Intertextualidade en tempos de internet

 

“En nuestros días la literatura pareciera redefinirse --en el marco general del diálogo entre diversas tradiciones-- no sólo en su tendencia al contacto o hibridez de los géneros históricos sino, creemos, también en cuanto a su ósmosis o implementación de la brevedad, fragmentación y dinamismo de la internet…/… Tomemos conciencia de ello o no, bajo presión de los mass media estamos constantemente en plan de cotejo y experimentación intercultural  y también de experimentación tecnológica: aprendiendo o mejorando, por ejemplo, nuestro desempeño con la internet. La novela no debe estar ajena a nada de esto.”

Pedro Granados (conferencias)

 

Ao igual que xa non se escribe sobre pergameo nin os monxes dedican longas xornadas á minuciosa tarefa de scriptorium, cabe supoñer que o crecemento exponencial das novas tecnoloxías e a interactividade a través da rede nos traerá, estao facendo xa, novos contornos de intercambio cultural paralelos ao libro convencional de notoria utilidade para o docente. A interactividade e multidisciplinariedade que ao longo destes anos tratamos de lle conferir a EDUGA camiña, precisamente, baixo os imperativos e as utilidades das novas tecnoloxías.

En realidade, as novas ofertas dixitais e as súas potencialidades son tantas e tan diversas que, seguramente, unhas frutificarán e outras quedarán na lembranza como meros e fútiles experimentos, obra de urxidos fabricantes de fume. Non obstante, existen xa elementos verdadeiramente útiles a día de hoxe. Non teño datos á vista, pero parece claro que ninguén necesita xa amorear nos seus andeis inmanexables e carísimas enciclopedias, obsoletas ao día seguinte da súa adquisición, ou dicionarios de todo tipo aos que se pode acceder cun simple clic na rede. O mesmo poderiamos dicir respecto de revistas e literatura científica, resulta marabilloso baixar da rede todos os pdf que se necesitan para a redacción dun artigo profesional sen incómodos desprazamentos.

E aínda con todo, xa sabemos que a literatura encadernada e impresa negro sobre branco posúe connotacións tan míticas que será moito máis difícil de substituír con éxito e solvencia. Non obstante, a todos nos gustaría gozar dunha nova novela e, á vez, poder gozar das paisaxes alí recreadas a través de hipervínculos a Flickr, por exemplo. Ou consultar en liña cantos malditos metros mide unha versta rusa mentres lemos a Tolstoi, se pode ser sen erguerse da butaca ou da hamaca da praia, moito mellor.

 

Juan Granados
Director da RGE, EDUGA

Sección: