Espacios en armonía: propuestas de actuación en ambientes para la infancia

O ambiente escolar é como unha especie de acuario no que se reflicten as ideas, o estilo moral, as actitudes das persoas que nel viven. Loris Malaguzzi, 198

Título: Espacios en armonía: propuestas de actuación en ambientes para la infancia
Autora: Beatriz Trueba Marcano
Editorial: Octaedro

 

Autoras da recensión: Sonia Fernández Balboa e Paloma Losada
soniafernandezbalboa@edu.xunta.gal
palomalr@edu.xunta.gal
CFR de Pontevedra

 

 

 

A reflexión sobre os espazos educativos e o seu deseño é un tema de grande actualidade, desde antes e máis aló das adaptacións (temporais) esixidas no momento actual. Neste contexto, o libro de Beatriz Trueba é moito máis que unha reflexión sobre os espazos educativos e o seu deseño.

Aínda que o texto se caracteriza por ser breve e de fácil lectura, promove nas lectoras e lectores unha reflexión moi profunda que consegue desmontar paradigmas e crenzas  transmitidas ao longo dos anos e que, sen ser moi conscientes deste feito, reproducimos na nosa práctica docente. Automaticamente, con esta lectura, comezamos a cuestionarnos case todos os aspectos relacionados dalgunha maneira coa docencia.

Beatriz convídanos a repensar, en relación co espazo e os seus usos, as nosas crenzas e prácticas, a visión que temos sobre nós mesmos como docentes e como persoas, e mesmo a ollada sobre o noso alumnado, a infancia en xeral e a educación. Tras a lectura do libro, os docentes comezarán a percibir o espazo como un aliado, un recurso de aprendizaxe privilexiada que inspira sen impoñer, que permite executar accións para a aprendizaxe activa e autónoma, a través de propostas diversas que combinan diferentes linguaxes e materiais para fomentar a autonomía e a creatividade. Un cambio que non debería ser individual e sería moito máis relevante se fose unha tarefa de equipo.

Deste xeito, todas estas reflexións poderían quedar reflectidas nun diario de aula, onde recoller todos aqueles aspectos relevantes no día a día na aula. Isto permitiría a análise e reflexión posterior da nosa práctica educativa que, posta en común posteriormente con outros colegas a través dun seminario ou grupo de traballo, podería ter un impacto importante en calquera centro educativo. Profesionais recoñecidos como Paulo Freire, Celestine Freinet ou Rafael Porlán utilizaron o diario de clase como elemento de reflexión e formación consciente.

Con respecto ao alumnado, o libro responde a unha visión pedagóxica holística, orientada a potenciar un desenvolvemento global (afectivo, estético e non só cognitivo ou procedemental). Desde esta perspectiva, a escola, a través de espazos amables, acolledores e artísticos, convértese nun contexto potenciador de emocións e actitudes, de calma e lentitude, de goce estético, desde o profundo respecto á identidade, á diversidade e a capacidade dos nenos para desenvolverse autonomamente.

Así, cunha especial énfase na atención e no respecto á infancia e aos seus procesos e posibilidades, a autora propón a modificación de espazos que favoreza o benestar, o desenvolvemento, o asombro e as relacións persoais… Espazos harmónicos co que realmente pensamos, queremos e sentimos que debe ser a educación, que parten do establecemento duns principios educativos, pasando pola análise de paradigmas e escenarios, antes de chegar ao deseño de espazos propiamente ditos.

En definitiva, a reflexión sobre o espazo convértese así nunha oportunidade, tanto individual como colectiva, de desenvolvemento profesional e reflexión sobre todos os aspectos involucrados na educación.

 

 

 

Sección: