Recanto dos sentidos. O CalRevis

Este PFPP mergúllase «nun traballo multisensorial» que trata de lle dar valor ao coñecemento adquirido a través da percepción sensorial nun contorno rural, vivo e habitado, o cal foi levado a cabo, simultaneamente, nas tres escolas unitarias de Santiago de Compostela e para o que se contou coa implicación de toda a comunidade educativa: nais e pais, Servizo de Inspección, Consellería, Concellería, achega da experta Vita Martínez Vérez e apoio e asesoramento desde o CAFI.

Cerqueiro Gómez, Begoña María (Titora e profesora de infantil. EEI Bispo Teodomiro (Marrozos). Especialista en ed. infantil e primaria. bcerqueiro@edu.xunta.es)
González Mayo, Verónica E. (Titora e especialista en ed. infantil. EEI do Rial. Licenciada en Pedagoxía. Veronica.gonzalez.mayo@edu.xunta.es)
Lamas Cabaleiro, M.ª de los Ángeles (Coordinación. Titora e mestra no EEI do Gaioso (O Eixo). Especialista en ed. infantil, primaria e outras. m.angeleslamas@edu.xunta.es)
Martínez Vérez, M.ª Victoria (Profesora de ensino secundario. CIFP Ánxel Casal. Doutora en Socioloxía. mmverez@edu.xunta.es)
Ogando da Costa Guarda, Juan (Especialista R. C. maquetación. Centro base e as tres unitarias. Licenciado en Ciencias Relixiosas. jogando@edu.xunta.es.)
Vidal Fraga, Yolanda (Especialista L. I. Recompilación e traducións. CEIP Santa Irene en Porto do Son. Licenciada en Filoloxía Inglesa. yvfraga@edu.xunta.es)

 

 

Introdución

 

Todas as persoas maiores foron ao principio nenos, aínda que poucas delas o recordan.

Antoine de Saint-Exupéry (1943). O Principiño.

 

Existen, polo menos, dúas formas de abordar a vida, como un camiño que hai que trazar ou como un que hai que percorrer e, aínda que parecen coincidir nas palabras, os verbos cámbiano todo.

Quen percorre, contempla e camiña un carreiro aprende a sentir os seus recunchos, (ad)-mira, sente, padece, pérdese e atopa un destino novo cada vez. Non fracasa, tampouco gaña, simplemente se (con)-move ante a xeografía do terreo.

Quen traza, non obstante, constrúe e asfalta estradas, aprende a ser eficaz no deseño, capaz nos medios, está atento ás posibilidades, ás ferramentas de trazabilidade. Non fracasa, tampouco gaña, simplemente move a xeografía do terreo.

En ambos os casos, a meta é a vida e a vivencia; recompensa.

Non hai nada máis, nin nada menos, en xogo.
O camiñante ha de prestarlles atención aos sentidos, saber se é de día ou de noite, coñecer a meteoroloxía, esperar as estacións, contar os ciclos, mirar ao dereito e ao revés, escoitar o silencio e a voz, cheirar o perigo e a calma, probar con medo, lembrar o sabor, tentar o froito, tocar coas mans o intanxible, expresar o todo que é a nada e situarse como parte cosmolóxica do universo que o habita, gardando memoria do cotián.

O enxeñeiro ha de traballar as súas habilidades de cálculo e estrutura, planear ben as tarefas, empregar os sentidos na procura da rendibilidade do trazado.

Camiñantes e enxeñeiros camiñan a vida, pero dun modo diferente; mentres uns se compracen no sensorial, os outros utilizan os sentidos como ferramenta.

Ambas as formas de (con)-vivir son necesarias, complementarias e mesmo superpostas, a humanidade móvese nunhas coordenadas topográficas e existenciais; pero ademais de adaptarnos a elas, tamén as adaptamos a nós. Así, o ferro, a roda, a indución do motor, e a nube do (non) ceo son construcións humanas. A persoa, a imaxe e semellanza do creado, é creador de oportunidades, pero para iso ha de saber recoñecelas, lembralas e aplicar a memoria perceptiva a patróns similares e diferentes, sumando ao vello o novo que achega o presente concreto.

En resumo, tal e como dicía Aristóteles, toda forma de coñecemento, de idea, de certeza, de inventiva provén da percepción sensorial da materia, da capacidade de discernir a experiencia, do filtro activo da memoria e da intuición que dá forma ao concepto sensible, imbricado nos procesos de réplica e creación, que son a base da nosa supervivencia.

Así pois, é importante aprender a coñecer (con outros) o camiño que nos percorre por dentro, para poder construír (con outros) diferentes tipos de trazabilidade.

E é aí, no terreo da preposición, onde o outro se converte en protagonista da percepción do eu xa que, a pesar de reivindicar o centro de si mesmo como destino, o ser humano é fronteirizo, necesita da alteridade (Lévinas, 1993), aínda que só sexa para que outras persoas o sitúen no mundo. Así, cando no horizonte aparece unha persoa, esta defínese como espello e límite do propio ser (Martínez-Vérez e Abad, 2016). No outro acaba o eu e empeza o nós-outros do mundo vivido e experimentado conxuntamente (Bauman, 2007). É nas fronteiras onde se producen os encontros e a experiencia cultural, nese lugar do símbolo, nesa zona intermedia situada entre o eu e a realidade que o neno crea cando se recoñece a si mesmo como unha unidade corporal, cun dentro e un fóra e uns límites que o illan ou o achegan (Winnicott, 1971).

Así, o concepto de humanidade nace, precisamente, da apreciación da semellanza en contraposición á diferenza e da necesidade de comunicar, a eses outros iguais, non só o intanxible e simbólico, senón tamén o concreto que permite a supervivencia nun contexto determinado. Simbolizar, significar, representar, sobrevivir e comunicar son funcións propias da cultura de referencia e todas elas teñen a súa orixe na percepción.

Polo tanto, calquera proposta educativa, especialmente na etapa infantil, ha de partir do sensorial, xa que no espazo vivido só hai lugar para a experiencia (Chacón, P.; Sánchez Ruiz, J.; Belda, N., 2011, 10). Así, mirar, escoitar, saborear, cheirar e tocar son verbos que lles permiten á nena e ao neno establecer diferenzas e semellanzas que, unha vez experimentadas e aprendidas, dan lugar á intuición, a cal é a base do coñecemento científico ao permitir a comparación, a dúbida, a hipótese e o razoamento dedutivo.

De modo similar, a captación das características do hábitat e a necesidade de sobrevivir a estas favoreceu o exercicio da creatividade, calidade ligada á enxeñería humana que, desde os albores da humanidade, facilitou, a través das sucesivas innovacións, a adaptación á contorna.

Neste sentido, só o que se sente sensorialmente é experiencia viva, que dá orixe ao concepto, á dedución e ao coñecemento. Así, poderíase dicir que, sen sensibilidade, a humanidade camiñaría sen compás, perdida no mapamundi da incerteza.

O con-texto da experiencia

Esta experiencia trázase no marco dun plan de formación permanente do profesorado (PFPP), a modo de afondar nun dos «12 recantos» establecidos no programa educativo CalRevis, o Recanto dos Sentidos. A elección deste eixe sensorial débese á súa capacidade de proxectar coñecemento a través da experimentación, xa que, como dicía Aristóteles, o saber é o sabor da materia e pode compartirse.

Esta consideración enlaza cos principios pedagóxicos da Escola Nova, coa pirámide de Glasser, coa teoría das intelixencias múltiples de Gadner e coa contribución da neurociencia en educación (Bueno, 2019).

O currículo educativo para o segundo ciclo de educación infantil é a base na que se apoia o proxecto en canto aos obxectivos e ás competencias básicas que deben acadar as nenas e os nenos co apoio das mestras e mestres.

Participantes

Na experiencia participaron 26 nenas e nenos, de 3, 4 e 5 anos, escolarizados durante o curso 2018/19 nas escolas Bispo-Teodomiro (Marrozos), O Gaioso (O Eixo) e Rial (Laraño) (9, 8 e 9 ), as tres mestras titoras e as familias.

Tamén o Servizo de Inspección Educativa, o Concello, os asesores do CAFI Agapito Muñiz e David Penas, a formadora Vita Martínez-Vérez, e os expertos Juan Ogando da Costa e Yolanda Vidal Fraga.

Obxecto da experiencia

O obxecto da experiencia é analizar a importancia do sensorial na adquisición de coñecemento mediante a colaboración entre as tres escolas unitarias de Santiago de Compostela, os rapaces e as súas familias. Así, o proxecto ten sabor a rural, a tráfico lento e a illa (de illado).

Os obxectivos específicos formulados son os seguintes:

  • Fomentar e facilitar o desenvolvemento do coñecemento a través dos sentidos.
  • Compartir e potenciar, en colaboración coas familias dos rapaces e coas institucións educativas e municipais, o resultado do proxecto.

Proceso educativo do Recanto dos Sentidos: o CalRevis

A frase do filósofo José Ortega e Gasset (1914) «yo soy yo y mi circunstancia, y si no la salvo a ella no me salvo yo» permite introducir a topografía no proxecto, xa que o concepto de escola unitaria pode ser sinónimo de «circunstancias adversas»: illamento, traballo solitario, falta de medios e, mesmamente, perda da capacidade de innovar, de buscar, de atreverse; en definitiva: un ambiente apropiado para acomodarse.

Pero non é así.

Nestas escolas unitarias, as «circunstancias» son favorecedoras en moito ámbitos: o contorno natural defendido por Rosseau (1762) na súa obra Emilio, que aproveitamos e integramos no currículo; a ratio adecuada para favorecer vínculos de apego; a relación de proximidade coas familias; a comunicación diaria na entrega e recollida dos nenos; o ambiente afectivo que propicia que as nenas, os nenos e as mestras non deixemos de sorprendernos e de aprender uns dos outros; e a busca permanente de vínculos, que provoca en nós habilidades como a de coordinación e a de traballo en grupo.

Tamén existen adversidades, como a falta de apoios na aula en casos de NEAE e as dificultades para substitucións en caso de imprevistos, pero tratamos de resolvelas cun alto nivel de compromiso, de entrega persoal e altas doses de imaxinación.

Tras analizar as circunstancias do trazado educativo das escolas unitarias, elabórase un programa, O CalRevis, no curso 2017/18 (Bispo-Teodomiro e O Gaioso) que pon en valor a diferenza entre iguais. Para iso debuxa un percorrido sensible e sensitivo que nos permite distinguir e distinguirnos, achegar e achegarnos; en resumo, compartir «rarezas e preciosidades». Este camiño concrétase en 12 recantos como o da música, a dramatización, as palabras máxicas, os contos e as celebracións, entre outros, nos que os sentidos constitúen o nexo común de todos eles. De feito, o traballo realizado nesta primeira etapa é o piar no que asenta a experiencia que se está a relatar.

 

Gráfico conexións entre os recantos. Elaboración propia

 

Así pois, unha vez que rematou o curso 2017/18, solicítase un plan de formación permanente de profesorado, nesta ocasión para as tres escolas, coa finalidade de traballar coordinadamente os sentidos nas aulas, sen esquecer a importancia da intuición. Neste PFPP participaron como expertos Yolanda Vidal-Fraga, na área de recompilación e tradución (curso 2017/18); Juan Ogando da Costa Guarda, na área de documentación audiovisual, edición e maquetación; e Vita Martínez-Vérez na área de formación.

Coa súa colaboración, as mestras titoras seleccionaron un elemento próximo e significativo para os rapaces (unha galleta), co fin de centrar a atención e provocar unha asociación co proxecto de acordo cos principios do mindfulness.

Ao mesmo tempo, as tres aulas desenvolveron, de xeito coordinado, actividades multisensoriais en relación coas distintas épocas do ano, empregando produtos propios de cada estación como uvas, marmelos, castañas, cabazas etc., a través dos cales se traballaron os temas transversais, se introduciron as conmemoracións establecidas pola Xunta de Galicia, como a Paz, e as Letras Galegas, entre outras. Estas accións permitiron establecer sinerxías positivas coa comunidade de referencia.

Para a realización destas actividades empregáronse diferentes recursos: organizativos, como as programacións (xeral, de aula, horarios); materiais, de tipo funxible dispoñible nas aulas, procedente do medio natural, como as follas e os froitos; e algún outro achegado polas mestras, como un violín ou unha pintura.

Neste tempo, as mestras pedíronlles ás familias, a través dun cuestionario de preguntas abertas, que compartisen experiencias sensoriais propias, relacionadas cos distintos sentidos. As respostas ofrecidas foron tan variadas e ricas en matices que había que compartilas.

Así pois, durante o traballo formativo, xurdiu a idea de crear unha instalación de arte contemporánea para celebrar a sensorialidade e compartir afectos.

Para iso elixíronse 6 caixas de cartón como contedores de experiencias sensitivas, unha por cada sentido, cunha etiqueta exterior escrita que adxectivaba a percepción. Así as palabras, oloroso, visual, táctil, saboroso, sonoro e intuitivo rotulaban as caixas.

Dentro de cada unha delas había un obxecto ofrecido polas familias dos rapaces e unha experiencia sensorial, relacionada cos sentidos, das relatadas polas nais e os pais no cuestionario anteriormente mencionado:

Para o olfacto, frascos transparentes, con diferentes fragrancias, colonia, menta, cravo, lavanda, alfabaca etc.
Para a vista, fotografías das familias en momentos significativos, as cales, foron explicadas polas nenas e os nenos.
Para o oído, unha bucina que contiña o son do mar e que todos puideron escoitar e describir, asociando o ruído coa praia, o río e o verán.
Para o tacto, elixíronse palabras bordadas a punto en relevo que identificaban distintos téxtiles, como lixa, veludo, seda e aceiro, entre outras.
Para o gusto, as galletas, utilizadas como obxecto condutor, foron compartidas como merenda.
E para a intuición, unha faba negra rodeada doutras brancas, que simboliza a diferenza que nos revela como únicos entre iguais; e que é o verdadeiro símbolo do CalRevis.

Tras colocar as caixas, etiquetadas en branco e vermello, sobre uns pupitres cubertos con tea branca, no campo da escola Rial-Laraño, os rapaces foron recibidos cun conto visual, Anidar as palabras de Vita Martínez-Vérez, e saíron descubrir a instalación.

Co fin de que todas e todos puidesen destapar e gozar da experiencia de descubrir e sentirse regalados, foron pasando en grupos pequenos coas súas familias, contemplando, describindo, asociando e identificando as diferentes achegas.

 

 Instalación Con-Sentir. Elaboración propia

 

Unha vez que terminaron o percorrido, as nais e os pais, as avoas e os avós asistentes escribiron no mantel branco as súas sensacións, de modo que estas permanecesen na memoria colectiva e quentasen os meses fríos do vindeiro curso.

Por último, a modo de despedida, levouse a cabo unha merenda con produtos que trouxeron as familias e púxose fin á actividade.

Neste PFPP empregouse, entre outras, a pintura creada polo artista plástico Ramón Irago Silva, Os meus amores (colección privada), coa esperanza de colaborar e contribuír á construción dun mundo de nenas e nenos pleno de sentido, en definitiva, un mundo mellor!

Avaliación e resultados

O obxecto de estudo do presente traballo é analizado mediante o método de investigación-acción educativa, xa que permite profundar na realidade das escolas e desenvolver oportunidades de transformación e optimización dos procesos examinados, establecendo un diálogo entre teoría e práctica, a través da inmersión nos procesos educativos, de forma tal que estes deixan de ser lineais e de establecer relacións de causa-efecto entre o traballo do profesorado e os resultados do alumnado (Latorre, 2003) para xerar aprendizaxes cocreados por unha comunidade de participantes (Elliot, 2009).

Para analizar a experiencia descrita no apartado anterior realízase, en primeiro lugar, unha revisión da literatura existente, identificando os trazos da pedagoxía aristotélica, coa finalidade de organizar as dinámicas educativas de acordo con estas características.

Tras compilar a información obtida, decídese empregar, de modo simultáneo, dúas técnicas de investigación: a análise de documentos gráficos e a observación participante.

A revisión de documentos gráficos, como as fotografías, permite situar a análise das dinámicas educativas nun marco teórico inicial, que facilite a comparación da experiencia desde as características da pedagoxía aristotélica.

Por outra parte, a observación participante é definida por Deketele e Postic (1992) como o resultado do acto de observar e de interpretar. De modo similar, Güash (1997) sinala que a observación supón dar paso ao interno, á emoción, ao sentimento, dando lugar ao subxectivo que impregna os procesos educativos que empregan a expresión artística como ferramenta mediadora.

Mediante estas dúas técnicas, realízase unha avaliación inicial do traballo levado a cabo no curso 2017/18, que permitiu centrar o eixe das dinámicas educativas que se relatan neste artigo, de acordo tamén co proceso formativo iniciado a través do PFPP.

Conforme avanzaba a planificación das tarefas realizadas nas aulas e se documentaban as accións implementadas, xurdiu a idea de levar a cabo unha celebración do proceso de traballo, que puxese de relevo os procesos de coñecemento dos rapaces. E para iso elíxese cocrear mediante a implicación de toda a comunidade educativa unha instalación artística, denominada CON-SENTIR.

O proceso participativo derivado da súa creación foi avaliado a través das técnicas anteriormente mencionadas e obtivéronse non só uns índices altos de participación, senón tamén de implicación e aprendizaxe conxunta.

Conclusións

O PFPP O recanto dos sentidos. O CalRevis recolle o sentir dunha comunidade educativa viva, situada nun contorno natural que promove a exploración sensorial do mundo do eu e dos outros.

Así mesmo, o proceso de traballo iniciado polas dúas escolas unitarias de Santiago de Compostela no curso 2017/18 (Bispo-Teodomiro e O Gaioso) foi sementeira das experiencias narradas neste artigo, de tal xeito que se pode afirmar que, sen este primeiro esforzo, non xurdiría a necesidade de profundar na pedagoxía aristotélica.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Abad, J. e Martínez-Vérez, V. (2016). «O xogo das relacións e o encontro: tecendo o tapiz da vida. RELAdEI». Revista Latinoamericana de Educación Infantil, 5 (2), pp. 54-70.

Bauman, Z. (2007). Pensando sociológicamente. Buenos Aires: Edicións Nova Visión.

Bueno Torrens, D. (2019). Neurociencia para educadores. Barcelona: Editorial Octaedro.

Chacón, P.; Sánchez-Ruíz, J. e Belda, N. (2011). «A lóxica poética. Unha fenomenología do pensamento artístico». Arte, Individuo e Sociedade, 23 (1), pp. 9-18.

De Saint-Exupèri, A. (1943). O Principiño. París: Éditions Gallimard.

De Kelete, Jean-Marie e Postic, Marcel (1992). Observar las situaciones educativas. Madrid: Narcea Ediciones.

Elliot, J. (1990). La investigación-acción en educación. Madrid: Morata.

Guasch, Ó. (1997). Observación participante. Cuadernos metodológicos del CIS 20. Madrid: CIS.

Latorre, A. (2003). La investigación-acción. Barcelona: Graó.

Lévinas, E. (1993). O tempo e o outro. Barcelona: Paidós Ibérica.

Ortega y Gasset, J. (1914). Meditaciones del Quijote (1914). Madrid: Alianza Editorial.

Rousseau, J. (1762). Emilio. Barcelona: Bruguera.

Toll Sayeras, J. Y. Colaborador habitual do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Winnicott, D.W. (1971). Realidade e xogo. Barcelona: Gedisa.