O programa 'Filosofía para nen@s' en Galicia

Lidia Gómez, CEIP As Covas, Meaño

lidiagomez@edu.xunta.es

Nita Rivas, CEIP Amor Ruibal, Barro

nitarivas@edu.xunta.es

Carmen Loureiro, IES da Illa de Arousa

loureiro@edu.xunta.es

Jesús Merino, IES Armando Cotarelo, Vilagarcía de Arousa

jmerino@edu.xunta.es

 



A Filosofía para Nenos e Nenas chegou a Galicia a comezos dos anos noventa e dende ese momento non deixou de espallarse e medrar. Paseniño, é certo, mais sen pausa.


Nesta andaina é importante subliñar o apoio recibido por parte da maioría dos CFR galegos que, case dende o principio, apostaron por este proxecto de renovación pedagóxica como unha posibilidade certa de insuflar aire novo nos predios educativos da Comunidade.


Baixo este paraugas comezaron a constituírse os primeiros grupos de traballo e seminarios permanentes arredor contidos, procesos e destrezas que fundamentaban este novo xeito de abordar as habilidades de pensamento e a harmonización do pensar e o sentir.
No campo da teoría, afondouse principalmente en:

  • Os tres tipos de pensamento que desenvolver: crítico, creativo e coidadoso.
  • As habilidades de pensamento (perceptivas, de investigación, de conceptualización, de razoamento e de tradución)
  • A importancia do diálogo en comunidade de investigación para contribuír á cohesión de grupo, ao respecto polas normas comunicativas, ao incremento da autoestima do alumnado, á autorregulación das emocións e á resolución dialogada dos conflitos.

No campo da práctica, podémonos felicitar porque, case de inmediato, os coñecementos teóricos empezaron a ser aplicados en aulas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato,  dando lugar a unha liña de investigación-acción que acabou producindo, entre outros froitos, unha adaptación da metodoloxía de Lipman ao contexto galego, o chamado “Proxecto Miroscopio”, pensado para Infantil e primeiro ciclo de Primaria (por ser nestas etapas onde a resposta do profesorado amosaba máis implicación).


Previo a Miroscopio naceron Elfie, Pepe y Felisa e o Proxecto Noria, materiais básicos para Educación Infantil e primeiros cursos de Educación Primaria. Coa creación destes materiais puido xurdir o cuestionamento de se se podería levar a cabo o programa de Filosofía para nenos e nenas nas primeiras idades.


As investigacións científicas actuais avalan a afirmación de que xa hai pensamento dende que estamos no útero materno porque a partir da vixésima semana de xestación o bebé pode oír. Recoñecemos a nosa nai pola súa voz ao nacer, e, aos poucos días, polo tacto e polo olfacto. De xeito que, mesmo antes de nacer, hai habilidades de pensamento, as sensoperceptivas, que xa están funcionando.


Polo tanto, as habilidades sensoriais e perceptivas deberían ser as primeiras en ser traballadas na Educación Infantil. Coa fala estimulamos as habilidades de conceptualización, investigación e razoamento e con propostas de expresión musical, corporal e plástica favorecemos as habilidades de tradución e interpretación.


As persoas que traballamos cos materiais de Filosofía para nenos/as na Educación Infantil non temos dúbida de que nos atopamos cun camiño, estreitiño ao principio, no que podemos ver como os nenos e nenas dende ben pequenos, e dentro dos límites que o egocentrismo propio desta etapa lles permite, comezan a dar os primeiros pasos na escoita activa, na fala e no diálogo en comunidade, en compartir o que senten e o que pensan, en facer hipóteses e preguntas .


Descobren o pracer de pensar co outro e o importante e necesario que é esperar, respectar as ideas dos demais e ter voz dentro dun grupo. En definitiva, comezan a camiñar dun xeito coidadoso, crítico e creativo; non coma pequenos filósofos senón como grandes e mellores persoas, que era ao que quería contribuír M. Lipman coa creación deste programa.


En Primaria, ademais dos materiais xa mencionados, traballamos con Pixie, Kio e Gus, Harry... Cando utilizamos como elemento motivador un texto, un xogo, unha obra de arte, a reflexión en compañía leva a pensar mellor por un mesmo a través do diálogo.

  • Mellora as destrezas básicas: escoitar, falar, ler, escribir.
  • Axuda a descubrir pensamentos e sentimentos e a facelos accesibles aos demais verbalizándoos ou traducíndoos a distintas linguaxes: plástica, mímica...
  • Obriga a expoñer as ideas con claridade para que as entendan e as valoren, a utilizar a lingua de forma eficaz.
  • Axuda a valorar a propia conduta e a dos demais.
  • Anima a eliminar contradicións e prexuízos.
  • Incita a buscar argumentos e boas razóns.
  • Fai preciso xustificar as accións.
  • Axuda a recoñecer que a maioría das veces non existe unha única resposta correcta, que non posuímos a verdade.
  • Mellora a empatía (poñerse no lugar do outro) mais tamén a asertividade ao ser quen de manter as opinións e mesmo defendelas con boas razóns.
  • Contribúe a iniciarse na participación pública: é unha preparación para defender os dereitos propios e os dos demais, un exercicio de cidadanía.

A Educación Secundaria é, probablemente, o eido no que menos se traballa coa metodoloxía de Lipman. As razóns seguramente sexan moitas, aínda que probablemente unha das máis importantes sexa a preocupación que manifesta unha gran parte do profesorado polos contidos. Os currícula son moi amplos e non hai tempo para impartir toda a materia.


Hai unha obra de Lipman e os seus colaboradores, La filosofía en el aula, na que se presenta a idea de educación que subxace no programa e reflexiona sobre o papel que a filosofía ten que xogar nese novo modelo educativo. Vexamos algunha desas reflexións:
 

No es nada realista esperar que una niña que crece entre instituciones irracionales se comporte racionalmente. Hay que tener en cuenta que puede prevenirse la irracionalidad de las instituciones. No hay que excusarlas, porque esto les permite a su vez a los niños que se han educado en tales instituciones y que adoptan la irracionalidad que éstas han fomentado, utilizarlas como una excusa. (págs. 38-39)


E, un pouco máis adiante sinala:


Los exámenes, que en el mejor de los casos deberían tener únicamente un estatus subordinado, suelen ser la fuerza impulsora del sistema. El contenido de los exámenes estructura el currículum, que, a su vez, regula la naturaleza de la formación del profesorado.


(…) Mientras se piense que el ideal supremo de la educación es aprender, como ocurre en todas las sociedades tribales, el modelo de la repetición memorística dominará los exámenes y los profesores encontrarán difícil no enseñar pensando en ellos. Igualmente triste es que el modelo de adquisición de información que predomina en la educación, más que el de animar a los niños a pensar por sí mismos, fracasa incluso de acuerdo con sus mismos criterios, ya que constantemente nos quejamos de lo poco que nuestros alumnos parecen saber de la historia del mundo, o de su organización política y económica. El resultado del modelo tribal es que ahoga el pensamiento en el estudiante, en vez de suscitarlo. Esto no quiere decir que tengamos que empezar a hacer mejores exámenes; necesitamos preguntamos a nosotros mismos en qué tipo de mundo queremos vivir, qué tipo de educación contribuiría con más probabilidad al nacimiento de ese mundo y qué tipo de currículum lograría de forma más adecuada esa educación. Debemos, entonces, ponernos a crear ese currículum mejor. (págs. 39-40)


Non hai moitos espazos nin tempos na educación onde se poida pensar sobre que clase de mundo queremos. A inminente desaparición da Educación para a Cidadanía, xunto coa mutilación que vai sufrir a filosofía, non presentan un futuro esperanzador. Aínda así, hai numeros@s profesor@s que loitan cada día por converter as aulas en lugares nos que o pensamento e a emoción do alumnado sexan acollidos e estimulados.


A invitación de Lipman a facer das aulas comunidades de investigación segue a ser un reto cheo de sentido nestes tempos.


Rita Levi-Montalcini, no seu libro Elogio de la imperfección conta unha anécdota cun cumpañeiro de investigación, que lle dixo un día: “Rita, ti e mais eu somos bos, pero xuntos somos excelentes”. Estamos seguros de que isto nos pasa a tod@s.

Bibliografía: 

 

Lipman, Matthew; Sharp, A.M; Oscanyan, F.S. (1992). La filosofía en el aula. Ediciones De La Torre. Madrid,

Sección: