de Europa, para trocarse en un espacioso hospital y vasto cementerio donde moran los espectros” afirmaba unha representación de primeiros do século XIX dirixida pola cidade ás Cortes españolas.

Máis tarde, como nos instruía Guillermo Llorca, viñeron os estaleiros civís, novos éxitos e tamén novas crises. Hoxe, unha vez máis, contemplamos dificultades estruturais que sementan a desazón na comarca. É unha historia cíclica, porén, para quen teña ollos na cara, dicir Ferrol quere dicir tamén industria e construción naval. Fará falta vontade e traballo para levantar isto unha vez máis, que así sexa, os ferroláns non só o necesitan, tamén o merecen.

Llorca ofreceunos, dende a súa condición de emérito, toda unha clase de didáctica da Historia, saír da aula, observar aquel extraordinario patrimonio industrial, tirar conclusións e aprender sobre o terreo dende os presupostos metodolóxicos da xeografía e a historia, é un luxo accesible para o alumnado da comarca; con esa lección quedamos.

 

Juan Granados

Director da Revista Galega do Ensino

Sección: