Curro e Pancha coa natureza

Un paquete de vídeos didácticos da área de Ciencias da Natureza para quinto e sexto de educación primaria.

Jorge Guerrica Echevarría e Silvia Rodríguez Dorribo

Mestres de primaria no CEP Salustiano Rey Eiras

Pobra do Caramiñal, A Coruña

 

Descrición do recurso

Este proxecto foi realizado durante unha licenza de formación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia no ano 2018. A idea xorde a partir da escaseza e da dificultade de atopar recursos en lingua galega para a posta en práctica, reforzo e/ou ampliación dos contidos na área de Ciencias da Natureza.

Os vídeos didácticos son unha ferramenta útil e motivadora e que asemade servirá tanto para coñecer e afianzar as aprendizaxes como para reforzalas ou amplialas.

A opción de poder visualizar os vídeos en calquera momento do proceso de ensino e aprendizaxe (antes, durante ou despois) permite que este sexa un dos recursos máis aproveitables no eido formativo, tanto para os mestres como para o alumnado. O vídeo é, ademais, un recurso que favorece e respecta os estilos e ritmos de aprendizaxe do alumnado, polo que podemos empregalo como medida para a atención á diversidade.

Respecto do citado anteriormente, o vídeo didáctico é un medio de comunicación que posúe unha linguaxe propia, axuda o receptor a sintetizar sentimentos, ideas, concepcións etc., que poden reforzar ou modificar as que tiña previamente. Permite sistematizar actuacións, afondar no uso de distintas técnicas, sintetizar accións e reaccións, así como captar e reproducir situacións reais de maneira excepcional, que poden estudarse e analizarse en diferentes momentos do proceso de ensino e aprendizaxe.

Por outra banda, ao partirmos do desenvolvemento cognitivo e emocional no que se atopa o alumnado de quinto e sexto de primaria (10 e 11 anos), da concreción do seu pensamento e das súas posibilidades cognitivas, pensamos no uso duns monicreques ou personaxes que servisen como fío condutor en todos os vídeos para a introdución, repaso, formulación de hipóteses, preguntas etc. de todos os contidos.

Este ODE consiste en vídeos didácticos que abranguen todo o currículo de quinto e sexto de EP da materia de Ciencias da Natureza, embebidos nunha páxina web, arquivo zip, feitos con eXeLearning. Dous personaxes, Curro e Pancha, presentan cada un dos temas seguindo esta estrutura: inicio ou presentación, explicación do tema apoiándose en esquemas e imaxes, resumo ou repaso final, presentación dunha curiosidade, despedida ou peche.

Ademais do eXeLearning que está subido no espazo de recursos Abalar tamén se pode acceder mediante a web http://curroepancha.eu/ (mais fácil de lembrar) ou na canle YouTube.

Obxectivos xerais

  • Propiciar o coñecemento de distintos tipos de contidos a través de recursos multimedia.
  • Facilitar o afianzamento e reforzo das aprendizaxes por medio da visualización de vídeos.
  • Fomentar o coñecemento e o uso da lingua galega.
  • Favorecer a transmisión dos contidos dun xeito máis visual e motivador.
  • Utilizar os monicreques ou personaxes como elemento motivador e dinamizador para esta área.

Aspectos curriculares

 Os contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave para cada un dos vídeos son os recollidos no Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia na área de Ciencias da Natureza para quinto e sexto de educación primaria. Os vídeos agrúpanse en catro grandes bloques segundo o seu contido, que coinciden cos propostos no propio currículo da área Ciencias da Natureza:

  • O corpo humano e a saúde
  • Os seres vivos
  • Materia e enerxía
  • A tecnoloxía, obxectos e máquinas

Recursos empregados

Os recursos empregados foron de carácter persoal. A cámara utilizada foi a dun móbil que melloramos cun micrófono externo, lámpadas de iluminación amateur e tres escenarios de gravación coas casas de Curro, Pancha e un croma para facer as escenas de explicación e repaso. O software utilizado foi tamén propio, así como os ordenadores persoais.

As autorías e licenzas das imaxes e vídeos empregados son CreativeCommons Compartir Igual (sacadas de pixabay.com, flickr.com e wikipedia.org) e cómpre mencionar a sintonía inédita dos vídeos, realizada expresamente para eles por Juan Varela Álvarez.

Foto 1. Set de gravación onde se ven os tres escenarios, cámara e iluminación.

Metodoloxía e orientacións didácticas para o seu uso na aula

A metodoloxía que persegue a utilización dos vídeos é fundamentalmente activa, no sentido de que podemos empregalo en calquera momento do proceso de ensino e aprendizaxe, é dicir, antes, durante e/ou despois. O vídeo como recurso pode ter distintas funcións, entre as que atopamos as seguintes: informativa, motivadora, expresiva, avaliativa, investigadora, lúdica, metalingüística…

O vídeo pode ser un elemento ou recurso facilitador de pedagoxías activas e innovadoras como flipped classroom ou clase invertida. Así, coma noutras metodoloxías baseadas no traballo colaborativo de grupos diversos, aprendizaxe baseada en proxectos (ABP) e outras que favorezan a inclusión e que poden dar resposta ás necesidades específicas de cada alumno.

Foto 2. Curro e Pancha desde A Pobra do Caramiñal

Dependendo do uso do vídeo, podemos realizar diferentes tipos de actividades: de presentación-motivación, de avaliación-coñecemento de ideas previas, de coñecemento e desenvolvemento de distintos contidos, de integración de aprendizaxes interactivas de forma autónoma, de consolidación das aprendizaxes, actividades de síntese-resumo, reforzo e /ou ampliación, avaliación das aprendizaxes…

Os vídeos didácticos son un excelente recurso que pode empregarse como medida de atención á diversidade. O vídeo en si mesmo é un recurso que respecta ritmos e estilos de aprendizaxe por mor da súa versatilidade, flexibilidade e adaptabilidade. En definitiva, o vídeo serve para formular numerosas actividades complementarias que podemos desenvolver tanto para reforzar como para ampliar as aprendizaxes. Tamén poden servir como medida de acceso ao currículo ou adaptacións propiamente curriculares.

Avaliación

Quizais na avaliación deste recurso o destacable sería que os vídeos servisen de ferramenta útil para acadar os obxectivos propostos ou os que cadaquén  se propoña. En conclusión, poderiamos apuntar algúns criterios como os seguintes:

  • Colaborar no logro dos obxectivos propostos.
  • Facilitar aprendizaxes cualitativamente mellores, máis completas, máis significativas na área de Ciencias da Natureza.
  • Proporcionar outras técnicas de aprendizaxe reducindo o tempo e o esforzo necesarios para aprender.
  • Permitir a súa integración curricular e a organización de diferentes actividades no proceso de ensino e aprendizaxe.
  • Posibilitar diferentes situacións de uso dentro e fóra da aula.
  • Coñecer, valorar e facilitar a aprendizaxe da lingua galega.

Conclusións

Acadáronse os obxectivos iniciais desta actividade que era ter uns recursos en lingua galega para a área de Ciencias da Natureza tan escasos en xeral na fonte de recursos por excelencia hoxe en día: Internet.

Este ODE xorde precisamente desa necesidade de ter recursos audiovisuais en lingua galega. Escollemos o vídeo didáctico porque non albergamos ningunha dúbida de que é un dos recursos máis empregados polos docentes, alumnado e a xente en xeral para adquirir calquera tipo de aprendizaxe. As redes están cheas de vídeos titoriais que ensinan a facer desde un biscoito ata clases virtuais de música, física…

Nós realizamos unha aula virtual da natureza na que o punto de partida son os vídeos de Curro e Pancha, con boa aceptación por parte doutros compañeiros e co visto e prace do alumnado, o cal accede á información dunha maneira máis flexible, lúdica e motivadora. Cando descobren quen son Curro e Pancha, piden con ilusión que traiamos os monicreques á aula...

Quizais a idea de usar a Curro e Pancha seguindo o estilo das canles de YouTube, facendo algunha que outra brincadeira e ofrecendo curiosidades para obter retroalimentación foi o que máis lle gustou ao noso alumnado. As curiosidades que se expoñen nos vídeos deron pé para promover a aprendizaxe por descubrimento, o gusto por saber cousas novas e traballos de investigación sobre diferentes temas e contidos que non adoitan tratarse na aula ordinaria.

Foto 3. Seguindo a Curro e Pancha desde a casa.

Curro e Pancha servíronnos para espertar o interese e reforzar os puntos clave, ilustrar obxectivamente a información facendo que a explicación dun tema fose dinámica e agradable, e facilitando a comunicación grupal e individual. Ao final dos vídeos realízase un esquema ou resumo da información que os alumnos agradecen e que lles axuda a sintetizar a información para poder afianzala mellor. Os vídeos tamén nos axudaron para formular numerosas actividades complementarias coa finalidade de reforzar e/ou ampliar as aprendizaxes.

En xeral, os vídeos de Curro e Pancha, como docentes, facilitáronnos enormemente o tempo de preparación dos contidos que debe ter cada un dos temas da área de Ciencias da Natureza. Son de gran proveito, xa que abranguen todo o currículo de quinto e sexto de educación primaria, aínda que moitos deles poden utilizarse en niveis inferiores como, de feito, nos teñen dito outros compañeiros.

Curro e Pancha coa natureza foi e segue sendo para nós un recurso con moitas posibilidades de uso e, sobre todo, para aproveitalo nas metodoloxías activas de aprendizaxe baseada en proxectos, clase invertida... coa indiscutible vantaxe de que poden utilizarse tanto dentro como fóra de escola e substituír ou complementar a clase maxistral.

Por casualidades da vida, estamos a facer este artigo nuns tempos difíciles de confinamento por mor do COVID-19, un virus que non nos permite dar clases presenciais. Nestes momentos, Curro e Pancha axúdannos moito a levar as clases en liña, síntoma de que os vídeos poden ser empregados en circunstancias especiais de acceso ao currículo como, por exemplo, alumnado que non poida asistir á escola por diversas causas.

Desexamos que este recurso lle sexa de utilidade a alguén. Agradecémoslle a oportunidade á consellería de ter tempo para facelo, se non sería practicamente imposible.

Aquí vos deixamos un dos vídeos.

Vídeo Os sentidos. A vista.

 

 

Bibliografía: