Unha web para aprender natureza

CEIDA – Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
ceida@ceida.org

 

Introdución

Máis do 27 % da superficie terrestre e do 8 % da superficie mariña conta con algún tipo de protección no territorio español. Parques, reservas, áreas mariñas protexidas, monumentos naturais, paisaxes protexidas, Natura 2000…, un total de 1958 espazos que velan pola conservación da natureza e son parte esencial das nosas paisaxes.

Pero as áreas protexidas do noso país non só albergan a maior biodiversidade de Europa, senón que os seus ecosistemas son imprescindibles para o benestar humano: proporcionan alimentos, auga, materias primas, enerxía…; melloran a calidade do aire e do clima, a fertilidade dos solos, a depuración das augas…; danlle valor ao territorio, enriquecen o coñecemento científico, ou impulsan a realización de actividades recreativas e educativas, entre algúns dos seus beneficios. Fálase, cada vez máis, dos servizos que nos proporcionan os ecosistemas, tratando de recoller a idea do valor social do patrimonio natural.

Con todo, a pesar de ser una peza imprescindible, as áreas protexidas per se non son suficientes para a conservación do noso planeta. A transformación do territorio e o crecemento exponencial das áreas urbanas afástannos, cada vez máis, das contornas verdes. Estamos nun momento no que se fala, por primeira vez, da especie urbana, atraídos pola accesibilidade dos servizos, as vantaxes laborais, as posibilidades de ocio e cultura, e a facilidade de acceso ás novas tecnoloxías.

A necesidade de reconectar coa natureza

A desconexión que existe entre a sociedade actual e a natureza é cada vez máis grande, especialmente nas novas xeracións que, en moitos casos, crecen rodeadas de enormes cantidades de información, a través de todo tipo de aparatos electrónicos (televisión, tableta, ordenador, videoxogos…), mais realizan moi poucas actividades ao aire libre. O escritor e periodista estadounidense Richard Louv, que ten reflexionado e investigado este tema, afirma que xa existe un «trastorno por déficit de natureza», ata o punto de que moitos problemas de atención e hiperactividade nos nenos e nenas están directamente vinculados con esta falta de contacto coa nosa contorna.

A Axencia Pública de Saúde de Escocia anunciaba na prensa hai uns meses o acordo ao que chegaba cos responsables dos espazos naturais desa rexión para comezar a receitarlles aos seus pacientes paseos pola natureza. Tamén en diferentes diarios saía publicado un novo estudo liderado polo Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), no que se sinalaba que as persoas que se desprazan a diario a través de espazos naturais teñen unha mellor saúde mental.

Son, polo tanto, indubidables os beneficios que nos ofrece a natureza no ámbito persoal (mellora a saúde física e mental, o desenvolvemento cognitivo, a creatividade…), pero ademais existen unha serie de beneficios de ámbito social, como o compromiso e o respecto polo medio ambiente que se adquire, especialmente na infancia, a través da relación próxima e positiva coa contorna.

É, polo tanto, urxente e necesario reconectar cos contornos verdes, dispoñer de espazos onde aprender, tocar, ulir, escoitar e, en definitiva, emocionarse coa natureza. As áreas protexidas poden ser un excelente lugar para realizar actividades ao aire libre, pero existen moitos outros sitios ricos en biodiversidade en contornas rurais ou urbanas que son idóneas para aproximarse á natureza e comprender mellor os fenómenos naturais.

 

Aprende Natureza, un proxecto do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA)

Consciente de que é necesaria unha transformación máis profunda da sociedade actual e da relación que esta mantén coa súa contorna, o CEIDA desenvolveu recentemente o proxecto Aprende Natureza, co que pretende espertar a curiosidade e o aprecio polo medio natural, promover actividades ao aire libre e, en definitiva, reforzar o vínculo de toda a cidadanía coas súas contornas naturais máis próximas.

Este centro de referencia para a educación ambiental en Galicia, con sede en Oleiros (A Coruña), leva máis de 18 anos traballando pola creación dunha sociedade sensibilizada e responsable co patrimonio natural, e para iso conta con variados programas educativos e divulgativos que pretenden poñer en valor a biodiversidade da nosa contorna e os beneficios que a natureza lle brinda ao ser humano.

A educación ambiental é, hoxe en día, unha ferramenta básica para a xeración dunha sociedade informada e comprometida coa conservación do patrimonio natural. Esta disciplina, vinculada ao coñecemento, gozo e conservación do patrimonio por parte da cidadanía, é fundamental para a creación dunha conciencia social que vele pola conservación dos elementos e procesos ambientais e da biodiversidade.

Os problemas ambientais aos que nos enfrontamos como sociedade, así como a busca de posibles solucións, son temas aos que tamén desde o sistema educativo debemos de dar respostas. A educación ambiental é ademais unha disciplina transversal, que debe impregnar todo o currículo escolar, e as actividades ao aire libre poden complementar os coñecementos impartidos nas aulas desde calquera materia ou nivel educativo.

 

O catálogo

O proxecto Aprende Natureza: catálogo aberto de lugares naturais de interese pedagóxico, desenvolvido durante o 2018 co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, nace co obxectivo de favorecer o coñecemento, gozo e compromiso coa biodiversidade por parte da comunidade educativa no seu sentido máis amplo. Os seus principais destinatarios son, polo tanto, as persoas vinculadas ao ámbito educativo, mais tamén inclúe as familias e/ou a calquera persoa interesada en realizar actividades ao aire libre.

Para tal fin, o CEIDA elaborou unha ferramenta xeográfica en liña, de consulta cómoda e sinxela, onde poder explorar sitios ricos en biodiversidade de todo o territorio español, e nos que se desenvolven actividades destinadas a fomentar a curiosidade, o coñecemento, o respecto e o aprecio pola natureza.

A natureza desta rede de lugares naturais de interese pedagóxico é moi diversa, tanto polas súas dimensións como pola súa titularidade ou nivel de protección, e así, nel teñen cabida desde espazos de dimensións moi pequenas, como pode ser unha charca no interior dun recinto escolar, a áreas protexidas, como un parque nacional, sempre e cando neles se desenvolvan actividades didácticas que promovan o respecto e aprecio polo medio natural.

Outra das características deste catálogo é o seu carácter aberto: por un lado, é de acceso público, de forma que calquera persoa pode consultar a información que nel se recolle a través de Internet; e por outro, o seu carácter participativo, de modo que calquera institución, centro educativo, asociación, colectivo, empresa… que realice actividades educativas ao aire libre pode suxerir novos lugares ou recursos para incorporar nel.

A aplicación facilítalle ao usuario información sintética e práctica sobre os recursos e actividades que se poden atopar en cada un deses lugares naturais de interese pedagóxico: datos sobre o seu patrimonio natural e cultural, a súa accesibilidade, o nivel de protección, os equipamentos dispoñibles no espazo, as entidades que desenvolven actividades, a estacionalidade das actividades, recursos e outros documentos de interese.

 

O voso centro educativo pode participar

O catálogo Aprende Natureza está aberto a todas aqueles centros educativos, públicos ou privados, así como outras entidades ou colectivos, que realicen actividades didácticas no medio natural e que desexen formar parte do proxecto.

A forma de participar é moi sinxela. Se o lugar no que estades a traballar non existe na base de datos, a web dispón dun formulario a través do cal as entidades poden propoñer a súa inclusión. Se, polo contrario, o lugar xa se atopa no mapa interactivo, os centros poderán enviar novos recursos ou actividades vinculados a ese lugar.

Na páxina web www.aprendenaturaleza.org pódense consultar os criterios que definen un lugar natural de interese pedagóxico. No esquezades ler este apartado antes de suxerir un novo espazo.

Aprende Natureza pretende ser unha gran fonte de información á que recorrer se queremos gozar das nosas paisaxes naturais ou realizar algunha actividade na natureza. Desde o mapa interactivo pódense explorar todos os lugares que xa están incorporados e que podedes visitar co voso alumnado independentemente do nivel educativo.

Coa colaboración de todos e todas, o catálogo converterase nun escaparate de actividades didácticas no medio natural, que sirvan de exemplo a outros educadores. Porque calquera idade é boa para achegarse á nosa contorna, aprende natureza!

Algunhas lecturas de interese no arquivo adxunto (dispoñibles en préstamo para todos os centros educativos galegos na biblioteca do CEIDA).

Máis información en documentación@ceida.org

 

Sección: